Ponte da Illa de Arousa

ponte en Galicia

Coordenadas: 42°32′47″N 8°50′34″O / 42.54644, -8.84266

A ponte da Illa de Arousa é unha ponte de trabe de caixa que conecta a Arousa e a costa da comarca do Salnés. Foi inaugurada o 14 de setembro de 1985, sendo daquela unha das obras máis destacadas da enxeñaría civil na súa época. Proxectouse unha reforma en 2007.[1]

Ponte da Illa de Arousa
Ponte da Illa de Arousa, vista desde o oeste
Localización
RíoConecta dúas zonas na Ría de Arousa. Encontráronse vías de auga doce subterránea/submarina
CidadeIlla de Arousa - O Terrón, Vilanova de Arousa
ConcelloIlla de Arousa e Vilanova de Arousa
ProvinciaPontevedra
PaísGalicia Galicia
Características
Construción2 de outubro de 1982 (comezo) - 14 de setembro de 1985 (inauguración)
Restauración2011 (introdución de luz na estrutura e reparacións varias)
Lonxitude1.980 - 2000 metros
GáliboA altura máxima permitida para pasar baixo a ponte é maior cara a metade da estrutura.
TipoPonte de trabes de caixa (box gilder bridge)
Materialformigón, aceiro e outros materiais comúns en pontes

Historia editar

A necesidade dunha ponte foi reivindicada durante moitos anos pola veciñanza. En 1952 estableceuse unha comisión veciñal demandando non só a edificación da ponte, senón tamén a electricidade en condicións e o recoñecemento como concello propio.

En 1979 a comunidade organizou a Festa Pro Ponte para reivindicar a construción da infraestrutura.[2] O logotipo do evento, reproducido nun mural e en bolsas de tea e camisetas, representaba unha ponte atirantada.[3] A construción da ponte orzamentouse en 1500 millóns de pesetas.[2] Ao completarse a ponte, coa súa lonxitude de 1980-2000 metros, foi a máis longa de Galiza e unha das maiores de España.

Características editar

A ponte une a Illa de Arousa coa costa e é a única entrada por terra á Arousa. É un termo común na fala e en varias placas informativas designar a terra ao leste da ponte como o Continente.[4][5]

No momento da inauguración a illa de Arousa pertencía ao concello de Vilanova de Arousa. A metade da infraestrutura corresponde hoxe ao concello da Illa de Arousa e a outra metade a Vilanova. O alumeado da ponte foi obxecto de polémica en varias ocasións,[6][7] xa que o concello de Vilanova mantiña as luces apagadas ao considerar que non era responsábel da infraestrutura.[6] A estrutura ten unha trabe continua composta por 38 vaos de cincuenta metros de luz cada un e outros dous vaos nos extremos de corenta metros. A ponte foi deseñada en forma de curva, sendo o seu raio de 2,5 km. A altura dos elementos verticais que sosteñen a estrutura varía entre 3,5 e 12 metros. Un elemento fundamental na construción son os pilotes, encargados de soportar o peso da estrutura. Estes pilotes alcanzan profundidades de até 40 metros. Aínda que o calado da Ría de Arousa nesa zona é moito menor, coas prospeccións houbo que salvar uns achados de correntes subterráneas de auga doce.

Reparación editar

 
Ponte da illa de Arousa desde a praia do Vao.

Ao longo dos anos, houbo diversas melloras na ponte. Unha das reformas máis notables foi en 2011, cando se introduciu iluminación propia na estrutura. As reparacións proxectadas para a ponte aseguraran que comece "desde cero" en termos de durabilidade e capacidade de carga, é dicir, uns 50 anos máis dentro dun sistema de inspección e mantemento que permita observar o comportamento da estrutura. Interviuse para inxectar na trabe caixón e saneamento dos metais corroídos na parte inferior do caixón, zona de pilastras, estribos e pasarelas contiguas, reparáronse estas zonas antes da introdución de ánodos de sacrificio para evitar a corrosión futura, coa instalación dunha malla de cinc e un morteiro no espazo entre a cara e un molde de fibra de vidro, pintáronse as caras externas da ponte con pintura impermeable baseada en cloruro, que permite a drenaxe de vapores internos de auga, mellorando a resistencia do formigón e pintouse o interior da trabe caixón.[1]

Notas

  1. 1,0 1,1 "Proxecto de reforma da ponte da illa de Arousa". fhecor.com. 
  2. 2,0 2,1 Diario, Nós (2023-08-18). "Unindo A Illa con pontes". Nós Diario. Consultado o 2023-08-19. 
  3. "Historia e historias da Arousa: A Festa da Ponte". Historia e historias da Arousa. Consultado o 2023-08-19. 
  4. Nailla (13 de set. de 2016). "na illa: E á dereita, o continente". na illa. Consultado o 2023-08-19. 
  5. https://www.facebook.com/lavozdegalicia (2006-12-09). "Arousa, antes illa que continente". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-08-19. 
  6. 6,0 6,1 "La oscuridad del puente pone en peligro a conductores y peatones". Voz de Galicia (en castelán). 2011-02-09. Consultado o 2023-08-19. 
  7. Salnés, O. (2022-12-23). "O alcalde esixe á Xunta a reposición do alumeado na ponte da Illa". O Salnés. Consultado o 2023-08-19. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar