Sistema gustativo

O gusto consiste en rexistrar o sabor e identificar determinadas substancias solubles na saliva por medio dalgunhas das súas calidades químicas. Aínda que constitúe o máis débil dos sentidos, está unido ó olfacto, que completa a súa función. Isto débese a que o cheiro dos alimentos que inxerimos ascende pola bifurcación aerodixestiva cara á mucosa olfactiva, e así se dá o estraño fenómeno, que consiste en que probamos os alimentos primeiro polo nariz. Unha demostración disto é o que nos pasa cando temos o nariz tapado por mor dun catarro: ó comer atopamos todo insípido, sen sabor.

Este sentido, ademais, é un poderoso auxiliar da dixestión, xa que sabemos que as sensacións agradables do gusto estimulan a secreción da saliva e os zumes gástricos. As papilas gustativas xogan un papel moi importante neste sentido.