Santiaguiño

crustáceo mariño
Santiaguiño
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante [1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Familia: Scyllaridae
Xénero: Scyllarus
Especie: S. arctus
Nome binomial
Scyllarus arctus
(Linnaeus, 1758[2]
Sinonimia
  • Arctus arctus De Haan, 1849
  • Arctus crenulatus Bouvier, 1905
  • Arctus ursus Dana, 1852
  • Astacus arctus Pennant, 1777
  • Cancer Arctus Linnaeus, 1758
  • Cancer (Astacus) ursus minor Herbst, 1793
  • Chrysoma mediterraneum Risso, 1827
  • Nisto asper Sarato, 1885
  • Phyllosoma mediterraneum Hope, 1851
  • Phyllosoma sarniense Lukis, 1835
  • Phyllosoma parthenopaeum Costa, 1840
  • Scyllarus tridentatus Leach, 1814
  • Scyllarus cicada Risso, 1816
  • Scyllarus (Arctus) crenulatus Bouvier, 1915
  • Yalomus depressus Rafinesque MS in Holthuis, 1985

O santiaguiño[3] (Scyllarus arctus, Linnaeus 1758) é un crustáceo decápodo mariño, da familia Scyllaridae, do grupo das lagostas.

Descrición editar

Mide entre 5 e 14 cm. Presenta cefalotórax e abdome, aquel de forma rectangular e cuberto de numerosos tubérculos e escamas formando debuxos irregulares, entre os que destaca, no centro, unha agrupación que lembra a imaxe da cruz de Santiago, á que debe o nome; este deseño apréciase máis claramente trala cocción. A cor é parda escura pero coa punta dos tubérculos abrancazada. Ten os ollos encaixados no bordo anterior do cacho e unhas anténulas con flaxelos moi curtos.

Son características da especie a presenza dun par de antenas anchas e planas, con forma de pa. O animal usa estas antenas para escavar e remove-las piedras ou a area para alimentarse, xa que é basicamente preeiro. Aínda así, tamén come moluscos e pequenos invertebrados.

O abdome, longo e groso, presenta unha serie de segmentos formados por placas duras tamén cubertas de tubérculos irregulares. Poden apreciarse bandas de cor azul pálido ou alaranxado. O telson mostra unha primeira metade calcificada, sendo o resto membranoso[4].

As patas torácicas son curtas e rematan nunha uña. Nas femias, o último par de patas remata nunhas pequenas pinzas.

Hábitat editar

Vive en fondos de rocha ou pedras, entre os 3 e os 50 m de profundidade. A súa área de distribución abarca boa parte do litoral atlántico europeo, desde as Illas Británicas ata os Azores, e mailo mar Mediterráneo.

Pesca editar

Péscase con nasas e con redes de arrastre.

Trátase dunha especie en franca regresión, practicamente desaparecida do mar e case ausente nos mercados desde hai anos. Captúrase esporadicamente nas nasas que se calan para outros crustáceos. En Galicia existe un Plan de explotación ditado no 2001 que limita as épocas de captura a xullo e agosto, coa pretensión de recupera-la especie.

O santiaguiño ten sona de marisco saboroso e moi apreciado, o que non impediu o seguinte comentario despectivo de Álvaro Cunqueiro:

Quedan [de mariscos] algunhas cousas miudas, unhas que non son de moito mérito, coma os santiaguiños, que tiran a seco, aínda que haxa aficionados a xantalos en tortilla, con pirixel picado ou en salpicón, e outras que son excelentes, cun sabor fino, moi propio, coma os camaróns”.

Outras denominacións editar

Ademais da variante fonética santiaghiño, María do Carmo Ríos Panisse recolleu para este crustáceo os seguintes sinónimos:

Tamén recolleu as formas jaima e jamba, en Muxía, e Jaimito en Sardiñeiro.

Notas editar

  1. M. Butler, A. MacDiarmid, R. Wahle, A. Cockcroft & T. Y. Chan (2009). "Scyllarus arctus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2010 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o August 25, 2011. 
  2. "Scyllarus arctus – small European locust lobster". SeaLifeBase. November 7, 2008. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para santiaguiño.
  4. Chámase telson a peza na que remata o abdome de moitos artrópodos. No caso dos crustáceos macruros, é a peza central, impar, dese abano caudal que utilizan para nadar. As outras pezas, en número de 4, que forman ese abano chámanse uropodios.
  5. Nas Figueiras, xa en Asturias, chámano santiago.
  6. Nome derivado da especial dureza do cacho, que require un esforzo para abrilo e comelo.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • CUNQUEIRO, Álvaro: A cociña galega. Editorial Galaxia, Vigo 1980.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Editorial Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 de Verba, 1977.
  • SUEIRO, Jorge Víctor: Manual del marisco. Penthalon, Madrid 1981.

Ligazóns externas editar