O slapstick é un xénero cinematográfico, comedia muda que basea a súa hilaridade na pantomima e nos gags visuais. Os grandes cómicos mudos carecían da palabra para provocar a risa así que recorreron á tradición do vodevil e do music-hall. Parece ser que debido á prohibición da lexislación inglesa, os cómicos de teatro non podían utilizar a palabra se facían pantomimas. Deste xeito víronse obrigados a crear unha nova comicidade baseada no xesto.

Características editar

O slapstick caracterízase pola mímica, pola acrobacia e por un ritmo frenético, case violento. É unha explosión da física e do ritmo. Os actores están continuamente a piques do accidente, do golpe, do tartazo. A persecución e a axitación son os seus estados naturais.

O slapstick acadou o seu esplendor no cinema mudo norteamericano. Como precursor sempre se cita a Max Linder, un hábil cómico francés. O canadense, residente nos Estados Unidos, Mack Sennett imitou as películas de Linder e fundou a Keystone Film Company, verdadeiro berce do slapstick. Especialmente na súa serie de "cops comedies" (comedias de policías), protagonizadas por un extravagante e dinámico fato de policías e ladróns, Sennett foi desenvolvendo o slapstick. Da Keystone sairían os mellores cómicos mudos, empezando por Charles Chaplin. Con todo, cada cómico foi desenvolvendo o seu propio slapstick. Outros grandes cómicos slapstick foron Buster Keaton, Harold Lloyd, Harry Langdon...

A chegada do cine sonoro puxo fin ó slapstick. Aínda que tería sido posible a súa continuidade o certo é que o público lles deu as costas ós cómicos mudos. Algúns sufriron traxicamente, como Keaton. Outros adaptáronse como puideron ó sonoro como Lloyd ou Laurel e Hardy. Uns poucos, como Chaplin intentaron resistir inutilmente.

Con todo, o slapstick sobreviviu. O francés Jacques Tati seguiu perfeccionando o slapstick na súa variante muda. Por outro lado, moitos cómicos posteriores beberon nas fontes do slapstick como Jerry Lee Lewis, Mel Brooks, Woody Allen ou Jim Carrey.