Romaría da Franqueira

romaría na Cañiza

A romaría da Franqueira é unha antiga romaxe de gran devoción que ten lugar dúas veces ao ano na Franqueira, no concello pontevedrés da Cañiza. Até o santuario da Franqueira acoden xentes de toda a comarca do Condado a pé con cadansúas Virxes locais.

Unha das Virxes por Mondariz-Balneario, de camiño á Franqueira

Orixes editar

 
Fonte da Prata, chegando á Franqueira.

A Virxe da Franqueira é unha das imaxes marianas máis antigas de Galicia. A súa devoción remóntase ao século VI, nas primeiras épocas de cristianización da Gallaecia.[1] Disque a virxe apareceu baixo dunhas rochas no chamado Coto da Vella, a 924 m de altitude, nun dos cumes dos Montes da Paradanta entre as parroquias da Franqueira e Luneda; a lenda di que unha muller que camiñaba pola zona ollou un resplandor que saía entre os penedos preto dun regueiro, lenda que lembra a outras coma a das Ermidas ou o mesmo achado de Santiago apóstolo en Compostela. A imaxe considerouse dende aquela milagreira. Posibelmente se trate da cristianización da adoración pagá dalgunha deusa celta da auga ou da natureza á que se realizaba a mesma peregrinación en épocas precristiás.[2]

No lugar onde se atopou a Virxe existe hoxe unha imaxe en pedra realizada en 1968 polo canteiro Celso Calviño García, natural de Freixo, Celanova[2]. Á virxe orixinal construíuselle un santuario-mosteiro, o primeiro ergueito, crese, arredor do ano 580 polo bispo Martiño de Dumio no lugar da Franqueira. Segundo a lenda, os veciños de Luneda enfrontáronse aos da Franqueira, porque querían a construción da capela nas súas terras. A decisión final tomouse dun xeito moi especial: carrexouse a imaxe da Virxe nun carro de bois aos que lles vendaron os ollos; o primeiro lugar onde estes se detivesen a beber, é onde erguerían o templo. Os bois detivéronse no manancial da Franqueira. O termo Franqueira (tamén escrito antigamente Franqueyra) procede do xermano e significaría: “lugar dos homes libres ou francos, honrados”. Disque a imaxe foi agochada durante as incursións musulmás e normandas ao Reino de Galiza para evitar o seu espolio.

A primeira referencia seria da existencia do mosteiro é do ano 1063, cando o rei de Galiza Fernando I fixo unha doazón ao seu abade Alvito e aos freires que nel moraban. O mosteiro actual, do que só chegou aos nosos días a igrexa, data do século XIV. En 1343 levantouse a salientábel portada gótico-románica. No século XIX, trala desamortización, o mosteiro cisterciense foi abandonado, para se converter, despois dalgunhas modificacións, na igrexa parroquial actual[3].

 
Camiño da Franqueira cunha das Virxes.

A festa hoxe editar

A Franqueira é unha das celebracións máis importantes para a xente do Condado. A Virxe da Franqueira, tamén chamada da Paradanta ou da Fonte é considerada moi avogosa e milagreira dende a antigüidade; a súa veneración chegaba á costa, a Ourense e incluso ao Norte de Portugal, que antes formaba parte do mesmo reino.

Pola súa antigüidade e orixinalidade, as romarías da Franqueira considéranse de interese turístico.

A primeira das festas chámase das Pascuillas, celébrase o luns de Pentecoste, cincuenta e un días despois da Pascua, e caracterízase porque son moi vistosas, pois chegan distintas procesións das parroquias da Cañiza e doutros concellos do Condado uníndose polos camiños; en total unhas cen virxes e santos, adornados con flores, e cadanseu pendón co nome da imaxe e a parroquia. No adro da Franqueira faise o saúdo á Virxe do Condado. San Sebastián e a Virxe do Rosario son os primeiros en saudar. A romaría complétase cun xantar de campo, e con postos de polbo, rosquillas, carne ao caldeiro, empanadas, queixo, mel etc. Despois do xantar os peregrinos volven ás súas aldeas. É unha festa moi celebrada na zona, á que tamén acoden os mozos.

A segunda romaría é a da Natividade da Virxe, nos días 7, 8 e 9 de setembro. É a máis numerosa e onde acoden xentes de lugares máis afastados. Os arredores da igrexa atéigase de devotos galegos e portugueses. Despois da misa das doce, a imaxe da Virxe da Fonte sae en procesión, segundo a lenda, no carro puxado por unha parella de bois cos ollos vendados; e diante do carro catro parellas de mozos bailan batendo uns paus ao son da ancestral música. Faise tamén unha representación da loita entre o príncipe mouro e un devoto cristián, en lembranza dun dos milagres que se lle atribúen á Virxe: a liberación dun cristián preso en Alxer. A festa remata doutra volta cun xantar arredor do templo.[4]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. María Rodríguez Serantes e Alberto Alonso de Dios: Santuario de Santa María da Franqueira en GaliciaMáxica.eu Arquivado 23 de maio de 2018 en Wayback Machine. (en castelán).
  2. 2,0 2,1 María Rodríguez Serantes e Alberto Alonso de Dios: Coto da Vella en GaliciaMáxica.eu Arquivado 23 de maio de 2018 en Wayback Machine. (en castelán).
  3. Historia na páxina web Franqueira.org
  4. Romarías da Franqueira en Turismo.gal.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar