O sabre[1] é unha arma do deporte da esgrima e o nome da especialidade dese deporte onde se practica con esta arma.

En vermello, as partes do corpo que poden ser tocadas con sabre.

Características editar

O sabre é das tres armas da esgrima moderna (co florete e a espada), a única que é unicamente cortante, é dicir, que debe impactar lateralmente no adversario, e non frontalmente. Con todo, os impactos feitos coa punta tamén son contados como válidos, se ben son pouco frecuentes. O sabre é lixeiramente curvado, a diferenza do florete e da espada, e ten unha folla de sección triangular ou en Y.

A garda ten forma de cesto e, se ben ten unha disposición semicircular, protexe o conxunto da man.

A folla do sabre, como a do resto das armas da esgrima, ten distintos nomes conforme as partes: a espiga é a parte da folla que se inserta na asa; o forte é a base da folla, máis resistente có resto, e que se usa para as paradas, pero tamén a que ten un movemento máis lento; o centro, ou parte media, onde se desenvolven a maior parte dos contactos entre sabres; e a punta, que é a parte máis frouxa pero máis rápida. Precisamente na disciplina de sabre enténdese que a punta ten gume polos dous lados da folla, polo que se contabilizan os puntos dados coa cota e co gume.

Historia editar

Tense dito que o sabre moderno tiña as súas orixes no sabre de cabalaría, pero recentemente se comprobou que era só unha coincidencia léxica. O sabre moderno foi incorporado á esgrima deportiva pola escola húngara, a finais do século XVIII. O sabre, pois, deriva das cimitarras orientais, e non ten a folla larga e grosa do sabre de cabalaría francés. O sabre húngaro foi perfeccionado á súa vez pola escola italiana.

Regras editar

Os esgrimistas de sabre poden ser tocados polos seus opoñentes na metade superior do corpo, incluída a máscara, e desbotando as mans. Esa é unha superficie maior cá do florete, que exlúe carauta e brazos, e menor cá espada, que tamén permite mans, pernas e pés. Tanto en florete como en sabre está prohibido agochar un albo válido cun que non o é, é dicir, non se pode meter o brazo ou a man desarmada diante do corpo, para evitar a puntuación do contrario.

Ao igual có florete, o sabre réxese polo dereito de prioridade, de maneira que quen ataca ten a posibilidade de anotar os puntos, mentres que o que defende ten que agardar a neutralizar o ataque e realizar un ataque propio. Con todo, as definicións de ataque non son exactamente iguais en florete e sabre, e o sabre resulta a especialidade máis rápida e, se podemos dicilo así, máis agresiva.

Notas editar