O prosencéfalo (encéfalo anterior primitivo) é a porción anterior do cerebro durante a fase de desenvolvemento embrionario. É unha das tres partes nas que se divide o cerebro embrionario: prosencéfalo, mesencéfalo, e rombencéfalo.[1] Durante o desenvolvemento embrionario, o prosencéfalo divídese en diencéfalo (rexión do tálamo e hipotálamo), e telencéfalo (rexión dos hemisferios cerebrais).

Esquema do encéfalo dun embrión de 4 semanas.
Esquema das subdivisións do encéfalo dun vertebrado co prosencéfalo en vermello e rosa.

Diferenciación editar

O prosencéfalo dá lugar ao cerebro. O primeiro paso na diferenciación do encéfalo é a formación no extremo do primitivo tubo neural de 3 vesículas. A vesícula anterior forma o encéfalo anterior ou prosencéfalo , inmediatamente detrás, a segunda vesícula forma o encéfalo medio ou mesencéfalo e por último a terceira vesícula forma o rombencéfalo ou encéfalo posterior, que está conectado ao resto do tubo neural primitivo que acaba por transformarse na medula espiñal.

No estadio de cinco vesículas, o prosencéfalo divídese en diencéfalo (pretálamo, tálamo, hipotálamo, subtálamo, epitálamo e pretéctum) e telencéfalo (o córtex cerebral, a substancia branca subxacente e os ganglios basais).

Ás 5 semanas de vida intrauterina o prosencéfalo é visible como unha única porción na parte frontal do encéfalo do feto. Na oitava semana de vida intrauterina, o prosencéfalo divídese nos dous hemisferios cerebrais.

Do prosencéfalo sepáranse as dúas vesículas ópticas, que se transforman nas dúas retinas fotosensibles dos ollos. Por tanto, a retina pertence embrioloxicamente ao sistema nervioso central.[2]

Cando se produce un erro no desenvolvemento do prosencéfalo embrionario e o cerebro non se divide nos dous lóbulos que foman os hemisferios cerebrais, isto dá lugar a un defecto chamado holoprosencefalia.[3]

Notas editar

  1. Gabriel Palomero e outros: Lecciones de embriología,Universidad de Oviedo, 2006, ISBN 84-8317-079-5.
  2. Barry Connors, Michael Paradiso, Mark F. Bear : Neuroscience: Exploring the Brain, 3ª edición, 2007, ISBN 978-0-7817-6003-4.
  3. "NINDS Holoencephalopathy Information Page". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2013. Consultado o 05 de setembro de 2013. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar