A privatización é un proceso mediante o cal as actividades, empresariais ou non, son transferidas do sector público ao sector privado, é dicir, traspasadas ou trasferidas dende o Estado cara á sociedade civil. Este proceso permite aos actores non gobernamentais intervir cada vez máis no financiamento e a prestación de servizos empresariais, asistenciais etc., e leva consigo a introdución de cambios nas funcións e responsabilidades públicas e privadas. Non se limita á venda de empresas públicas nin é ese aspecto especialmente indispensábel, xa que esta sería só unha dimensión dun proceso moito máis profundo. A privatización, fundamentalmente, é desmontar o Estado e deixar os particulares vender libremente, baseándose nos criterios económicos das forzas do mercado e a libre competencia. Os procesos de privatización conducen entre outras cousas á desaparición dos monopoloios estatais e son propios do coñecido como liberalismo económico e en contra dos denominados sistemas socialistas.