Unha rede sen fíos é unha rede informática estruturada a través de ondas electromagnéticas, sen necesidade dunha conexión física por cables. A transmisión e a recepción teñen lugar a través de portos de rede. A expresión é unha tradución do inglés Wireless network. Tamén é coñecida popularmente como rede wi-fi, malia que este nome só se refire a un tipo de rede sen fíos.

Unha das súas vantaxes principais é o menor custo económico (ao eliminar toda a instalación de cables e as conexións físicas entre nodos), pero é menos segura ao ser máis accesible aos intrusos.

Existen dúas categorías: as de longa e curta distancia.

Tipos editar

 
Cobertura e estándares.

Segundo a cobertura, poden clasificarse en diferentes tipos:

Wireless Personal Area Network editar

Artigo principal: WPAN.

Neste tipo de rede de cobertura persoal existen tecnoloxías baseadas en HomeRF (estándar para conectar todos os teléfonos móbiles dun domicilio e os computadores mediante un aparato central); Bluetooth (protocolo que segue a especificación IEEE 802.15.1); ZigBee (baseado na especificación IEEE 802.15.4 e utilizado en aplicacións como a domótica, que requiren comunicacións seguras con taxas baixas de transmisión de datos e maximización da vida útil das baterías e baixo consumo); RFID (sistema remoto de amoreamento e recuperación de datos co propósito de transmitir a identidade dun obxecto (similar a un número de serie único) mediante ondas de radio.

Wireless Local Area Network editar

Artigo principal: WLAN.

Nas redes de área local é posible atopar tecnoloxías sen fíos baseadas en HiperLAN (do inglés, High Performance Radio LAN un estándar do grupo ETSI), ou tecnoloxías baseadas en Wi-Fi, que seguen o estándar IEEE 802.11 con diferentes variantes.

Wireless Metropolitan Area Network editar

Artigo principal: Rede de área metropolitana.

Para as redes de área metropolitana existen tecnoloxías baseadas en WiMAX (Worldwide Interoperability for Microwave Access, Interoperabilidade Mundial para Acceso con Microondas), un estándar de comunicación sen fíos baseado na norma IEEE 802.16. WiMAX é un protocolo parecido a Wi-Fi, pero con máis cobertura e ancho de banda. Tamén se poden atopar outros sistemas de comunicación como LMDS (Local Multipoint Distribution Service).

Wireless Wide Area Network editar

Artigo principal: WAN.

Nestas redes existen tecnoloxías como UMTS (Universal Mobile Telecommunications System), utilizada cos teléfonos móbiles de terceira xeración (3G) e sucesora da tecnoloxía GSM (para móbiles 2G), ou tamén a tecnoloxía dixital para móbiles GPRS (General Packet Radio Service).

Características editar

Segundo o rango de frecuencias utilizado para transmitir, a rede sen fíos terá unhas características ou outras:

  • Ondas de radio: as ondas electromagnéticas son omnidireccionais, así que non son necesarias as antenas parabólicas. A transmisión non é sensible ás atenuacións producidas pola choiva, xa que se opera en frecuencias non demasiado elevadas. Neste rango están as bandas desde a ELF (de 3 a 30 Hz), á banda UHF (de 300 a 3.000 MHz), isto é, comprende o espectro radioelectrico de 30 A 3.000.000 Hz.
  • Microondas terrestres: utilízanse antenas parabólicas cun diámetro duns tres metros. Teñen unha cobertura de quilómetros, pero co inconveniente de que o emisor e o receptor deben estar perfectamente aliñados. Por iso, adóitanse utilizar en enlaces punto a punto en distancias curtas. Neste caso, a atenuación producida pola choiva é máis importante, xa que se opera a unha frecuencia máis elevada. As microondas comprenden as frecuencias desde 1 a 300 GHz.
  • Microondas por satélite: fanse enlaces entre dúas ou máis estacións terrestres, chamadas estacións base. O satélite recibe o sinal (denominada sinal ascendente) nunha banda de frecuencia, amplifícaa e retransmítea noutra banda (sinal descendente). Cada satélite opera nunhas bandas concretas. As fronteiras frecuenciais das microondas, tanto terrestres como por satélite, cos infravermellos e as ondas de radio de alta frecuencia mézclanse bastante, así que pode haber interferencias coas comunicacións en determinadas frecuencias.
  • Infravermellos: enlázanse transmisores e receptores que modulan a luz infravermella non coherente. Deben estar aliñados directamente ou cunha reflexión nunha superficie. Non poden atravesar as paredes. Os infravermellos van desde 300 GHz a 384 THz.

Aplicacións editar

As bandas máis importantes con aplicacións inalámbricas, do rango de frecuencias que abarcan as ondas de radio, son a VLF (comunicacións en navegación e submarinos), LF (radio AM de onda longa), MF (radio AM de onda media), HF (radio AM de onda curta), VHF (radio FM e TV), UHF (TV).

Mediante as microondas terrestres, existen diferentes aplicacións baseadas en protocolos como Bluetooth ou ZigBee para interconectar computadoras portátiles, PDAs, teléfonos ou outros aparatos. Tamén se utilizan as microondas para comunicacións con radares (detección de velocidade ou outras características de obxectos remotos) e para a televisión dixital terrestre.

As microondas por satélite úsanse para a difusión de televisión por satélite, transmisión telefónica a longa distancia e en redes privadas.

Os infravermellos teñen aplicacións como a comunicación a curta distancia dos computadores cos seus periféricos. Tamén se utilizan para mandos a distancia, xa que así non interfiren con outras sinales electromagnéticas, como o sinal de televisión. Un dos estándares máis usados nestas comunicacións é o IrDA (Infrared Data Association). Outros usos que teñen os infravermellos son técnicas como a termografía, que permite determinar a temperatura de obxectos a distancia.

Véxase tamén editar