Raška ou Rascia (en serbio cirílico Рашка, en serbio latino Raška) é unha rexión xeográfica situada no suroeste da Serbia Central e no norte de Montenegro. A maior parte encóntrase no distrito de Raška, de Serbia.

Vista panorámica de Raška e o val do río Ibar desde Kopaonik, preto de Rudnica, Serbia.
En azul, municipios do Sandžak que corresponden a Serbia e, en amarelo, os de Montenegro.

A súa parte sur coñécese tamén como Sandžak ou Sandjak, e está dividida entre Serbia e Montenegro.

Na Idade Media a rexión foi o centro do Principado de Serbia (Raška, Rascia) e do Reino de Serbia cuxa capital foi a cidade de Ras até 1265.

Historia editar

Os estados medievais anacronicamente chamados Raška actualmente coñécense colectivamente como Serbia.

 
Ruínas da fortaleza de Ras.

O nome Rascia utilízase pola historiografía moderna para referirse á rexión continental (coñecida en Serbia como o interior , en contraste aos feudos marítimos da costa adriática) do Principado de Serbia medieval, habitado e gobernado por serbios, é dicir, a sede dos primeiros estados medievais serbios.

Utilízase para describir a Serbia até Stefan Nemanja (1166–1196) ou á formación do Reino de Serbia, en 1217. "Rascia" continuou servindo como un exónimo para Serbia en Europa nas fontes desde finais do século XII, xunto con outros nomes como Servia e Eslavonia

O nome deriva do da fortaleza máis importante da rexión, Ras, que aparece na obra De Aedificiis do bizantino Procopio [1] como Arsa, anterior á formación de Serbia.[2] Ras converteuse quizais na capital do distrito e na sede dos primeiros bispados de Serbia (Bispado de Ras, Raška episkopija).

O nome do bispado finalmente comezou a denotar toda a zona baixo a súa xurisdición e, máis tarde, baixo Stefan Nemanja, Ras foi establecida como capital do estado e o nome estendeuse ao país enteiro.

A primeira referencia testemuñada do nome Raška aparece nunha carta a Kotor, datada en 1186, na que Stefan Nemanja menciónase a si mesmo como župan de Rascia (Príncipe de Serbia). Pouco despois Rascia converteuse nun dos nomes comúns de Serbia nas fontes occidentais (do Papado, alemás, italianas, francesas etc.) a miúdo en conxunción con Serbia (Servia et Rascia). Porén, Rascia apenas aparece en serbio e nunca en obras bizantinas para denotar o Estado serbio.

Nos tempos modernos editar

Entre 1918 e 1922, o Distrito de Raška foi unha unidade administrativa do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, cuxa capital era Novi Pazar. En 1922, formouse unha nova unidade administrativa coñecida como Raška Oblast (Óblast de Raška) con capital en Čačak. En 1929 este óblast foi suprimido e o seu territorio dividido en tres novas provincias ou banovine.

Notas editar

  1. Procopio de Cesarea (en grego Προκόπιος ὁ Καισαρεύς), ca. 500 Cesarea (Palestina) - ca. 565, destacado historiador bizantino do século VI, cuxas obras constitúen a principal fonte de información acerca do reinado de Xustiniano I.
  2. Procopius, De aedificiis, IV, 4.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar