Primeiro óso metacarpiano

O primeiro óso metacarpiano é un dos cinco ósos do metacarpo. É o metacarpiano máis lateral ou externo. Artéllase superiormente cos ósos do carpo, co óso trapecio. Inferiormente está artellado coa falanxe proximal do dedo polgar, mediante unha articulación carpometacarpiana.

Primeiro óso metacarpiano
Primeiro metacarpiano
Latín ossa metacarpalia I
Gray's pág.228

Estrutura editar

É un óso máis curto e ancho cos outros metacarpianos.

Base editar

É a parte máis proximal do óso. Ten forma de trompeta. Na parte superior, posúe unha superficie articular en forma de cadeira para se artellar co óso trapecio. Esta articulación carpometacarpiana é particular, diferente ao resto, e deste xeito permite a oposición do polgar.

Na superficie palmar ou anterior, adoita haber un pequeno tubérculo óseo para a inserción final do músculo abdutor longo do polgar. Na superficie medial insírese o primeiro músculo interóseo palmar. O resto da base non ten superficies articulares, xa que, ao contrario do resto de metacarpianos, o primeiro só se artella co trapecio e non se artella con ningún outro metacarpiano.

Corpo editar

O corpo é groso e posúe catro superficies. A superficie dorsal é convexa, mentres que a interna, externa e palmar son cóncavas. Nesta última superficie insírese o músculo opoñente do polgar na parte máis externa, e a orixe do primeiro músculo interóseo dorsal.

Cabeza editar

A cabeza é menos redonda cas cabezas dos outros metacarpianos. A superficie distal serve para a articulación metacarpofalánxica. É unha superficie cuadrangular, ancha e plana, máis grosa na parte palmar ca na dorsal.

Osificación editar

O primeiro metacarpiano posúe dous puntos de osificación, o primario no corpo e o secundario na base. No resto de metacarpianos, o punto de osficiación secundario localízase na cabeza. O proceso de osificación comeza na novena semana de xestación no corpo e no segundo ano de vida nas nenas e no terceiro dos nenos na base. Os centros únense en torno aos quince anos nas mulleres e aos dezasete nos homes.

Nalgunhas ocasións poden acharse pequenos ósos secundarios, que contribúen a función do primeiro metacarpiano:

  • Os trapecio secundarium - entre a base cubital do primeiro metacarpiano e a marxe distal do trapecio.
  • Os praetrapezium - entre o metacarpiano do polgar e a superficie distal do trapecio.
  • Os paratrapezium - entre a base radial do primeiro metacarpiano e o aspecto distoradial do trapecio.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Gray. Anatomy of the human body (en inglés). Edición de 1918 de dominio público.