Souto da Retorta

souto en Chavín, Viveiro

Coordenadas: 43°36′46.44″N 7°35′36.08″O / 43.6129000, -7.5933556

Souto da Retorta
Sendeiro no souto.
Marco Legal
Figura de Protección: Monumento natural, Árbore senlleira
Ano de constitución: 2000
Superficie: 3,19 ha.
Lexislación: Decreto 67/2007, do 22 de marzo.
Datos de interese
País: Galicia Galicia
Provincias: Lugo
Concellos: Viveiro
Ríos: río Landro
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

O Souto da Retorta é un souto declarado árbore senlleira e monumento natural que se atopa na parroquia luguesa de Chavín (Viveiro), na marxe dereita do río Landro e a uns 6 km da capital municipal. Dentro do souto destaca un rodal duns 600 eucaliptos da especie Eucalyptus globulus, algúns deles centenarios e de gran tamaño, ós que debe o sobrenome polo que tamén é coñecido: o eucaliptal de Chavín.[1][2]

A súa declaración de árbore senlleira foi grazas ás árbores que destacan nel polo seu porte e idade. O eucalipto azul coñecido como O Avó, inda que non é o exemplar máis alto do conxunto arbóreo da Retorta, é o máis sobresaínte polo seu grosor e por ser o máis ancián desta paraxe xa que ten entre 120 e 130 anos.[1] Ademais o espazo presenta, ó longo do curso do río, dúas fervenzas dignas de mención: o Salto do Can e o Pozo da Ferida, este cunha caída en vertical de 30 metros.

Este souto atópase en parte dentro do ZEC Río Landro.[1] O espazo ten unha superficie de 3,19 ha. e caracterízase polo seu clima oceánico húmido, cunhas precipitacións anuais medias de 1.412 mm e unha temperatura media de 13 °C. Está situado a unha altitude duns 30 metros sobre o nivel do mar.

O Avó de Chavín editar

 
O Avó. Pódese apreciar o seu grosor comparado coas seis persoas que están apoiadas nel.

Os eucaliptos do Souto da Retorta plantáronse a partir de 1860 para a drenaxe das terras baixas que se anegaban con frecuencia a consecuencia das arroiadas dos regatos tributarios do río Landro. Destacan por alcanzar unha altura considerable, as maiores da península e das maiores de Europa, e entre eles cómpre salientar o Avó de Chavín, de 126 anos, unha altura de 71,4 metros e un perímetro de 7,6 metros. Non é o exemplar máis alto do eucaliptal pero si o de maior porte.[3]

En 2010 foi nomeado Árbore do ano nos premios Árbol y Bosque del Año organizados pola organización Bosques sin Fronteras e a Fundación Biodiversidade[4][5].

 
O Avó do Souto da Retorta.

Aparece no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza.

En 2018 Correos editou un selo con el e a Xunta de Galicia anunciou que perfila un plan de conservación.[6]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Consellería de Medio Ambiente (Mércores, 12 de abril de 2000). Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 77/2000, do 25 de febreiro, polo que se declara monumento natural o Souto da Retorta, no concello de Viveiro (provincia de Lugo).". DOG (Núm. 72): Páx. 5.142. 
  2. Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Xunta de Galicia, eds. "Monumentos Naturais". 
  3. Turgalicia cita no eucaliptal alturas de 80 metros; Leiro Lois dá cifras de 67 m de altura, 2,5 m de diámetro e 10,5 de perímetro, referidas concretamente ó Avó.
  4. "O Avó de Chavín es el gigante del año". La Voz de Galicia. 20/11/2010. 
  5. "Avó Chavín, el eucalipto más alto de Europa, uno de los Premios Árbol del Año". El Mundo. 19/11/2010. 
  6. "O Avó de Chavín xa ten selo e a Xunta perfila o plan de conservación do Souto da Retorta". 3 de decembro de 2018. Consultado o 4 de decembro de 2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Leiro Lois, Adela; Daporta Padín, Mon e Caamaño Rivas, Víctor: Espazos naturais. Provincia de Lugo. A Nosa Terra, Vigo 2004.

Ligazóns externas editar