Stenocara gracilipes

Stenocara gracilipes é unha especie de escaravellos da familia dos tenebriónidos que é nativo do deserto do Namib no sur de África. Esa é unha das zonas máis áridas do mundo, que recibe só 1,4 cm de chuvia ao ano. Este escaravello pode sobrevivir grazas a que recolle auga das néboas matinais na súa superficie dorsal chea de rugosidades irregulares.

Para beber auga, S. gracilipes sitúase nunha pequena elevación de area erguéndose sobre as súas patas longas e delgadas. De cara á brisa, co corpo facendo un ángulo de 45°, recolle gotas de néboa sobre as súas ás anteriores endurecidas (élitros). Colócase coa cabeza contra o vento e os élitros ríxidos e cheos de bultiños estendidos contra a brisa húmida. As diminutas pingas de auga (de 15-20 µm de diámetro) da néboa son recollidas nas ás; alí as pingas quedan adheridas aos bultiños hidrófilos, que están rodeados de depresións cerosas hidrófobas. As pingas aplástanse a medida que fan contacto coas superficies hidrófilas, impedindo que sexan retiradas polo vento e proporcionando unha superficie para que se unan outras pingas. A acumulación continúa ata que o peso combinado das pingas supera a atracción electrostática da auga aos bultiños así como a forza que lle opoña o vento; cunha brisa de 30 km/h, as pingas vanse pegar aos élitros ata que crezan ata ter un tamaño duns 5 mm de diámetro; nese momento rodan polo dorso do animal ata a súa boca.

Os investigadores do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) emularon esta capacidade creando unha superficie texturizada que combina materiais alternantes hidrófobos e hidrófilos. Entre os posibles usos están a extracción de humidade do aire[1] e crear fiestras e espellos sen condensación, que non se embazan. Unha compañía chamada NBD Nano está tentando comercializar esta tecnoloxia.[2][3]

Ultimamente, tamén se demostrou que estes escaravellos poden obter auga do resío (é dicir, sen néboa).[4][5]

Notas editar

  1. Airdrop Irrigation en gizmag. Consultado o 2015-01-05.
  2. "Official NBD homepage". Consultado o 2012-10-29. 
  3. "Namib Desert beetle inspires self-filling water bottle". BBC News. 2012-11-23. 
  4. Springer Corporate Communications (8 de decembro de 2014). "Biomimetic dew harvesters". Springer. Consultado o 3 de febreiro de 2022. 
  5. de la Giroday, Maryse (decembro de 2014). "Do Tenebrionind beetles collect dew or condensation—a water issue at the nanoscale". FrogHeart Communications. Consultado o 20 de xaneiro de 2015. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar