Sergio González Soriano

futbolista español

Sergio González Soriano, nado en L'Hospitalet de Llobregat (Barcelona) o 10 de novembro de 1976, é un exfutbolista e adestrador español. Xogaba de centrocampista e desenvolveu a maior parte da súa carreira entre o Espanyol e o Deportivo da Coruña, sendo considerado un xogador histórico de ambos clubs. Gañou unha Copa do Rei con cada un deles, marcando gol en ambas finais, contra Atlético de Madrid e Real Madrid. Con 383 partidos oficiais co Deportivo da Coruña, é o sétimo futbolista con máis encontros na historia do club. Disputou un total de 418 partidos na Primeira División, nos que marcou 34 goles. Foi internacional coa selección española, coa que participou no Mundial de 2002.

Sergio
Información persoal
Nome Sergio González Soriano
Nacemento 10 de novembro de 1976 (47 anos)
Lugar de nacemento L'Hospitalet de Llobregat
Altura 1,82 m.
Posición Centrocampista
Carreira xuvenil
L'Hospitalet
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1994–1995 L'Hospitalet 12 (1)
1995–1998 Espanyol B 29 (5)
1998–2001 Espanyol 110 (5)
2001–2010 Deportivo da Coruña 294 (27)
2010–2011 Levante 14 (2)
Selección nacional
2001–2005 España 11 (0)
1999–2013 Cataluña 15 (2)
Adestrador
2013–2014 Espanyol B (asistente)
2014 Espanyol B
2014–2015 Espanyol
2015– Cataluña
2018–2021 Valladolid
2022–2024 Cádiz
Na rede
FIFA: 182714 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Despois de colgar as botas iniciou no Espanyol B unha carreira de adestrador que continuou no primeiro equipo do club catalán, en Primeira División. Posteriormente ascendeu á máxima categoría ao Valladolid, ao que dirixiu durante máis de tres anos, e entre 2022 e 2024 adestrou o Cádiz CF. Ademais, dende 2015 actúa como seleccionador de Cataluña xunto a Gerard López.

Traxectoria editar

Como futbolista editar

Inicios editar

Comezou a xogar ao fútbol sala na súa cidade natal, L'Hospitalet de Llobregat, e aos 11 anos pasou ao fútbol herba, nas filas do Mercat Nou de Magòria, en Barcelona.[1] Máis tarde xogou no equipo cadete do FC Barcelona, antes de ingresar na canteira do principal equipo da súa cidade, o CE L'Hospitalet.[2] O 9 de abril de 1995, con 18 anos, debutou co primeiro equipo na Segunda División B, nun partido diante do Alcoyano. Disputou só seis partidos co equipo, antes de pasar a ser xogador do Espanyol.

Espanyol editar

Empezou a súa etapa no Espanyol militando no filial, o Espanyol B. Xogou con este máis dun cento de partidos en Segunda B, disputando unha fase de ascenso a Segunda na tempada 1997/98. Máis de dous anos antes, o 13 de decembro de 1995, debutara co primeiro equipo na Copa do Rei, nun encontro ante o Leganés no que entrou na segunda parte como substituto de Ismael Urzaiz.[3]

O 12 de abril de 1998 debutou na Primeira División ante o Tenerife, xogando como titular. Non volveu saír do once inicial no resto da tempada e dúas semanas despois do seu debut en liga marcou o seu primeiro gol co Espanyol, nun derbi fronte ao Barcelona no Estadi Olímpic Lluís Companys, empatando o gol inicial de Figo e colocando o definitivo 1-1 no marcador.[4]

Na campaña 1998/99 comezou os primeiros partidos dende o banco, pero trala xornada 15 converteuse en titular indiscutible, xogando dende o inicio case tódolos partidos dos seguintes dous anos e medio. Na tempada 1999/00 o equipo catalán acadou a final da Copa do Rei, despois de eliminar ao Celta de Vigo nos cuartos de final e ao Real Madrid nas semifinais. Na final, disputada contra o Atlético de Madrid en Mestalla, o Espanyol adiantouse cun gol de Tamudo nunha das primeiras xornadas do partido e Sergio puxo o 2-0 no minuto 84. O Atlético acurtou distancias cun gol de Hasselbaink nos instantes finais, pero o título acabou indo para Barcelona.[5][6]

Ese gol na final, que lle deu ao Espanyol o seu primeiro título en 60 anos, así como os seus 140 partidos co equipo, convertérono nun dos futbolistas históricos do club.[7][8]

Deportivo da Coruña editar

En agosto de 2001, con 25 anos, foi traspasado ao Deportivo da Coruña por 2.800 millóns de pesetas, sendo a fichaxe máis cara da historia do club, xunto a Diego Tristán.[9]

Disputou o seu primeiro partido co club coruñés na primeira xornada da tempada 2001/02, contra o Valladolid en Riazor, substituíndo na segunda parte a Amavisca. O 18 de setembro de 2001 debutou na Liga de Campións, saíndo de titular ante o Olympiacos en Riazor. Un mes despois marcou un dos tres goles do club galego na histórica vitoria por 2-3 sobre o Manchester United en Old Trafford.[10]

Titular durante a maioría de partidos da tempada, na que o equipo acabou subcampión de liga, o 6 de marzo de 2002 foi o autor do primeiro gol no chamado "Centenariazo", a final da Copa do Rei na que o Deportivo conquistou o título ante o Real Madrid no día do centenario do club branco e no seu propio estadio, o Santiago Bernabéu.[11] O seu tanto chegou cando aínda non se cumpriran 6 minutos, nunha xogada individual na que lle realizou un caneo a Fernando Hierro antes de internarse na área e superar ao porteiro do Real Madrid, César.[12]

Comezou a seguinte campaña disputando os 180 minutos da Supercopa de España, título que o seu equipo conquistou ante o Valencia por un resultado global de 4-0.[13] Xogou un total de 55 partidos durante a tempada, marcando catro goles, entre eles un na vitoria por 3-0 no derbi co Celta de Vigo en Riazor e outro no 2-4 sobre o Barcelona no Camp Nou. A súa mellor cifra goleadora acadouna na tempada 2007/08, con 7 tantos.

Durante eses anos xogou co club galego 39 partidos da Liga de Campións, sendo titular en todos excepto catro. Estivo presente na maioría dos encontros europeos máis destacados da historia do club, como as vitorias sobre o Manchester United, o Bayern de Múnic, a Juventus, ou o Arsenal, e na histórica remontada fronte ao Milan.[14] Foi titular tanto na ida como na volta das semifinais da edición 2003/04, na que o Deportivo quedou preto de acadar a final, caendo por un só gol ante o Porto de Mourinho.[15]

O 1 de xullo de 2010 desvinculouse do Deportivo ao non renovar o seu contrato. Deixou A Coruña como o sétimo xogador con máis partidos na historia do club (383), despois de ter superado a figuras como García, Domínguez e Vicente Celeiro.[16]

Levante editar

O 22 de xullo anunciouse a súa contratación polo Levante UD.[17] Debutou co equipo na primeira xornada de liga da tempada 2010/11 e foi un habitual nas aliñacións titulares de Luis García Plaza na primeira metade da competición. Marcou dous goles en liga, que supuxeron catro puntos, e fixo unha terceira diana na vitoria por 2-0 sobre o Real Madrid na Copa do Rei. Con todo, en xaneiro tivo que retirarse dun adestramento por unhas molestias nun xemelgo, que derivaron nunha lesión que lle impediu volver vestir a camiseta do equipo.[18][19] Finalmente, a lesión supuxo tamén a súa retirada como futbolista, sendo a derrota por 0-1 no derbi ante o Valencia do 9 de xaneiro de 2011, o seu último encontro.

Selección española editar

Internacional absoluto coa selección española en 11 ocasións, debutou o 24 de marzo de 2001 da man de José Antonio Camacho, cando militaba nas filas do Espanyol. Foi nun partido ante o combinado de Liechtenstein, correspondente á clasificación para a Copa do Mundo e no que entrou nos minutos finais como substituto de Guardiola.[20][21] Formou parte do equipo español no Mundial de 2002, celebrado en Corea do Sur e no Xapón, torneo no que participou nun partido, substituíndo a David Albelda pouco despois do descanso na última xornada da primeira fase ante Suráfrica.

Xogou o seu último partido coa selección española o 17 de agosto de 2005, nun amigable contra o Uruguai no Molinón.[22]

Selección catalá editar

Vestiu en 15 ocasións a camiseta da selección catalá, coa que debutou en decembro de 1999 contra a a antiga Iugoslavia no Estadio Olímpico de Montjuïc. Unha década despois, con Johan Cruyff como seleccionador e xa como capitán, marcou o seu primeiro gol co combinado catalán, nunha vitoria por 4-2 sobre a Arxentina.[23] Xogou o seu último encontro con Cataluña en 2013, ante Nixeria.[24] Retirouse da selección como o futbolista con máis partidos da súa historia, sendo superado máis tarde por Sergio García.[25]

Como adestrador editar

Espanyol B editar

Dous anos despois da súa retirada como futbolista iniciou unha carreira como adestrador, traballando nun primeiro momento como axudante de Manolo Márquez no Espanyol B.[26] En xaneiro de 2014 fíxose coas rendas do filial trala destitución de Márquez, collendo o equipo na 16ª praza do Grupo 3 da Segunda División B. Con só 2 derrotas en 17 partidos conseguiu levar o equipo ata o oitavo posto final, moi lonxe dos postos de descenso.

Espanyol editar

O seu bo traballo no filial fixo que o 27 de maio de 2014 fose anunciado como novo adestrador do primeiro equipo do Espanyol, en substitución do mexicano Javier Aguirre.[27][26] Na súa primeira campaña na máxima categoría, conseguiu un décimo posto en liga, o mellor resultado dos últimos catro anos. Ademais acadou as semifinais da Copa do Rei, onde caeu eliminado ante o Athletic de Valverde. Con todo, na seguinte tempada foi destituído logo de só 15 xornadas, o 14 de decembro de 2015, despois dunha mala xeira de resultados cunha soa vitoria en oito partidos, aínda que o equipo ocupaba a 12ª praza, tres puntos por riba dos postos de descenso.[28] O seu substituto foi o romanés Constantin Gâlcă.

Valladolid editar

En abril de 2018, despois de case dous anos e medio sen club, foi contratado polo Valladolid, substituíndo ao cesado Luis César Sampedro.[29] O adestrador galego deixara o equipo na 11ª posición, pero Sergio conseguiu gañar cinco dos oito partidos restantes, subindo o equipo ata a quinta praza e clasificándoo así para a promoción de ascenso.[30] A continuación o equipo eliminou ao Sporting de Gijón nas semifinais e conseguiu o ascenso logo de vencer na final ao Numancia de Jagoba Arrasate.[31]

Dirixiu o Valladolid durante tres anos máis, logrando en dous deles a permanencia, pero acabou descendendo a Segunda ao remate da tempada 2020/21, o que provocou a súa destitución en maio de 2021.[32]

Cádiz editar

En xaneiro de 2022 substituíu a Álvaro Cervera no banco do Cádiz. No seu primeiro encontro derrotou ao Sporting de Gijón na quenda de penaltis e clasificou ao equipo andaluz para os cuartos de final da Copa do Rei por primeira vez en 16 anos.[33] No campionato de liga conseguiu sacar o equipo da penúltima praza que ocupaba e logrou a permanencia cunha vitoria na derradeira xornada sobre o Alavés (0-1). Iniciou a seguinte campaña á fronte do Cádiz, pero foi destituído en xaneiro, debido aos malos resultados do equipo.[34]

Selección catalá editar

En outubro de 2015 foi nomeado seleccionador de Cataluña pola Federación Catalá de Fútbol, formando tándem con Gerard López.[35]

Palmarés editar

Espanyol
Deportivo

Notas editar

  1. "Sergio González: "2018 será un año para recordar"". As (en castelán). 24 de decembro de 2018. Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  2. ""Mi padre dijo que me iría bien... pero no tanto"". As (en castelán). 22 de outubro de 2010. Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  3. "Un copazo". Mundo Deportivo (en castelán). 14 de decembro de 1995. p. 19. Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  4. Astruells, Andrés (29 de abril de 1998). "Derbi sin pasión". Mundo Deportivo (en castelán). pp. 2–3. Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  5. Segurola, Santiago (27 de maio de 2000). "El Espanyol se corona en Mestalla". El País (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  6. Cordovilla, Anna (27 de maio de 2020). "La noche en que Mestalla se rindió ante el más pillo". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  7. Torres, Carment (3 de xuño de 2015). "Tamudo, el preferido por la afición perica". Marca (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  8. Bailador, Ignacio (23 de febreiro de 2020). "Partido dramático en febrero". As (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  9. Román, Noelia (9 de agosto de 2001). "Sergio cierra su traspaso al Deportivo por ocho temporadas". El País (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  10. Balagué, Guillem (17 de outubro de 2001). "Triunfo histórico del Deportivo en Old Trafford". El Mundo (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  11. Cordovilla, Anna (6 de marzo de 2017). "Hoy se cumplen 15 años del ‘Centenariazo’". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  12. Zárate, Óscar (7 de marzo de 2002). "La crónica". Mundo Deportivo (en castelán). p. 2. Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  13. "Spain - List of Super Cup Finals". rsssf.org (en inglés). Consultado o 15 de outubro de 2022. 
  14. Gil, Jordi (9 de marzo de 2021). "La histórica remontada del Depor ante el Milan como referente" (en castelán). Consultado o 4 de novembro de 2022. 
  15. González, Ángel (5 de maio de 2004). "El Oporto frustra el sueño del Depor". El Mundo (en castelán). Consultado o 4 de novembro de 2022. 
  16. "Listado de jugadores del Deportivo de La Coruña". BDFutbol (en castelán). Consultado o 5 de novembro de 2022. 
  17. ""Sergio González se convierte en nuevo jugador del Levante UD"". Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2010. Consultado o 23 de xullo de 2010. 
  18. "Sergio González se retira del entrenamiento del Levante por unas molestias en el gemelo" (en castelán). 18 de xaneiro de 2011. Consultado o 5 de novembro de 2022. 
  19. Martínez, Alberto (17 de febreiro de 2011). "¿Qué le ocurre a Sergio?" (en castelán). Consultado o 5 de novembro de 2022. 
  20. "España golea cómodamente a la débil selección de Liechtenstein (5-0)". El País (en castelán). 25 de marzo de 2001. Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  21. "España derrota cinco goles a cero a Liechtenstein y mira ahora a Francia" (en castelán). 25 de marzo de 2001. Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  22. "España celebra el regreso de Vicente". El País (en castelán). 17 de agosto de 2005. Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  23. "Cruyff's coaching return brings win over Argentina". USA Today (en inglés). 22 de decembro de 2009. Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  24. Rodríguez, Roberto (2 de xaneiro de 2013). "Catalunya empata con Nigeria en la despedida de Johan Cruyff". La Vanguardia (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  25. "Sergio García fa història amb la selecció catalana" (en catalán). 25 de marzo de 2019. Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  26. 26,0 26,1 Irigoyen, Juan I. (26 de maio de 2014). "El Espanyol apuesta por Sergio González". El País (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  27. Román, Rogelio (28 de maio de 2014). "Sergio González, entrenador del Espanyol los próximos dos años". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  28. Paniagua, Raúl (14 de decembro de 2015). "El Espanyol destituye a Sergio González". El Periódico de Catalunya (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  29. "Sergio González sustituye a Luis César al frente del Real Valladolid" (en castelán). 10 de abril de 2018. Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  30. Gómez, Adrián (20 de xuño de 2018). "Real Valladolid, doce partidos que valen un ascenso" (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  31. "Sergio, en "estado de shock" al haber podido "vivir un sueño"". Marca (en castelán). 16 de xuño de 2018. Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  32. "El Valladolid destituye a Sergio González". Mundo Deportivo (en castelán). 23 de maio de 2021. Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  33. García, Óscar (15 de xaneiro de 2022). "Sergio González se estrena pasando por penaltis". Marca (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2022. 
  34. "El Cádiz destituye a Sergio González" (en castelán). 20 de xaneiro de 2024. Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  35. "Gerard López y Sergio González, tándem en el banquillo de la Selecció Catalana" (en catalán). 13 de outubro de 2015. Consultado o 8 de novembro de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar