As protoporfirinas son tetrapirrois (catro grupos pirrol unidos) dos que colgan varias cadeas laterais como metilo, ácido propiónico e vinilo. Na protoporfirina IX, coa cantidade delas entre parénteses, son:[1]

  • metilo (4) (-CH3)
  • ácido propiónico (2) (-CH2-CH2-COO-)
  • vinilo (2) (-CH=CH2)
Unha protoporfirina, a protoporfirina IX, cos catro grupos pirrol e as cadeas laterais. No centro do tetrapirrol coordínanse ións metálicos.

As protoporfirinas son a protoporfirina IX e a protoporfirina de cinc e a Mg-protoporfirina. A protoporfirina IX é moi utilizada nas células como molécula transportadora de catións divalentes. Xunto con (Fe2+) forma o corpo do grupo hemo presente en proteínas como a hemoglobina, mioglobina e moitos encimas que conteñen hemo como as catalases e tamén o citocromo c. En complexo cos ións Zn2+ forman protoporfirinas de cinc. Na ruta da biosíntese da clorofila fórmase a Mg-protoporfirina IX, unida a ións Mg2+.

O número romano que levan no nome (por exemplo, IX) indica a posición de diferentes cadeas laterais, pero historicamente, a medida que se foi desenvolvendo a nomenclatura, isto só se aplicou en parte.

A protoporfirina IX, ao ser un precursor directo do hemo, acumúlase nos pacientes de protoporfiria eritropoiética, que é un dos trastornos xenéticos da ruta da biosíntese do hemo. Causa unha forte fotosensibilidade á luz visible. A sensibilidade da protoporfirina IX á luz utilízase tamén na terapia contra distintos tipos de cancro (terapia fotodinámica).

A medición dos niveis de protoporfirina eritrocitaria libre en sangue realízase para diagnosticar deficiencias de ferro, o efecto tóxico dos compostos de chumbo e a protoporfiria eritropoiética.[2]

As protoporfirinas deposítanse nas cascas dos ovos dalgúns paxaros en forma dun pigmento castaño ou vermello, como cor de fondo ou como pintas. Isto ocorre na maior parte das especies de Passeriformes, algunhas aves que non son desa orde e aniñan no chan, como limícolas, gaivotas, avenoiteiras e gangas, nas que isto serve para camuflar os ovos, e nos cucos, nos que serve para imitar os ovos doutras aves en cuxos niños os cucos depositan os seus ovos parasiticamente.[3]

As protoporfirinas fortalecen a casca do ovo, e deposítanse cando a casca é moi delgada por falta de calcio, polo que as pintas tenden a ser máis abundantes nos sitios onde o ambiente é deficiente en calcio, ou cando son os últimos ovos depositados na posta.

Notas editar

  1. Diccionario médico protoporfirina
  2. "LabTestOnline". Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2014. Consultado o 06 de xaneiro de 2014. 
  3. Gosler, Andrew G.; Connor, Oliver R.; Bonser, Richard H.C. Protoporphyrin and eggshell strength: preliminary findings from a passerine bird. Avian Biology Research, Volume 4, Number 4, December 2011 , pp. 214-223(10). [1] Arquivado 06 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar