Ruxios

pobo xermánico

Os ruxios eran unha tribo xermánica cuxa orixe se remonta á rexión de Rogaland no sur de Noruega, que significa literalmente "terra engurrada", debido ao relevo accidentado dos fiordes nórdicos. Do século -III ata fins do século -I, a poboación desta área migra para o sur en procura de áreas máis quentes, debido á baixada das temperaturas de Europa neste período. Establécense na illa de Rügen, no mar Báltico, dando o seu nome a esta illa.

Situación de Rogaland en Noruega, lugar de procedencia dos ruxios.
Áreas de asentamento dos ruxios: Rogaland, Pomerania (séc I), Rugilandia (séc V); Rügen (período incerto).
Mapa do Imperio Romano, indicativo das tribos que habitaban Europa, no ano 125, mostrando a localización dos ruxios, que habitaban próximos aos lemovianos.

A tribo é mencionada polo escritor romano Tácito no século I, no seu libro Germania. Segundo Tácito, os rugii habitaban a costa do mar Báltico entre os ríos Vístula e Oder, eran veciños dos godos e utilizaban escudos redondos e espadas curtas. Existe un gran intervalo de rexistro histórico, sendo citados os ruxios despois de Tácito soamente no século V. Con todo, pódense supoñer indirectamente algúns eventos. Presionado por guerras contra os godos na finais do século I, os ruxios son atopados desprazándose cara ao sur, cara á rexión do Danubio e os Cárpatos entre os anos 200 e 300. No 390 fanse un pobo vasalo dos hunos invasores, xunto a outras nacións xermánicas, como os ostrogodos. Convértense ao cristianismo ariano. No 451 participan, xunto con Atila, na invasión da Galia e na Batalla dos Campos Cataláunicos (batalla de Chalôns)[1]. Logo da morte de Atila, no 454 ocorre a Batalla de Nedao, onde unha federación de pobos xermánicos derrota aos hunos e alcanza a independencia.

Reino de Noricum editar

Unha parte da nación ruxia sepárase e é aceptada dentro do Imperio romano de Oriente, onde presta servizos militares ao emperador en Constantinopla. Outros xúntanse con Odoacro no golpe final contra o Imperio Romano de Occidente no 476. Outra parte da nación, con todo, recibe a provincia romana de Noricum, para asentamento e alá crean un reino logo da desfeita do imperio. Este reino, nas marxes do Danubio nas áreas que hoxe son Austria e Hungría, recibe o nome de Rugiland. Neste período, considéranse aliados do poder romano, con todo sofren ataques de nacións xermanas estranxeiras. Esta presión motiva o rei ruxio Flaciteo a desexar migrar para Italia, dentro das fronteiras do imperio. Para iso, necesita o permiso de cruzar o reino ostrogodo de Pannonia (hoxe Hungría) que negan pasaxe e ameázanos. Os ruxios, baixo o seu rei Flaciteo, únense a outras tribos xermánicas e atacan o reino ostrogodo no 469, sendo derrotados. Sentíndose cercados polos godos, que controlaban as vías cara a Italia, Feleteo, fillo de Flaciteo, casa coa princesa ostrogoda Gisa. Isto causa unha división na familia real ruxía, co irmán de Feleteo, Freduric, entón gobernador de Vindobona (Viena). Neste momento aparece a actuación de San Severino, un latino vido do imperio oriental.

Son tempos de desintegración económica, administrativa e militar, logo da desaparición da autoridade imperial romana. San Severino auxilia a poboación ruxia e romana de Noricum, principalmente no río Danubio. Nun evento distinguido, a poboación romana de Noricum móvese cara á cidade independente de Lauriacum para escapar dos impostos e imposicións do rei ruxio Feleteo. Este, temendo que esta poboación se xunte cos alamáns e outros pobos da fronteira, e desexando a reanudación dos tributos desa poboación, móvese cara a Lauriacum coa intención de forzalos a que vaian cara a cidades controladas polo reino. San Severino intervén e convence a Feleteo para permitir a volta dos romanos cara ás súas propias cidades. Establécese unha alianza entre Feleteo e San Severino.

Coa morte de San Severino no 482, Freduric, irmán de Feleteo, saquea os mosteiros de San Severino próximos a Vindobona. Dous anos despois, no 484, Freduric é morto por vinganza por Frederic, fillo de Feleteo. Ese acto agrava a relación do reino ruxio co reino de Italia comandado polo xermano Odoacro. Odoacro teme unha invasión ruxía no seu reino, sabendo que o emperador en Constantinopla Zenón I incentiva a Feleteo a moverse nesa dirección. A relación entre o reino de Italia, teoricamente vasalo ao Imperio Romano de Oriente, estaba deteriorando desde anos anteriores. Odoacro toma a iniciativa e ataca o reino ruxio no 487[2]. Nunha batalla no actual monte Kahlenberg en Viena, derrótaos. Leva ao rei Feleteo e a raíña Giso prisioneiros cara a Rávena, onde son posteriormente executados. Frederic, fillo de Feleteo, intenta unha reorganización do reino, pero é derrotado por Onulf, irmán de Odoacro, no ano 488.

Reis ruxios do 451 ao 488 editar

Entrada na Península Itálica editar

As campañas de Odoacro en Noricum deixan a rexión devastada. Onulf transfire a poboación romana do Danubio para a Península Itálica en 488, mentres Frederic e os ruxios derrotados tamén se moven, en dirección ao leste. Chegando a Novæ, provincia de Mesia, nos Balcáns, únense aos ostrogodos baixo o mando de Teodorico na súa marcha para a invasión de Italia no 489 en alianza co emperador Zenón I. Odoacro é o branco das forzas ostrogodas e ruxías, co incentivo imperial. Entrando en Italia, os ruxios son inicialmente asentados en Pavia e responsábeis da protección de Liguria. No 491 Frederic rebélase contra Teodorico durante o ataque a Ravena e alíase co xeneral Tufa, de Odoacro. O motivo son os malos tratos á poboación romana por Teodorico durante a guerra, aos cales os ruxios teñen como amigos desde os anos do reinado en Noricum. Con todo Frederic morre no 492 e conclúese a dinastía real ruxía. Os ruxios entón volven aliarse a Teodorico.

No 492 Teodorico derrota a Odoacro e termina a conquista de Italia polos ostrogodos. En Italia, baixo o goberno ostrogodo, os ruxios manteñen a súa identidade nacional [3] por medio de vodas inter-étnicas e da posíbel separación xeográfica dos asentamentos ostrogodos.

No 541, durante a invasión de Italia polo Imperio bizantino ordenada polo emperador Xustiniano e dirixida polo xeneral Belisario, a morte do rei ostrogodo Hildibaldo deixa o trono libre. Neste momento, Erarico, un ruxio, é proclamado rei dos ruxios e ostrogodos. Este movemento ousado dos ruxios vasalos ten o consentimento de Belisario, como condición para aceptación dunha tregua na guerra, e tamén dos ostrogodos por falta dun sucesor entre os seus. Con todo o seu goberno foi curto. Unha facción ostrogoda desconfía da fidelidade de Erarico e asasínao cinco meses despois, declarando a Totila novo rei ostrogodo. Os ruxios continúan baixo goberno ostrogodo ata a derrota final polo Imperio Bizantino no 553. Deste momento en diante cesan os rexistros históricos de ambos pobos. A súa poboación mestúrase na historia medieval coa poboación autóctona romano-italiana.

Rexistros dos ruxios en Rogaland editar

Existe un rexistro nas sagas nórdicas dun rei ruxio, Erling Skjalgsson, que viviu en torno ao ano 1000, no reino de Rogaland. É o único rei ruxio (Rygekongen) presente nas sagas. Isto mostra a permanencia de poboación ruxia na terra orixinal de Rogaland en períodos posteriores á migración ao sur do século -III. Neste período, dos viquingos, a rexión era chamada Rygjafylke (pronunciado: Ruguía-fulke). Os seus dialectos do nórdico antigo eran: Dalarne, Jaerderen, Ryfylke.

Outros rexistros editar

  • Coa derrota de Atila e os seus aliados na Batalla dos Campos Cataláunicos (batalla de Chalôns) no 451, algúns ruxios que non retornan aos Cárpatos xúntanse aos anglos e saxóns na conquista anglosaxoa de Inglaterra. A participación de ruxios nesta invasión, en torno ao ano 450, é rexistrada por Beda, monxe inglés do século VII, denominándoos Rugini.
  • Existe o argumento de que os letóns descenden nalgunha proporción dos ruxios e que o nome da súa capital Riga, viría de Rugia.

Os ruxios na literatura editar

Artur Balder realizou a biografía novelada máis extensa que existe sobre os pobos xermanos, unificando os acontecementos históricos coñecidos mediante as fontes romanas e arqueolóxicas. Véxase máis información na Saga de Teutoburgo e os seus artigos relacionados.

Notas editar

  1. fonte Sidonio Apolinar
  2. fonte Paulo Diácono, cap.I.xix
  3. fonte Procopio de Cesarea Bellum Gothicum VI,14,24; VII,2,1.4

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Johannes Hoops, Herbert Jankuhn, Heinrich Beck, Dieter Geuenich, Heiko Steuer, Reallexikon der germanischen Altertumskunde, 2nd edition, Walter de Gruyter, 2004, pp. 452ff, ISBN 3-11-017733-1
  • J. B. Rives on Tacitus, Germania, Oxford University Press, 1999, p. 311, ISBN 0-19-815050-4
  • Joachim Herrmann, Welt der Slawen: Geschichte, Gesellschaft, Kultur, C.H. Beck, 1986, p. 265, ISBN 3-406-31162-8
  • Fraesdorff, Der barbarische Norden: Vorstellungen und bei Fremdheitskategorien Rimbert, Thietmar von Merseburg, Adam von Bremen und von Helmold Bosau, Akademie Verlag, 2005, p. 55, ISBN 3-05-004114-5
  • Tácito, Germania, Germania.XLIV - As obras de Tácito: A tradução de Oxford, revisado, com notas, BiblioBazaar, LLC, 2008, p. 836, ISBN 0-559-47335-4
  • Claudio Tolomeo, Geographia II, 11,12
  • Xordanes, Getica, IV, 26 e Getica, L, 261,266; LIV, 277
  • Hoops Johannes, Hans-Peter Naumann, Franziska Lanter, Oliver Szokody, Heinrich Beck, Rudolf Simek, Sebastian Brather, Detlev Ellmers, Kurt Schier, Ulrike Sprenger, Else Ebel, Klaus Düwel, Wilhelm Heizmann, Heiko Uecker, Jürgen Udolph, Reallexikon der germanischen Altertumskunde, Walter de Gruyter, p. 282, ISBN 3-11-017535-5
  • Andrew H. Merrills, História e Geografia na Antiguidade Tardia, Cambridge University Press, 2005, p. 325, ISBN 0-521-84601-3
  • Mayke De Jong, Frans Theuws, Carine van Rhijn, topografias de Poder no início da Idade Média, BRILL, 2001, p. 524, ISBN 90-04-11734-2
  • Magdalena Ma̜czyńska, Tadeusz GRABARCZYK, Die spätrömische Kaiserzeit und die frühe Völkerwanderungszeit em Mittel-und Osteuropa, Wydawn. Uniwersytetu Łódź, 2000, p. 127, ISBN 83-7171-392-4
  • Horst Keiling, Archäologische Funde von der frührömischen Kaiserzeit bis zum Mittelalter aus den mecklenburgischen Bezirken, Museum für Ur-und Frühgeschichte Schwerin, 1984, pp. 8: 12
  • William Dudley Foulke, Edward Peters, História dos lombardos, University of Pennsylvania Press, 1974, pp. 31ff, ISBN 0-8122-1079-4
  • Hans-Werner Goetz, Jörg Jarnut, Walter Pohl, Regna e gentes: a relação entre a Antiguidade tardia e precoce povos medievais e reinos na transformação do mundo romano, Brill, 2003, p. 68, ISBN 90-04 - 12524-8