Plott hound

raza de can

O plott hound é unha raza de can orixinalmente adicada á caza do xabaril en Alemaña no século XVIII, e dende a súa chegada a Carolina do Norte (Estados Unidos) no ano 1750 o seu traballo principal foi a caza do oso negro ata o presente. A raza tal e como a coñecemos hoxe foi desenvolta na cordilleira dos Apalaches, concretamente na rexión das Smoky Mountains. Trátase dunha raza exclusivamente de traballo, adicada á caza con armas de fogo.

Este sabuxo non é un coonhound senón un can adicado dende a súa orixe á caza maior: oso e xabaril.

Historia editar

Das sete razas de coonhounds rexistradas nos Estados Unidos, só o Plott Hound e o American Leopard Hound non proceden de sabuxos ingleses e franceses, e de todas elas é a que máis seguros podemos estar sobre a súa procedencia e desenvolvemento, tanto en cuestión dos cans como das persoas que se ocuparon dela.

Johannes Plott deixou a súa Alemaña natal e veu ós Estados Unidos no 1750. Trouxo cinco sabuxos de xabaril con el. Estes cans foran criados durante xeracións pola súa resistencia e valentía. Johannes e a súa familia asentáronse nas montañas do oeste de Carolina do Norte no contorno do parque natural das Smoky Mountains, cun clima semellante ó galego. Naqueles días non había xabarís naquela rexión e polo tanto Johannes Plott utilizou os seus cans para cazar osos.

Supostamente Johannes Plott gardou a súa liña completamente pura, sen facer ningún cruzamento alleo. No 1780 a manda pasou a mans do seu fillo Henry Plott. Pouco tempo despois un cazador que vivía en Georgia, quen estivera criando a súa propia liña de “Leopard spotted bear dogs” (cans de oso manchados), sentiu da fama dos plotthounds e foi ata Carolina do Norte para velos por si mesmo. Quedou tan abraiado que pediu emprestado un dos mellores cans dos Plott para telo durante un ano e cruzalo coas súas femias. Ó cabo dese tempo devolveu o macho e con el entregou un cachorro que Henry Plott incorporou á cría. Este simple cruzamento é oficialmente a única achega de sangue estraño introducido no Plott Hound dende a súa chegada ós Estados Unidos.

Porén, outros cruces probablemente tiveron lugar arredor do ano 1900. G.P. Fergurson, que era veciño da familia Plott en Carolina do Norte naquel tempo, tivo unha influencia fundamental na raza Plott. Realizou un coidadoso estudo dos sabuxos das familias Blevins e Cable daquela época e seguramente usou estas liñas para o seu programa de cría da raza Plott. Aqueles sabuxos Blevins e Cable eran, á súa vez, descendentes de cans da familia Plott.

O Plott Hound foi rexistrado no United Kennel Club no 1946, comezando a ser coñecido fóra das montañas do seu lugar de orixe uns anos antes, durante o período de entreguerras. A súa difusión por todos os Estados Unidos tivo lugar dende os anos 60 do s. XX ata os nosos días.

Morfoloxía editar

Características: Activo, rápido, brillante, amable, honesto, de grande coraxe, apremiante na persecución, con grande instinto de "treeing", non dubida en botarse á auga, sempre alerta, rápido para a aprendizaxe, de grande resistencia e beleza.

Cabeza e cranio: A cabeza lévaa ben alta. A parte superior do cranio é moderadamente patelo. O cranio ten unha anchura moderada entre e sobre os ollos. O fociño é de mediada lonxitude, pero non é cadrado. Dentes cheos de poderío, brancos, con boa trabada. Non está permitido o prognatismo nin o enognatismo. Ollos de cor castaña ou abelá; prominentes pero non saltóns. Orellas moderadamente altas e de lonxitude media. Son suaves e non teñen poder eréctil.

Cuartos dianteiros: Os ombreiros son musculosos e indicativos de velocidade e forza. O peito é profundo cun axeitado lugar para os pulmóns. Patas dereitas, finas, fibrosas. Ben rectas nos xeonllos. Perfectamente en liña.

Corpo: As costas están lixeiramente arqueadas, ben musculadas e fortes, non enseladas. As cadeiras son finas, redondeadas e proporcionalmente amplas. As beiras están arqueadas, con cuartos e lombos musculosos.

Cuartos traseiros: Fortes e musculosos, ben formados.

Pés: Redondeados, sólidos, pé de gato, ben acolchado e duro, perfectamente recto na xoga coa pata.

Rabo: O rabo é moderadamente groso, forte na raíz, afiándose cara a punta, a miúdo en cepillo, levado alto ó xeito dun sabre.

Pelo: Pelo espeso de mediano grosor, de curta ou mediana lonxitude, dando unha aparencia lisa e brillante. Algúns plotthounds teñen dobre pelaxe, unha interior curta e suave e outra exterior máis longa e espesa.

Cor: Manchada ou negra con bandas pretas. A National Plott Hound Association (NPHA) define a verba manchado como: “un bonito efecto raiado ou ben un raiado negro ou fogo cun fondo máis claro ou máis escuro”. As sombras de cor aceptadas son: amarelo, vermello, fogo, castaño, negro, gris ou gris azulado. As cores uniformes non se aceptan, aínda que a cor area uniforme si é aceptada pola AKC. Acéptase algo de cor branca só no peito e os pés. O manto debe ter un efecto raiado.

Altura e peso: Machos: 56-69 cm. na cruz; 22-34 kgs. Femias: 54-64 cm. na cruz; 18-29 kgs.

Funcionalidade editar

O Plott Hound é un sabuxo norteamericano adicado á caza maior, coñecido como loitador varudo e teimudo rastrexador. Ademais é extremadamente xentil e leal cos seus amos.

A medida que a fama dos plotts foi medrando, os cazadores de mapaches comezaron a interesarse pola raza. Como hai moitos máis cazadores de mapaches nos Estados Unidos que cazadores de osos e xabarís, o plott foi sendo clasificado como un "coonhound". De tódolos xeitos, o traballo tradicional do plotthound é seguir e facer parar no chan ou subir a unha árbore caza maior como: osos, xabarís e pumas. Moitos plotts actuais seguen a cumprir esta función.

Capaz de cazar en diversos tipos de terreo en tódalas estacións, o plott é un bravo, áxil e agresivo rastrexador cunha voz xenerosa e de ton alto. A música dos plotts distínguese por un barullento, continuo e golpexador latido no rastro e ó parado, aínda que os latidos que se arrastran tamén son aceptables.

Como calquera grupo de entusiastas dos cans, os sabuxeiros coidan a conformación e a liña dos seus plotts, pero sobre todo coidan a súa funcionalidade. O can que falla no funcional, por falta de paixón, pobre capacidade de rastrexo, resistencia, conformación e valentía é retirado da cría ou se sacrifica. O propietario dun plotthound que non loita cun oso, descártao. Se o plott loita cun oso, pero o fai dun xeito estúpido, o oso se encarga de descartalo. Só os cans adicados á caza maior perigosa corren o risco de ser descartados polo seu dono e pola súa presa.

Ó longo dos anos fóronse especializando liñas de sangue tanto para cazadeiros concretos, como poden ser as brañas do sueste dos EE.UU, os semidesertos do suroeste ou as fragas dos Grandes Lagos; como para distintas presas, tales como o oso negro, o mapache ou o cocho salvaxe norteamericano. Actualmente podemos atopar plotthounds cazando oso negro e oso pardo, mapache, xabarín e cocho salvaxe, puma e lince, coiote etc… en lugares tan diversos como Estados Unidos, Xapón, diversas illas do Pacífico, Alemaña, España, Suecia, Grecia ou Turquía.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Strike and Stay: The Story of the Plott Hound, Bob Plott, The History Press, 2007.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar