Plan das Bicicletas Brancas

O Plan das Bicicletas Brancas (en neerlandés Witte Fietsenplan) foi unha das accións levadas a cabo polo movemento Provo, que actuou nos Países Baixos entre 1965 e 1967. Formaba parte dunha serie de accións que se desenvolveron baixo o nome de Plans Brancos.

Publicación sobre o Plan das Bicicletas Brancas.

Historia editar

O Plan das Bicicletas Brancas foi o máis famoso dos Plans Brancos. Foi ideado como última solución ao “tráfico terrorista dunha minoría motorizada”. Inventado polo militante provo e deseñador industrial Luud Schimmelpenninck, este plan pretendía socializar os transporte pechando o centro de Ámsterdam ao tráfico motorizado, aumentando o transporte público nun 40% e obrigando aos taxis a ser eléctricos e non superar os 40 km/h. Tamén defendían a compra anual de 20.000 bicicletas que haberían de ser dispostas por toda a cidade. Estas bicicletas estarían pintadas de branco, sen cadeado e accesibles aos usuarios para asegurar a súa dispoñibilidade[1]. O folleto que anunciaba o plan definía a bici branca como o “transporte comunitario gratuíto”. Schimmelpenninck calculou que, incluso dende un estrito punto de vista económico, o plan ía proporcionar grandes beneficios para a cidade de Ámsterdam.[2]

Os provos decidiron poñer en marcha o Plan das Bicicletas Brancas proporcionando as primeiras cincuenta bicicletas. Como provocación contra o capitalismo e na defensa da ecoloxía o Plan das Bicicletas Brancas foi un éxito, porén a súa aplicación práctica resultou un fracaso: a policía confiscou as primeiras bicicletas socializadas co pretexto de seren unha invitación ao roubo e acabou incautando toda bicicleta que se atopou na rúa sen cadeado co pretexto de que unha ordenanza municipal prohibía abandonar bicicletas sen aseguralas. Ante isto os provos volveron poñer as bicicletas nas rúas, pero esta vez cun cadeado cuxa combinación estaba pintada sobre o propio vehículo[3]. Xa na presentación da primeira Bicicleta Branca a policía cargou con contundencia contra os presentes. Os provos, en represalia, roubaron unhas cantas bicicletas da policía.

Paralelamente, os provos lanzaron o seu "Plan dos Corpos Brancos", que establecía que calquera que causase un accidente mortal de automóbil debería ser forzado a pintar con pintura branca o perfil do corpo da vítima na beirarrúa onde se producira o accidente, para impedir que se ignorasen as mortes que causaban os coches.

Notas editar

  1. IRIMIA, A. (10/2005). www.divergencia.bitacoras.com, ed. "Las armas de la provocación. De yippies, motherfuckers, provos y demás sin-vergüenzas.". Arquivado dende o orixinal o 13/09/2019. Consultado o 12/10/2010.  (en castelán)
  2. VOETEN, T. (01/1990). www.ardjoena.nl, ed. "The true story of the Dutch Provos". Consultado o 11/10/2010.  (en inglés)
  3. "Los provos holandeses". Arquivado dende o orixinal o 16/03/2010. Consultado o 12/10/2010.  (en castelán)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar