Portal:Colombia/Artigo destacado/6

A conquista española das nacións chibchas refírese ó período de conquista levado a cabo polo Imperio Español das nacións chibchas, principalmente os muiscas e os taironas que habitaban a actual Colombia, comezando o proceso da colonización española de América. O primeiro español que navegou as costas do que hoxe é Colombia foi Alonso de Ojeda en 1499, que lideraba unha expedición polas costas da península de La Guajira no cabo de la Vela, entre cuxa tripulación se atopaba Juan de la Cosa, mais nunca desembarcaron. En 1502, Juan de la Cosa organizou a súa propia expedición e volveu a La Guajira.

En 1502, na outra costa da actual Colombia preto do Golfo de Urabá, os exploradores españois liderados por Vasco Núñez de Balboa conquistaron a área preto do río Atrato. Alí fundaron Santa María la Antigua del Darién (c. 1509) e a vila de San Sebastian de Urabá (c. 1508-1510), os dous primeiros asentamentos europeos na América continental.

O 29 de xullo de 1525, foi fundada a cidade de Santa Marta na costa norte de Colombia polo conquistador Rodrigo de Bastidas. En 1536, Gonzalo Jiménez de Quesada liderou unha expedición con 600 soldados e 85 cabalos, deixando atrás Santa Marta e chegando a territorio muisca ese mesmo ano.