Pilro ferruxento
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Scolopacidae
Xénero: Calidris
Especie: C. ferruginea
Nome binomial
Calidris ferruginea
(Pontoppidan, 1763)
Sinonimia

Erolia ferruginea (Vieillot, 1816)

O pilro ferruxento[2], pilro de cu branco[3] ou pilro cubranco[4] (Calidris ferruginea) é un pilro (ave da familia Scolopacidae) que cría na tundra siberiana.

Descrición editar

Mide 20 cm escasos (máis ou menos coma un estorniño) e ten unha envergadura de ás duns 35 cm. Pesa entre 40 e 60 g. A idade máxima coñecida é de 17 anos. O peteiro é longo e lixeiramente curvado, semellante ó doutras especies de pirlos. Coa plumaxe invernal (gris pálida na parte superior do corpo e branca na inferior, cunha mancha superciliar tamén branca) é doado confundilo co pilro común, aínda que ten as patas máis longas, é algo máis claro de coloración e de movementos máis silenciosos. Coa plumaxe de cría a diferenza é máis clara: teñen a parte superior gris escura, e a parte inferior é de cor vermella ferruxenta. As aves novas teñen o lombo gris e castaño, o ventre branco e o papo da cor dos pexegos. As patas son sempre negras.

Distribución e hábitat editar

O pilro ferruxento é unha ave migratoria, que pasa o inverno en África, e tamén no sur e sueste de Asia e mesmo en Australasia. No oeste de Europa é unha ave de paso, que aparece durante a súa viaxe ó oeste de África. Aparece esporadicamente en Norteamérica. A súa zona de cría está no norte de Siberia. Cría en zonas de tundra non moi lonxe da costa ou das beiras dos ríos. Durante a viaxe migratoria poden verse nas costas e, máis ó raro, en augas interiores.

Alimentación editar

É exclusivamente animal: comen vermes, moluscos pequenos, caracois e insectos. Durante a época de cría moitas típulas e mosquitos. Capturan as presas camiñando pola lama branda das beiras dos ríos ou da costa.

Reprodución editar

 
Calidris ferruginea

Maduran sexualmente a partir do terceiro ano de vida. As parellas fórmanse, en xeral, nas áreas de invernada. A época reprodutora vai de mediados de maio a finais de xuño. As femias poñen ata cinco ovos.

Comportamento e status editar

O pilro ferruxento é unha ave moi gregaria, que forma bandos con outras especies de limícolas, particularmente co pilro común. Ocasionalmente hibrida con outras especies de pilros coma Calidris acuminata e Calidris (Erolia) melanotos producindo as falsas "especies" ("Calidris" × cooperi) e ("Calidris" × paramelanotos), respectivamente.

O número de exemplares parece estar en relación coa abundancia de lemmings. En anos en que estes teñen poboacións baixas, os depredadores árticos capturan moitos pilros no seu canto.

É unha das aves incluídas no AEWA (Acordo para a conservación das aves acuáticas migratorias de Eurasia e África).

Nome común noutras linguas editar

  • Alemán: Sichelstrandläufer
  • Español: Correlimos zarapatín
  • Francés: Bécasseau cocorli
  • Inglés: Curlew Sandpiper
  • Italiano: Piovanello
  • Neerlandés: Krombekstrandloper
  • Noruegués: Tundrasnipe
  • Sueco: Spovsnäppa

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "Calidris ferruginea". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada (PDF). Chioglossa. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08-11-2017. Consultado o 17-12-2016. 
  3. Lahuerta Mouriño, Fernando; Vázquez Álvarez, Francisco X.; Rodríguez Villanueva, Xosé L. (2000). Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. ISBN 84-453-3316-X. 
  4. Penas Patiño, Xosé Manuel (2004). Guía das aves de Galicia. Baía Edicións. ISBN 978-84-96128-69-9. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Thomas, Gavin H.; Wills, Matthew A. & Székely, Tamás (2004): A supertree approach to shorebird phylogeny. :

Ligazóns externas editar