Revolución urbana

Revolución urbana é un termo que se emprega para designar diferentes momentos históricos nos que as cidades naceron ou se espallaron.

O nacemento da cidade editar

En primeiro lugar foi empregado por Vere Gordon Childe, que acuñara tamén o concepto de revolución neolítica, para designar o nacemento, xunto cos núcleos urbanos, da civilización e a historia no denominado Crecente fértil do Oriente Medio: as cidades sumerias e asirias de Mesopotamia, as hititas, as da franxa do Levante mediterráneo -Siria, Fenicia e Palestina ou Israel- e as do Antigo Exipto). As civilizacións da India e a China desenvolveríanse, tamén na Idade Antiga, dun xeito paralelo. Posteriormente, na América precolombiana producíronse revolucións urbanas endóxenas.

Decadencia e rexurdimento da cidade en Europa editar

A decadencia das cidades europeas, incluíndo a propia Roma, prodúcese a partir da crise do século III e se afonda nos períodos seguintes: a Antigüidade tardía e a Alta Idade Media. A recuperación da vida urbana na Baixa Idade Media, así como a súa extensión ao norte, centro e leste de Europa, pódese denominar tamén unha revolución urbana. Porén, durante o período no que a cristiandade latina estaba ruralizada, a civilización islámica xurdiu e desenvolveuse, acollendo as maiores cidades da época: Damasco, Bagdad e Córdoba; mentres que o Imperio Bizantino mantiña Constantinopla.

Idade Moderna e Idade Contemporánea editar

A expansión do capitalismo comercial a partir da Era dos Descubrimentos e do capitalismo industrial a partir da Revolución Industrial supuxeron dúas novas fases de expansión das cidades. Só trala revolución agrícola e o establecemento dunha sociedade industrial é posible que a maioría da poboación poida vivir en cidades, falando en termos de poboación nacional dun país (taxa de urbanización). Para a poboación do mundo non seu conxunto, o Fondo de Poboación das Nacións Unidas (UNFPA) calculou que no 2008 acadouse un 50% de poboación rural e un 50% de poboación urbana (3.300 millóns cada unha), e só a partir de entón a maior parte da poboación mundial vive en cidades.[1] Mentres que os países desenvolvidos sufriron esa transformación no século XIX e a primeira metade do XX (Inglaterra dende o século XVIII, España non de forma definitiva ata os anos 1960), a maior parte do crecemento da poboación urbana nos últimos cincuenta anos produciuse nos países subdesenvolvidos, tanto nos que o seguen sendo como os que pasaron a ser novos países industrializados (NIC). O caso do país máis poboado do mundo (China, 1300 millóns de habitantes) é especialmente significativo:

En 1978... 172 millóns de chineses vivían nas cidades. No [2008] son 577 millóns, máis do 40% da poboación, e as previsións indican que no 2030 superarase o 60%. Cada ano, uns dez millóns de chineses emigran do campo á cidade.[2]

Se a finais do século XIX as maiores cidades do mundo eran Londres e París, e na primeira metade do XX engadíronselles Nova York e Toquio, nos seguintes cincuenta anos as megacidades emerxentes pasaron a ser cidades de países dun nivel de desenvolvemento moito menor, como Seúl, Cidade de México, Bombai, Iacarta, São Paulo, Shanghai, Buenos Aires, O Cairo, Manila ou Lagos. De feito, o tamaño dunha cidade deixou de ser un elemento determinante para medir a súa importancia global, acudíndose a criterios máis cualitativos como os utilizados no estudo das cidades globais.

Sinalouse a conexión da revolución urbana co fenómeno da globalización, que historicamente tivo distintas escalas, e a súa relación con outros factores ligados a ela: tecnolóxicos, económicos, políticos, sociais e culturais.[3]

Notas editar

  1. El 50% de población vive en las ciudades Arquivado 12 de abril de 2009 en Wayback Machine. El Mundo (El Salvador), 27.06.2007
  2. Peter Hessler China, el corazón del dragón, en National Geographic, edición de España, agosto de 2008, pg. 117
  3. F. Ascher (2003) Nuevos principios de urbanismo, Alianza Ed., Madrid; citado por Jordi Borja La Revolución Urbana (I). Las ciudades ante la globalización: entre la sumisión y la resistencia Arquivado 01 de xuño de 2007 en Wayback Machine., Domus nº 866, enero 2004 y Revue Urbanisme, nº 339, noviembre-diciembre 2004, pags.44-47

 
 Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
 Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría.