Sotra Facula (procedente do nome da illas Sotra de Noruega) é un prominente accidente xeolóxico de Titán, a lúa máis grande de Saturno. Crese que pode ser un volcán de xeo ou criovolcán, formando unha montaña aproximadamente circular que ten uns 65 km de diámetro. Esta ten dous picos que se elevan 1000 m e 1500 m respectivamente; estes picos posúen cráteres que poden acada-los 1500 m de profundidade. Pódense observar regueiros con forma de dedos nos flancos da montaña, medindo quizais ata os 100 m de espesor.[2][3]

Sotra Facula
Mapa estereoscópico de Sotra Facula.
Tipo de accidente xeolóxico Facula
Accidente xeolóxico de Titán
Diámetro 235 km[1]
Coordenadas 12,5 S 39,8º O[1]
Procedencia do nome Sotra, arquipélago situado en Noruega.[1]

Características editar

 
Vista global de Titán, a cal amosa a situación de Sotra Facula

A misión da sonda Cassini Huygens mapeou Sotra Facula usando o radar do orbitador da Cassini e o espectrómetro de mapeamento visual e infravermello. Unha investigación anterior da rexión, feita no ano 2004, revelou unha mancha circular brillante, ou facula, que foi alcumada coma "a Rosa". Nun seguinte sobrevoo da Cassini, a sonda re-investigou a rexión dende dun ángulo diferente, permitindo ós membros do US Geological Survey Astrogeology Science Center xerar un mapeo estereoscópico de Sotra Facula e da súa área circundante. Os investigadores descubriron dúas montañas máis e outro gran cráter, formando unha cadea de montañas varios centos de quilómetros de lonxitude rodeadas por terras baixas cubertas de lava.[3]

Sotra Facula é considerado como "a mellor evidencia, de lonxe, dunha topografía volcánica en calquera lugar documentado dun satélite de xeo", de acordo co científico planetario Jeffrey Kargel da Universidade de Arizona, Sotra foi comparado con volcáns terrestres tales coma o Etna, o Laki e conos volcánicos próximos como os de Flagstaff (Arizona). Non existe aínda ningunha evidencia de actividade actual, pero os investigadores planean supervisar a área para detectar posibles cambios.[2]

Non está clara a composición do material das erupcións de Sotra Facula -posiblemente auga mesturada con amoníaco, ou composición máis exóticas con hidrocarburos compostos, tales coma o polietileno, parafinas ou asfalto.[3][4] As erupcións tamén poderían expulsar metano. A densa atmosfera de metano de Titán é constantemente erosionada pola luz solar na atmosfera superior a través da fotólise; o criovulcanismo polo tanto pode explicar como a atmosfera é restaurada.[4]

Presúmese que as erupcións de Sotra Facula poderían ter orixe nunha capa de auga líquida existente por debaixo da codia xeada de Titán. A aparencia dos cráteres da montaña indica que estes deberían ter entrado en erupción cunha forza considerable, pero non está definido o mecanismo preciso polo cal isto aconteceu. A auga líquida normalmente é máis densa có xeo, pero é posible que a densidade da auga estea reducida a través da mestura con outras substancias, coma por ex. o amoníaco, está maior presión sobre a capa líquida, faría que parte do seu material buscase rutas de escape a través da codia xeada. Alternativamente tamén se expoñen outros mecanismos, coma a formación de burbullas de metano no subsolo ou unha acumulación de presión tectónica.[4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Planetary Names: Facula, faculae: Sotra Facula on Titan". Consultado o 03-09-2018. 
  2. 2,0 2,1 "Cassini Spots Potential Ice Volcano on Saturn Moon". NASA, December 14, 2010
  3. 3,0 3,1 3,2 Lovett, Richard A. "Saturn Moon Has Ice Volcano—And Maybe Life?". National Geographic News, December 15, 2010
  4. 4,0 4,1 4,2 Castelvecchi, Davide. "Titan Spews: Discovery of Cold Volcanoes on Saturnian Moon May Solve Methane Mystery". Scientific American, December 16, 2010