Na fisioloxía humana, o puerperio[1] é o período que inmediatamente segue ó parto e que se estende o tempo necesario (normalmente 6-8 semanas, ou 40 días) para que o corpo materno —incluíndo as hormonas e o aparello reprodutor feminino— volvan ás condicións prexestacionais, minorando as características adquiridas durante o embarazo. No puerperio, tamén se inclúe o período das primeiras 24 horas despois do parto, que recibe o nome de posparto inmediato.

Die Wochenstube - "O cuarto para a semana", arredor de 1770 por Daniel Chodowiecki, ilustrando as primeiras horas posparto, o período de axuste durante o cal o sistema reprodutivo da muller volve ó seu estado non grávido.

Se os fenómenos se suceden naturalmente e sen alteracións, o puerperio será normal ou fisiolóxico, en caso contrario será irregular ou patolóxico. Trátase dun período moi importante, xa que é o tempo de aparición dos factores que encabezan as causas de mortalidade materna, como as hemorraxias posparto, entre outras. Por iso, durante o puerperio adóitase ter controlados os parámetros vitais e a perda de sangue maternos.

O enfoque principal do coidado durante o puerperio é asegurar que a nai estea saudable e en condicións de coidar do seu meniño, equipada coa información que requira para a lactación materna, a súa saúde reprodutiva, planificación familiar e os axustes relacionados á súa vida.

Durante este período de transición biolóxica, o acabado de nacer pasa á súa vez por un estado de adaptación extrauterina, unha das transicións fisiolóxicas de maior repercusión até a morte.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para puerperio.