Revolución social

A expresión revolución social ten diferentes connotacións.

Logotipo da cuarta Internacional

No movemento Trotskista a "revolución social" refírese á sacudida na cal as relacións de propiedade existentes son destruídas. Exemplos son a Revolución de outubro de Rusia en 1917 ou a Revolución cubana, ambas causadas polas relacións capitalistas (e nalgúns casos pre-capitalistas) da propiedade en oposición coas relacións post-capitalistas máis ben levadas a cabo polos plans que polo mercado. As revolucións sociais opóñense ás revolucións políticas nas cales o goberno é substituído, ou a forma de goberno alterada, pero nas cales as relacións de propiedade permanecen maiormente intactas. As revolucións sociais non implican necesariamente que a clase obreira tome por completo a produción e distribución dos bens e o capital (en países como Cuba isto está feito por unha casta ó modo do Partido Comunista Cubano), senón que simplemente implica que o xa non se usa o mercado, e que a clase capitalista foi expropiada.

No argot libertario e anarquista, unha revolución social é unha revolución dende abaixo (en oposición á revolución política ou dirixida por unha vangarda), co obxectivo de reorganizar toda a sociedade. En palabras de Piotr Kropotkin, "revolución social significa a reorganización da vida industrial e económica do país e consecuentemente tamén da totalidade da estrutura social".

Máis xenericamente a expresión "revolución social" é usada para referirse a un cambio masivo na sociedade, como a Revolución francesa, o Movemento Americano polos Dereitos Civís ou os movementos hippie ou contracultura dos 60 na fe relixiosa, identidade persoal, liberdade de expresión, música e artes, moda, tecnoloxía alternativa ou ecoloxismo e os medios de comunicación descentralizados.[1]

No pensamento islámico, especialmente baixo a escola chiíta, unha revolución social é necesaria cando calquera forma de goberno é tiránica e despótica para o seu pobo. O concepto de revolución islámica mantén que a liberdade moral é o aspecto máis importante das necesidades fundamentais do home. Esta filosofía é cuestionada polo materialismo.

Theda Skocpol no seu artigo "Francia, Rusia, China: Unha Análise Estrutural das Revolucións Sociais" mantén que a revolución social é unha "combinación de transformación estrutural minuciosa e axitacion de clases masiva" (175). Ela chega a esta conclusión combinando a definición de Samual P. Huntington que di que "é un rápido, fundamental e violento cambio doméstico nos valores dominantes e mitos da sociedade, das súas institucións políticas, estrutura social, liderado, e actividades gobernamentais e políticas", e a de Lenin, que dicía que as revolucións son "os festivais dos oprimidos...[que actúan] como creadores dunha nova orde social" (Skocpol 175). Así a todo, tamén mantén que esa definición exclúe moitas revolucións, porque fracasan ao cumprir con algunha ou con ambas as dúas partes desta definición.

Unha revolución social é unha transformación radical do conxunto das relacións e interaccións sociais cotiás dun grupo humano dentro dun espazo territorial liberado, sexa unha cidade, país etc. Dentro da lóxica de "os obxectivos iguais ós métodos" a resistencia e liberación do día a día tamén é de por si unha revolución social, e esta última consiste en gran parte no primeiro, logrando así unha evolución profunda da vida humana. Actualmente, debido a como se foi dando a conxuntura histórica e a praxe, non se pode falar dunha distancia substancial entre as propostas libertarias de evolución social e as de revolución social.

Unha sociedade libre non pode estar na substitución dunha nova orde da vella orde; ela debe ser a extensión da esfera do libre actuar, ata que cambie a maior parte da vida social.

É un concepto moi utilizado polos grupos anarquistas para designar un cambio profundo que vai máis alá do político ou económico, penetrando na cotidianeidade das vidas. O concepto en si é contrario ás definicións de "revolución política" e "revolución de masas", pois se opón tanto ós cambios netamente institucionais como ós que non partan desde bases humanas interactivas. Un coñecido caso de revolución social o constitúe a Revolución Española de 1936, onde por exemplo o uso do tratamento de respecto chegou a declinar, sendo común o atuamento.

Camareiros e dependentes miraban ó cliente cara a cara e o trataban como a un igual. As formas serviis e incluso cerimoniosas da linguaxe desapareceran. Ninguén dicía "señor", ou "don" e tampouco "vostede"; todos se trataban de "camarada" e "ti", e dicían ¡saúde! en lugar de bos días.
George Orwell, Homenaxe a Cataluña

A primeira revolución documentada da historia editar

Logo do reinado do faraón do Antigo Exipto Pepi II, durante o primeiro período intermedio de Exipto (c. 2200 aC), descríbese a primeira "revolución" da historia, na narración chamada Lamentos de Ipuwer. É a crónica do afundimento da vella orde:

"O país xira sobre si mesmo (revoluciona) como o torno do oleiro.. O rei foi expulsado polos miserables... Os mendigos convertéronse en donos dos tesouros... Os ricos están de loito, os pobres de festa... En cada cidade dise: expulsemos ós poderosos que están entre nós..."
Lamentos de Ipuwer – (Donadoni Letteratura)

Notas editar

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2011. Consultado o 24 de decembro de 2007. 

Véxase tamén editar