Post-rock

Subxénero da música rock alternativo

O post-rock é un subxénero do rock alternativo caracterizado polo uso de instrumentos comunmente asociados á música rock, pero utilizando ritmos, harmonías, timbre e progresións de acordes que non adoitan atoparse neste tipo de música. Os músicos post-rock acostuman producir música instrumental.

Post-rock
Orixe musicalrock alternativo, krautrock, ambient, electrónica, música minimalista, shoegazing, rock progresivo
Orixe culturalfinais dos 80 e principios dos 90 no Reino Unido, Canadá e Estados Unidos
Instrumentos típicosguitarra, baixo, batería, violín e violonchelo. Outros instrumentos usados ocasionalmente son as voces, instrumentos de vento-madeira, glockenspiels ou teclados.
Xéneros de fusión
post-metal

Don Caballero e Tortoise estaban entre as bandas máis prominentes que se describiron como post-rock nos anos 90, pero os seus estilos eran moi diferentes, a pesar de ser bandas instrumentais que se centraban nas guitarras e nas baterías. Debido a estas diferenzas entre as distintas bandas do mesmo "xénero", moitos sosteñen que o uso do termo non é axeitado para falar de todos estes grupos.

Aínda que está fortemente enraizado coa escena indie e underground dos 80 e os 90, o estilo post-rock polo xeral aseméllase moi pouco a nivel musical ao indie rock.

Orixe do termo editar

O termo "post-rock" foi acuñado polo crítico Simon Reynolds na súa recensión do álbum Hex de Bark Psychosis, publicado no número de marzo de 1994 da revista Mojo. Reynolds expandeu esa mesma idea no exemplar de maio de 1994 da revista The Wire.

Quizais a área realmente provocativa para un desenvolvemento futuro da música está no... rock cyborg; non nun abrazo incondicional á metodoloxía techno, pero si nalgún nivel de interacción entre o desempeño musical ao vivo, con instrumentos reais e o uso de efectos e melloras dixitais.
Simon Reynolds

Nunha entrada de xullo de 2005 no seu blog, Reynolds declarou que usara o termo "post-rock" antes de publicalo en Mojo, nun diario de música chamado Melody Maker. Máis adiante tamén declarou que atopara que o termo non foi da súa propia creación, publicando no seu blog que "a pesar de que eu xenuinamente crin que estaba acuñando o termo, descubrín que este estivo flotando no ambiente durante máis dunha década". O termo tamén foi usado por James Wolcott nun artigo de 1979 sobre Todd Rundgren.

Historia editar

A expresión "post-rock" foi utilizada orixinalmente para describir a música de bandas como Cul de Sac, Stereolab, Laika, Disco Inferno, Moonshake, Seefeel, Bark Psychosis e Pram, aínda que, frecuentemente, tamén se usou para describir unha variedade de música creada antes de 1994, influenciada polo jazz, o krautrock e a música electrónica.

Unha das bandas que influenciou ao movemento foi Talk Talk, que orixinalmente era unha banda de synth pop pertencente ao movemento New Romantic, pero que dende o seu terceiro álbum moveuse nunha dirección completamente distinta, e que con Spirit Of Eden e Laughing Stock introduciu un son minimalista baseado en texturas inspiradas no jazz e o ambient, con cancións máis longas e atmosféricas. Slint tamén foi moi influente co seu álbum Spiderland, editado en 1991.

Tortoise foi unha das bandas fundadoras do movemento. Despois do seu segundo LP, Millions Now Living Will Never Die, a banda converteuse nunha icona do post-rock. Moitos grupos (como Do Make Say Think) comezaron a gravar música inspirada por Tortoise, e foron descritas como post-rock.

A finais dos anos 90, Chicago, Illinois, converteuse no centro de moitos grupos importantes. John McEntire (de Tortoise), ao igual que Jim O'Rourke (de Brice-Glace, Gastr del Sol e outras bandas) volveronse importantes produtores de varios grupos do xénero.

Godspeed You Black Emperor! (despois renomeada "Godspeed You! Black Emperor") e Mogwai estaban entre as bandas máis influentes da escena que xurdiu nesa época. O post-rock comezou a abarcar dende o son lento e atmosférico baseado en guitarras de Boxhead Ensemble, ao rock de Radiohead, ata a electrónica de Stereolab.

 
Sigur Rós

Outra das localizacións máis importantes dentro do movemento post-rock é Montreal, onde Godspeed You! Black Emperor e outras bandas semellantes como Do Make Say Think, A Silver Mt. Zion e Fly Pan Am entre outras, gravan e editan os seus discos a través do selo Constellation Records, unha das discográficas máis importantes do xénero.

A principios dos anos 2000, o termo "post-rock" volveuse controvertido, xa que moitos críticos condenaron o seu uso. Incluso bandas consideradas parte do movemento como Cul de Sac, Tortoise e Mogwai, comezaron a rexeitar o termo. A gran cantidade de estilos que cubría fixeron que perdera gran parte da súa utilidade. Bandas como My Bloody Valentine son frecuentemente consideradas parte do "post-rock" como consecuencia do uso excesivo do termo cando se caracterizan bandas cun aspecto máis "experimental".

Algúns grupos relativamente "comerciais" como Yourcodenameis:milo e Hope Of The States adoptaron o enfoque compositivo de bandas como Mogwai. Porén, o movemento non foi demasiado influente no mainstream. Bandas como Akira, Red Sparowes e Agents in Panama seguen sendo parte do underground. Cabe destacar o recoñecemento recibido de certas bandas como a islandesa Sigur Rós, Explosions in the Sky, Pelican, I'msonic Rain e Mono, cuns niveis de popularidade que foron medrando nos últimos anos.

Características editar

O son post-rock incorpora características dunha ampla variedade de xéneros musicais, como ambient, jazz, electrónica ou experimental. Os primeiros grupos de post-rock amosaban tamén unha grande influencia do krautrock dos 70, particularmente ao coller prestado o "motorik", o característico ritmo deste xénero.

As composicións post-rock adoitan a usar repeticións de motivos musicais e cambios sutís cunha gama moi ampla de dinámica. Nalgúns aspectos, isto é semellante á música de Steve Reich, Philip Glass e Brian Eno, pioneiros do minimalismo. Tipicamente, as pezas post-rock son longas e instrumentais, contendo construcións repetitivas de timbre, dinámica e textura.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar