Pitaia

froito tropical

Pitaia[1] é o froito en baga da planta do mesmo nome, dos xéneros Hylocereus e Selenicereus, da familia dos cactos (Cactaceae), proveniente das Américas, de forma ovoide e que, segundo as especies, pode ter a pela de cor rosa, vermella ou amarela, con brácteas verdes que tornan amarelas cando madurece, e a polpa branca ou rosada con sementes negras, moi zumarenta e de sabor doce. Hoxe cultívanse en diferentes zonas tropicais e subtropicais do mundo, incluíndo xa as Illas Canarias e o sur da Península Ibérica.

Froita de Selenicereus megalanthus.
Sección dunha pitaia vermella.
Pitaia de polpa vermella (Hylocereus monacanthus)

Descrición editar

A pitaia é unha planta cactácea, e como tal, é moi resistente ás secas. A planta é un cacto suculento, rústico, de talos longos triangulares, cuxos tentáculos procuran as rochas incesantemente polas que senten unha especial predilección, haxa solo achegado ou non; adoita se enredar nas árbores próximas alimentándose da humidade das súas cascas e rube polas súas pólas até oito ou dez metros do chan sen penetrar un só centímetro en terra. A flor da pitaia, que é tubular, hermafrodita como a maioría das cactáceas, é tan fermosa como breve, pois os seus finos e longos pétalos brancos ou rosados ábrense dende o cáliz, cunha textura e fragrancia especial de efectos sedantes, pero sorprendentemente efémera, pois parece cegador pola mañá e a medida que empeza a sentir a calor do sol se deshidrata de súpeto. Ábrese unha soa vez nas horas nocturnas e o seu recendo penetrante atrae a numerosos insectos. Autofecúndase mais tamén pode cruzarse, sendo os morcegos os mellores polinizadores no seu medio natural. A formación do froito desde a polinización até a colla dura de catro a oito meses dependendo das temperaturas existentes.

O froito é de forma ovoide con 10 cm de longo por 6 cm de largo e adoita presentar desde o seu nacemento unha cor averdada que se torna amarela ou ruiba segundo o cultivar, a medida que se desenvolve, ofrecendo unha pela escamosa, especial característica que dá o nome "pitaia" que en haitiano quere dicir froita escamosa. Dita casca presenta grupos de espiños duros e agudos que se desprenden con facilidade, debendo ser quitadas coidadosamente antes de cultivar o froito e evitar con iso as súas picadas. É unha froita deliciosa que contén unha polpa lene, doce e mol en cultivares de cor amarela e carmesí nas variedades de tona vermella, que adoitan conter menos azucre.[2]

Especies editar

Distínguense dúas especies principais: A H. triangularis (pitaia amarela) e a H. ocamposis (pitaia vermella). A que proporciona froitos vermellos é moito máis atractiva pero ten o inconveniente de que é moito máis feble e delicada, soportando mal o transporte e posterior mercadeo. A de cor amarela é menos perecedoira e ofrece mellores posibilidades comerciais debido ás súas calidades resistentes e, especialmente, ao seu sabor, moi superior ás variedades vermellas.[2] Hai outras especies, como as seguintes especies:

Propiedades editar

A tona da pitaia é dun verde purpúreo ou de cor amarela. A polpa é abrancazada e contén miúdas sementes negras recendentes. Este seu aroma pérdese cando se quentan. As pitaias vermellas teñen xeralmente a polpa de cor branca, mais tamén existen variedades de polpa vermella, máis difíciles de cultivar e por iso menos frecuentes, aínda que o seu sabor é máis intenso ca os da de polpa branca. Son froitas sensíbeis á presión e por iso difíciles de transportar. En Europa é posíbel atopar a froita de Centroamérica nos supermercados entre xullo e decembro, e do Vietnam entre xaneiro e xuño. As froitas provenientes de Tailandia chegan por avión durante todo o ano. A pitaia axuda á creación de glóbulos vermellos. O 90% da froita está composto de auga e é rica en ferro, calcio e fósforo; tamén contén vitaminas B, C e E. O seu valor enerxético é de 210 kJ/100 g.

Produción editar

Os principais produtores do mundo de pitaia son Nicaragua (máximo produtor en Centroamérica de Hylocereus sp.), Colombia (máximo produtor de Selenecereus megalanthus), Ecuador (produtor de ambos os Hylocereus sp. e Selenecereus megalanthus), Vietnam (máximo produtor de Hylocereus undatus no sueste de Asia), Tailandia, Malaisia e Israel.[3]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Nome e definición en galego en Buscatermos da USC- https://aplicacions.usc.es/buscatermos/publica/buscas/busca.htm#158476
  2. 2,0 2,1 Descubre los Frutales Tropicales. Diaz Robledo. J. (2004) : Norma Editorial. Las Rozas (Madrid)
  3. "Pitahaya or dragon fruit production in California: a research update" (PDF). University of California – Agriculture and Natural Resources Division (UCANR. 2013. Consultado o 22 de xullo de 2017. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar