A pica de Richard (Anthus richardi) é un paxaro de tamaño medio que cría no norte de Asia e pasa o inverno no sur deste continente. Aparece de xeito relativamente frecuente no leste de Europa. O nome desta ave foille dado en lor do naturalista francés Richard de Lunéville.

Descrición editar

A pica de Richard é unha pica de tamaño grande e de patas e dedas longas, particularmente a deda posterior que é moi recta, en relación ós doutras especies semellantes. Mide entre 17 e 20 cm, pesa entre 25 e 36 gramos e ten unha envergadura de ás de entre 20 e 30 cm. É un paxaro esvelto e de cola e bico longos que a miúdo adopta unha postura erguida. A súa coloración faino difícil de distinguir cando está pousado no chan: a parte superior do corpo ten listas escuras sobre un fondo acastañado; a gorxa, que ten listas negras, e os vaos teñen cores que van do beixe ó rosado. O abdome e abrancazado. A cola ten plumas exteriores brancas e o bico é negro coa base da parte inferior amarela. A cara é moi debuxada cunha banda ocular negra, zona superciliar branca e faixas no “bigote” e a zona malar. As ás amosan dúas barras pálidas.

As diferentes subespecies teñen aspectos algo diferentes:

  • A. r. sinensis é máis pequena e menos listada cá forma típica.
  • A. r. centralasiae, meirande e coa parte superior do corpo de cor máis areenta.
  • A. r. dauricus, de lombo máis listado.

É unha ave que voa de xeito ondulante pero con forza, e emite unha chamada semellante á do pardal. O seu canto e unha serie monótona de notas que emite mentres que voa.

Distribución xeográfica e hábitat editar

A pica de Richard vive principalmente en estepas herbáceas e zonas abertas do leste de Asia, dende o leste de Casaquistán ata ó océano Pacífico. Pasa o inverno no subcontinente indio, o sueste de Asia e o sur da China, e ten sido vista en zonas tan meridionais coma Sri Lanka, Singapur e o norte da illa de Borneo. Algunhas aves desprázanse cara ó oeste no outono e algúns exemplares adoitan aparecer en case tódolos países de Europa, o Oriente Próximo e o norte de África. De feito pequenas poboacións invernan na Península Ibérica e Marrocos.

 
Exemplar de pica de Richard fotografiado na India.

Prefire ás áreas máis húmidas ás secas e aparece tanto en zonas completamente chas coma nas abas das montañas. Durante as migracións vese a miúdo en zonas de labranza, nas costas e en beiras de ríos cubertas de area.

Reprodución e alimentación editar

 
Anthus richardi

A construción dos niños comeza entre unha e dúas semanas despois de chegaren ás áreas de cría. Os niños son pequenas depresións agachadas entre a vexetación que escalan na terra e cobren de brión e herbas. Poñen entre catro e seis ovos, moi debuxados con pencas e liñas acastañadas, oliváceas ou grises.

Son aves insectívoras que captura as súas presas no chan ou no aire despois dun voo curto. Ocasionalmente comen tamén sementes.

Situación das poboacións editar

Non hai estimacións sobre o número de exemplares desta especie. A IUCN considera que e unha ave habitual, polo menos en parte da súa área de distribución, e non a considera unha especie ameazada.

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar