Shenzhou

nave espacial tripulada chinesa

Shenzhou é o nome dun modelo de nave espacial tripulada chinesa.

Esquema dunha nave Shenzhou, cos módulos orbital, de reentrada e de servizo.

As naves Shenzhou básanse nas naves Soiuz rusas, pero teñen maior tamaño e diferenzas importantes. Ao igual que estas, están compostas por tres módulos:

  • Un módulo orbital con experimentos, instrumentos e espazo para os astronautas unha vez en órbita. O módulo, a diferenza das Soiuz, pódese deixar en órbita (sen tripulación) e funcionar de maneira autónoma, como un satélite máis.
  • Un módulo de reentrada, no que os astronautas regresan á Terra protexidos cun escudo térmico. Ten capacidade para ata tres ocupantes e é un 13% máis grande que o módulo correspondenta da Soiuz no que se basea. A súa estrutura principal está feita de titanio e aliaxe de aluminio. Ten forma de campá cun diámetro de 2,517 m 2,500 m de alto cun volume útil de 6 m3. Dispón de dúas ventás de 30 cm de diámetro e un túnel de 70 cm de diámetro como conexión co módulo orbital.
  • Un módulo de servizo que proporciona enerxía, propulsión e outras funcións aos outros módulos. Dispón de dous paneis solares que totalizan 36,72 m2 de superficie e proporcionan ata 3,5 kW de potencia eléctrica. No interior do módulo atópanse compartimentos coa aviónica e os equipos de control ambiental e eléctrico, xunto con tanques de nitróxeno e osíxeno e os tubos que transportan o calor xerado polos astronautas e os sistemas da nave ata un radiador no exterior do módulo. O sistema de propulsión utiliza 1000 kg de tetróxido de nitróxeno e MMH como propelentes que alimentan catro motores principais de 2,5 kN de pulo cada un, oito propulsores de 150 N e oito de 5 N para manobras de cabeceo e guiñada e outros oito propulsores de 5 N para manobras de arrolo.

A seguridade dos astronautas durante o lanzamento está garantida co uso dun sistema de escape ao lanzamento consistente nun foguete acaroado na parte superior da cápsula que a separaría do foguete principal en caso de problemas na etapa de posta en órbita.

Os traballos para o deseño e construción da nave comezaron en 1992, mentres que o primeiro voo de proba non tripulado non tivo lugar ata o 19 de novembro de 1999. A primeira nave Shenzhou tripulada foi lanzada o 5 de outubro de 2003 con Yang Liwei a bordo.

Características editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

  • Mark Wade (2017). "Shenzhou" (en inglés). Consultado o 1 de xullo de 2017.