Praia de Gulpiyuri

A praia de Gulpiyuri é unha pequena praia situada no concello de Llanes, en Asturias. Atópase ao norte da aldea de Naves, a metade de camiño entre as localidades de Ribeseya e Llanes. Foi declarada monumento natural o 26 de decembro de 2001, ademais de formar parte da Paisaxe Protexida da Costa Oriental de Asturias.

Praia de Gulpiyuri
Coordenadas: 43°26′51″N 4°53′10″O / 43.44756, -4.886105

Trátase dunha pequena praia de mar pero situada terra dentro, entre verdes prados agrícolas. Nunha costa acantilada de roca calcaria o mar foi creando unha cova cara ao interior e o fondo da cova afundiuse (un fenómeno kárstico coñecido como dolina), deixando un pequeno oco circular duns 50 m de diámetro a 100 m da costa. Este afundimento segue conectado coa costa e entra a auga de mar, notándose tamén as mareas e dispoñendo dunha praia de fina area.

Só se pode acceder camiñando desde a praia de San Antolín ou desde Naves e o seu illamento permitiu a relativamente boa conservación desta pequena praia. A profundidade e o tamaño da zona de auga non permite máis que poder remollarse tombado, pero está ben protexida do vento.