Republic P-47 Thunderbolt

O Republic P-47 Thunderbolt foi un caza estadounidense usado durante a segunda guerra mundial. Desenvolveuse a partir do P-43 e o seu prototipo voou por primeira vez o 6 de maio de 1941. Usouse fundamentalmente como caza, pero tamén foi un bo avión de ataque ó chan empregándose nestas tarefas especialmente tras o desembarco de Normandía. Tiña oito metralladoras de 12,7 mm, catro en cadansúa á, e completamente cargado podía superar as 8 toneladas de peso. Construíronse 15 686 unidades entre todas as súas versións.

Republic P-47 Thunderbolt
Thunderbolt en 2001
TipoCaza
FabricanteRepublic Aviation Company
Deseñado porAlexander de Seversky, Alexander Kartveli
Primeiro voo6 de maio de 1941
Introducido1942
Retirado1966
Principais usuariosForzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos
Royal Air Force
Forza Aérea de Francia
Forza Aérea do Perú
Unidades construídas15 686

O Thunderbolt foi efectivo como caza de escolta de curto-medio alcance en combates a grande altitude, e como avión de ataque a terra tanto en Europa coma no Pacífico. O P-47 deseñouse tomando como base o potente motor radial Pratt & Whitney R-2800 Double Wasp de 18 cilindros que tamén equipaba dous cazas da Armada/Marines, o Grumman F6F Hellcat e o Vought F4U Corsair. Un avanzado sistema turbocompresor aseguraba o seu dominio a grande altitude, á vez que influíu no seu tamaño e no seu deseño.

O P-47 foi un dos principais cazas das Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos (USAAF) na segunda guerra mundial, e tamén serviu noutras forzas aéreas aliadas, incluídas as de Francia, o Reino Unido e mais a Unión Soviética. Escuadróns de México e o Brasil equipados co P-47 tamén loitaron a carón da USAAF.

A carlinga blindada era relativamente espazosa e cómoda, e a cúpula en forma de burbulla introducida no P-47D ofrecía unha boa visibilidade. Alcumado "Jug" (xerra), o P-47 destacou pola súa potencia de fogo, así como pola súa habilidade para resistir danos e ficar en voo.

Especificacións editar

  • Tipo: monopraza de caza e cazabombardeo Republic P-47D-25 Thunderbolt.
  • Planta motriz: un Pratt & Whitney R-2800-59 de 2.535 hp de potencia.
  • Envergadura: 12,43 m.
  • Lonxitude: 11,01 m.
  • Peso máximo de engalaxe: 8.800 Kg.
  • Velocidade máxima: 428 millas/h a 30.000 pés.
  • Alcance operacional: 475 millas.
  • Armamento: oito metralladoras de 12,7 mm e capacidade para 1.134 kg de bombas ou dez foguetas de 127 mm baixo a fuselaxe ou as ás.