Picanzo real meridional

O picanzo real meridional (Lanius meridionalis) é un paxaro da familia dos picanzos (Laniidae) que ten aproximadamente o tamaño dun merlo (Turdus merula). Esta representado por unhas 10 subespecies nas zonas oeste, centro e sur do Paleártico.

Southern grey shrike

En Estremadura
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Laniidae
Xénero: Lanius
Especie: L. meridionalis
Nome binomial
'Lanius meridionalis'
(Temminck, 1820)

Ata non hai moito as formas de L. meridionalis e as do picanzo real setentrional (Lanius excubitor) eran consideradas como unha especie única: o picanzo real (Lanius excubitor).

Descrición editar

Son moi semellantes en aspecto ós picanzos reais do norte, aínda que son algo máis pequenos, máis delgados e lixeiros e de patas máis longas. A plumaxe do lombo e gris chumbo, a da parte inferior clara con matices rosados. Destacan as plumas claras, nalgunhas variedades mesmo brancas, dos ombreiros, que contrastan coas plumas negras das rémixes primarias e secundarias. A parte superior das ás amosa unha área branca de tamaño variable, formado polas bases brancas das rémixes. A subespecie co campo branco nas ás máis grande é L. m. pallidirostris. Unha máscara facial negra vailles dende a base do bico, pasando sobre os ollos, ata a zona dos oídos. Nalgunhas subespecies esta máscara está limitada por unha liña branca fina. A cola, longa e en forma de cuña, é negra, coas plumas rectrices exteriores brancas. O bico é tamén negro, mentres que patas e unllas son grises escuras.

As subespecies nominativas das dúas especies de picanzo real son relativamente doadas de distinguir, grazas á diferente coloración da parte superior do corpo (gris lousa en L. e. excubitor e gris chumbo en L. m. meridionalis) e polas plumas do peito e a barriga (abrancazadas con matices grises en L. e. excubitor e abrancazadas con matiz rosa en L. m. meridionalis). Outras subespecies son difíciles de distinguir, sobre todo nos cuarteis de inverno asiáticos onde coinciden algunhas subespecies do picanzo real setentrional co residente L. m. pallidirostris.

O aspecto de machos e femias é practicamente igual e mesmo a plumaxe dos exemplares novos semella moito á dos adultos, por ben que é algo máis mate e menos contrastada. A máscara facial dos exemplares novos é acastañada escura e ás veces está incompleta, a parte inferior é branca agrisada, ás veces cun lixeiro barrado castaño rosado, non tan evidente coma nos xuvenís do picanzo real setentrional.

 
Picanzo real meridional pousado nunha palmeira

Miden uns 24 cm dende a punta do bico á da cola. O peso, que é algo menor nas femias, varía entre os 50 e os 90 gramos consonte as variedades, sendo os exemplares da raza L. m. pallidirostris os máis lixeiros e os de L. m. meridionalis os de máis peso.

Voz editar

O seu repertorio de sons é moi semellante ó do picanzo real setentrional, e componse principalmente de berros ásperos, de asubíos finos e longos dabondo e de trilos melodiosos. As estrofas melódicas adoptan ás veces elementos tomados do canto doutros paxaros, por ben que realiza imitacións menos frecuentemente que a especie do norte.

Distribución e subespecies editar

  • L. m. meridionalis, a forma nominativa, está espallada polo sur de Francia e pola Península Ibérica e se cadra tamén polo noroeste de Marrocos. Malia coincidir nalgunhas rexións de Francia co picanzo real setentrional non se coñecen casos de hibridación. As razas africanas teñen a plumaxe máis clara canto máis ó leste viven. Non son doadas de diferenciar nas observacións de campo.
  • L. m. koenigi aparece nas illas meirandes do arquipélago das Canarias. A súa poboación estímase nunhas 2000 parellas.
  • L. m. algeriensis, distribuída no noroeste de África, principalmente en Mauritania occidental, oeste do Sáhara, Marrocos, Alxeria e Tunisia.
  • L. m. elegans, vive ó leste da anterior, en Libia, Exipto, nos oasis do Sáhara central e en partes do Sudán.
  • L. m. leucopygos é unha variedade clara da zona do Sáhel, ó sur e suroeste do Sáhara: Malí, Níxer, Chad, norte de Nixeria, chegando polo leste ó sur do Sudán

As subespecies do sur e centro de Asia son relativamente escuras, con menos parte branca na plumaxe que as descritas ata agora. A máscara facial negra adoita cubrir tamén a parte superior da base do bico.

 
Distribución do picanzo real meridional
verde: sedentario
laranxa: en xeral migratorio
sombreado amarelo: zonas de invernada dos exemplares migratorios
  • L. m. aucheri (que inclúe a L. m. theresae e L. m. jebelmarrae, dúas variantes cromáticas non recoñecidas universalmente como subespecies) é máis escura que a L. m. elegans. As súas poboacións viven no sur de Israel, no Sinaí, Siria, centro e leste da península de Arabia, Iraq e sur de Irán.
  • L. m. buryi, unha raza moi escura coas plumas da gorxa e o peito grises. Vive exclusivamente nas áreas montañosas do suroeste da Península Arábiga (Iemen).
  • L. m. unicatus, raza insular limitada á illa de Sokotra.
  • L. m. lathora, que amosa unha banda negra ampla sobre o bico, moi forte. O campo branco das ás é moi grande, a parte ventral branca sucia, a miúdo cun ton beixe. Fáltalle a liña branca na zonas das cellas. É a subespecie máis suroriental, aparecendo no leste do Paquistán e oeste, noroeste e norte da India.
  • L. m. pallidirostris, ás veces clasificada como especie separada co nome científico de Lanius pallidirostris, é a subespecie cunha área de distribución meirande, que abrangue dende a beira leste do mar Caspio, ata o nordeste de Irán, Afganistán e norte de Paquistán, continuando cara ó leste ata o sur de Mongolia e a meseta de Ordos. A súa fronteira norte está nos 50° N de latitude, a sur ó redor dos 40° N. Ten a plumaxe pouco contrastada: gris area por riba e branca eslavuxada con ton rosa pálido por debaixo. As partes brancas das ás grandes e o bico gris acastañado. Como no caso da subespecie típica e das africanas non ten banda negra na base do bico.

Hábitat editar

Aparecen en diversos tipos de paisaxes abertas e secas con arbustos ou árbores esparexidos. Na cunca oeste do Mediterráneo viven en zonas secas con vexetación mediterránea e áreas de herba curta ou de pedras. Poden criar tamén en zonas de cultivo extensivo e de viña. En Asia adoitan atoparse en paisaxes nas que aparecen diversos tipos de plantas arbustivas propios de zonas semidesérticas ou moi secas coma tamariscos, acacias (Acacia sp.) ou plantas do xénero Halimodendron. Nos desertos viven nos oasis. No Turkmenistán e norte de Irán o seu hábitat principal son zonas esteparias con exemplares da Pistacia vera. Nesas zonas poden aparecer ata a máis de 2500 m de altitude. Nalgunhas rexións coma o sur do Turkmenistán ou nas zonas de areas entre o Volga inferior e o río Ural, son un dos paxaros reprodutores máis frecuentes. Os picos máis altos de concentración danse en vales con correntes de auga estacionais, coas beiras poboadas por árbores e arbustos.

Alimentación editar

 
Lagarto espetado no "celeiro" dun picanzo

A súa fonte principal de alimentación son os insectos, sobre todo escaravellos, saltóns, grilos, bolboretas e as súas larvas, abellas, avespas e formigas. Outras presas coma pequenos réptiles e anfibios e mamíferos de pequeno talle conforman tamén unha parte non desprezable do seu espectro alimenticio. Capturan tamén paxaros e polos dos niños. En ocasións comen alimento vexetal coma dátiles, noces e sementes. No seu medio natural parece que non beben nunca ou moi raramente.[1].

Cazan principalmente dende un punto de espreita, situado en xeral máis preto do chan que o de L. excubitor. Non son tan amigos de acumular presas en celeiros como a especie setentrional, agás durante a época de cortexo, na que as reservas de alimento xogan un papel importante facendo máis atractivos ós machos que poden amosar un celeiro cheo. Fóra do tempo da reprodución e raro atopar exemplos de presas conservadas para ser consumidas posteriormente. As femias parecen non amosar nunca este tipo de comportamento.[2] O picanzo real meridional caza correndo ou choutando polo chan máis frecuentemente que o seu parente do norte.

Conduta editar

Son aves diúrnas que comezan a súa fase activa cando sae o sol e continúana ata o solpor. As horas centrais do día pásanas toquenexando agachadas entre o mato. Esas horas son aproveitadas ocasionalmente tamén para tomar baños de area. Tamén lles gusta bañarse nas beiras dos cursos de auga. Durante o día adoitan estar pousados e moitas veces ben visibles no seu punto de espreita, que cambia a intervalos e dende o que fai voos de caza curtos. Pasa ás veces períodos longos procurando presas polo chan. Dormen preto do niño ou do seu punto principal de vixía.

Son menos territoriais que L. excubitor, e marcan e defenden un territorio ben definido só durante a época reprodutora. A delimitación faise con voos de demostración. Durante a incubación e a cría non toleran outras aves preto do pousadoiro principal do seu territorio, atacando con especial agresividade a posibles depredadores coma as pegas (Pica pica).

O tamaño do territorio depende da dispoñibilidade de alimento e da subespecie. Os das poboacións hispánicas miden entre 10 e 25 Ha, os da variedade L. m. aucheri poden medir 60 ou máis. En oasis axeitados de Alxeria foron observadas ata 5 parellas nun territorio de 4 Ha. Fóra da época reprodutora os machos adoitan defender só o territorio inmediato ó seu punto principal de espreita, mentres que as femias se establecen o seu propio terreo de caza, en xeral de pequeno tamaño.

Reprodución editar

Emparellamento e construción do niño editar

O comezo da época de cortexo depende como é lóxico da áreas xeográficas. Mentres que para as razas africanas e do sur de Asia comeza a finais de xaneiro, para as hispánicas o punto culminante sitúase entre mediados de marzo e primeiros de abril. As poboacións migratorias da subespecie L. m. pallidirostris comezan as cerimonias de emparellamento e construción do niño a primeiros de abril, acabados de chegar ó seu territorio de cría.

Forman parellas monógamas estacionais, aínda que a gran fidelidade da especie ós seus territorios de cría debe favorecer que as mesmas parellas se poidan repetir varios anos. Os casos de polixinia son raros, pero non excepcionais .[3] O nivel de agresividade entre sexos é moi alto e vaise reducindo pouco e pouco durante as cerimonias de emparellamento, sen desaparecer, porén, completamente mesmo en parellas xa ben establecidas.[4] Os elementos principais dos ritos de cortexo inclúen, ademais do canto dos machos, a sinalización de lugares para o niño, a entrega de presas á femia polo macho e pautas de comportamento xuvenil, sobre todo do lado das femias. Nos primeiros días do cortexo os machos achéganse ás femias con precaución, porque estas atácannos frecuentemente. O emparellamento é definitivo cando a femia non regresa ó seu propio territorio. Se os territorios respectivos son veciños, adoitan fusionarse nun só.

O niño é construído polos dous membros da parella na galla dunha póla situada no punto principal de vixilancia do territorio. Ó niño, moi estable, ten xeito de prato e un aspecto algo zarapalleiro, causado polos carabulliños e follas que forman a parte externa e que colocan de xeito que sobresaian do corpo da construción, A miúdo son utilizadas plantas con espiñas tecidas con follas como material principal do niño. A parte interior esta cuberta dunha molida de materiais diversos como plumas ou partes brandas de planta, Cando fan unha segunda posta constrúen un niño novo para o que adoitan usar material do vello. En ocasións poden renovar un niño vello e mesmo usalo máis dun ano.[1] O tamaño da construción e moi variable: a subespecie L. m. meridionalis fai as meirandes, de ata 27 cm, mentres que os niños da raza L. m. pallidirostris non pasan en xeral dos 20 cm. A cunca interior ten entre 7 e 15 cm de diámetro e entre 5 e 7,5 cm de fondo.

Posta e incubación editar

 
Lanius meridionalis

En máis da súa área de distribución crían dúas niñadas cada ano. Nas zonas máis setentrionais fan só unha posta anual e en sitios moi axeitados poden facer tres e ata catro.[1] Nalgúns casos as femias comezan a posta da segunda niñada cando aínda están a acabar de criar os polos da primeira. Poñen entre dous e sete ovos, en xeral de cinco a seis, de fondo branco sucio ou algo averdegado cun manchado escuro na parte máis arredondada do óvalo. Miden de media entre os 27,3 x 19,6 mm dos de L. m. meridionalis e ós 23,8 x 18,6 mm da variedade máis pequena L. m. pallidirostris. As femias comezan a chocar en poñendo o terceiro ovo e son alimentadas polos machos mentres dura a incubación, na que só na variedade L. m. pallidirostris se observou a colaboración ocasional do macho. Os ovos tardan en abrirse entre 16 e 20 días, momento no que a femia comeza a ocuparse de embicadar ós pitos, coa colaboración esporádica do macho que segue a traer alimento. Os machos polígamos traen presas ás femias pero non se ocupan de alimentar ós polos directamente.[5]. Estes deixan o niño ós 15 días ou antes se son molestados, antes de estaren totalmente preparados para voar. Seguen a ser coidados polos pais polo menos 30 días, tarefa que, cando se solapan dúas niñadas, fan só os machos.

Emigracións editar

Os exemplares que viven máis ó sur son aves sedentarias que só fan desprazamentos curtos. Os que crían nas montañas, por exemplo, desprázanse na época fría a zonas baixas sen afastarse moito do territorio de cría. Só as poboacións setentrionais de L. m. pallidirostris son migratorias, algunhas mesmo de larga distancia. Voan maioritariamente cara ó sur ata Afganistán, sur de Irán e Iraq, a península de Arabia, e a zona mediterránea asiática ó sur de Anatolia. Algúns seguen cara ó sur para pasaren o inverno e no leste de Exipto e o Sudán e norte de Etiopía.

Situación e ameazas editar

A situación exacta da especie esta pouco estudada. Segundo a IUCN, que non separa os datos das especies Lanius excubitor e Lanius meridionalis a súa situación nas illas Canarias e o sur de Europa é estable [6], por ben que outros expertos falan dun certo retroceso [7]. Fóra de Europa os datos son incertos. Nalgunhas rexións coma no sur do Turkmenistán é unha das aves reprodutoras habituais [8], e algunhas variedades africanas son nalgunhas zonas relativamente abundantes. Nas zonas onde a agricultura se fai intensiva e o uso de insecticidas e herbicidas medra, as súas poboacións retroceden.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Harris & Franklin (2000), S. 158
  2. Panow (1996), S. 211
  3. Harris & Franklin (2000), S. 156
  4. Panow (1996), S. 202 f.
  5. Harris & Franklin (2000), S. 159
  6. "factsheet birdlife europe" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de setembro de 2007. Consultado o 27 de outubro de 2007. 
  7. Harris & Franklin (2000), S. 157
  8. Panow (1996)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Tony Harris & Kim Franklin: Shrikes & Bush-Shrikes. Helm identification Guides, Londres 2000. S. 155-159; plate 5, ISBN 0-7136-3861-3
  • Evgenij N. Panow: Die Würger der Paläarktis. Die Neue Brehm-Bücherei Bd. 557. Westarp-Wissenschaften, Magdeburg 1996, S. 198-211, ISBN 3-89432-495-3
  • Urs N. Glutz von Blotzheim (Hrsg.): Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Bearb. u. a. von Kurt M. Bauer und Urs N. Glutz von Blotzheim. Aula-Verlag, Wiesbaden 1985 ff. (2. Aufl.). Teilband 13/2, S. 1262-1328, ISBN 3-89104-535-2

Ligazóns externas editar