Existe tamén o personaxe da guerra de Troia Esténtor (Stentor)

Stentor é un xénero de protozoos ciliados heterótrofos, representativo do grupo dos heterotricos. Teñen xeralmente forma de corno ou trompeta, e unha lonxitude duns 2 milímetros, polo que están entre os organismos unicelulares máis grandes. Poden vivir fixados ou nadar libremente.

O nome procede do heraldo grego da guerra de Troia Esténtor (Στέντωρ, Stentor), que tiña sona de ter unha voz moi alta (estentórea) que se sobrepoñía ás demais, de xeito análogo ás trompetas (forma deste protozoo), que se sobrepoñen a outros instrumentos.[1]

Características editar

O corpo celular ten forma de corno cun anel de cilios prominentes arredor da beira da "campá" anterior (peristoma), que varren a comida (bacterias, algas, outros protozoos e mesmo rotíferos) e axudan a nadar, e que ten no centro o citostoma por onde entra a comida. Ademais, ten cilios pequenos por todo o corpo dispostos en ringleiras (cinetias). O corpo ten unha aparencia estriada debido a que presenta bandas alternantes de ectoplasma pigmentado e non pigmentado. O pigmento denomínase estentorina e permítelle ao protozoo ser sensible á luz.[2]

Algúns destes organismos poden atinguir varios mm e ser visibles a simple vista. Stentor pode ter diversas cores; por exemplo, S. coeruleus é azul. Como moitos protozos de auga doce presenta vacúolos contráctiles osmorregulatorios, que almacenan e expulsan o exceso de auga que entra no seu corpo.

Teñen capacidade de rexeneración, xa que pequenos fragmentos da célula poden crecer orixinando a célula completa [3]. Divídense por fisión binaria; o primeiro que se forma é a zona oral da célula filla (a outra conserva a súa zona oral), o macronúcleo faise ovoide e divídese en dous. Tamén poden realizar a conxugación, na cal se xuntan pola zona oral e intercambian micronúcleos.

Cada célula ten un macronúcleo xeralmente alongado en forma de varios nódulos unidos por filamentos e varios micronucleos (ata 40).

Ecoloxía editar

Son comúns en todo o mundo en ambientes de augas doces como lagos e ríos, e só S. multiformis foi atopado en augas mariñas, doces e ambientes terrestres. Viven normalmente sobre algas e detritos, xa que o extremo oposto á campá segrega unha substancia pegañenta para adherirse. Algunhas especies de Stentor poden vivir simbioticamente con certas especies de algas verdes (Chlorella). Stentor reacciona ás perturbacions externas contraéndose formando unha bóla. A contracción prodúcena unhas fibras contráctiles chamadas mionemas, que percorren todo o corpo desde o peristoma ao extremo oposto. Unhas poucas especies poden formar quistes de repouso.[4].

Sistemática editar

O xénero contén 20 especies descritas.[5][6]

A especie tipo do xénero é Stentor muelleri Ehrenberg, 1831. De acordo coas recentes análises de filoxenia molecular, o xénero parece ser monofilético, e relacionado co xénero Blepharisma [7].

Vídeos editar

Stentor muelleri in mucous lorica
Stentor coeruleus dividíndose por fisión binaria.

Notas editar

  1. Stentor
  2. The ciliate Resource Archive. Stentor Arquivado 22 de outubro de 2009 en Wayback Machine.
  3. Encyclopaedia Britannica
  4. Tartar,V. (1961). The biology of Stentor. Pergamon Press, New York
  5. Kumazawa, H. (2002) Notes on the taxonomy of Stentor Oken (Protozoa, Ciliophora) and a description of a new species. J. Plankton Res. 2002 24: 69-75; doi 10.1093/plankt/24.1.69
  6. Foissner, W. and Wölfl, S. (1994) Revision of the genus Stentor Oken (Protozoa: Ciliophora) and description of S. araucanus nov. spec. from South American lakes. J. Plankton Res., 16, 255–289
  7. Gong, Y-Ch. et al. (2007) Molecular Phylogeny of Stentor (Ciliophora: Heterotrichea) Based on Small Subunit Ribosomal RNA Sequences. J. Eukaryot. Microbiol., 54(1), pp. 45–48

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar