Pega azul
Cyanopica cyanus

Pega azul en Shanghai
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Corvidae
Xénero: Cyanopica
Especie: C. cyanus
Nome binomial
Cyanopica cyanus
Pallas, 1776
Sinonimia

Cyanopica cyana

A pega azul (Cyanopica cyana) é un córvido, parente da pega común, distribuído polo oeste da Península Ibérica e o leste de Asia.

Descrición editar

Miden entre 33 e 37 cm de lonxitude e as proporcións do seu corpo son semellantes as da pega común, por ben que son máis delgadas e o bico e as patas son algo máis curtos en relación ó corpo. A parte inferior e gris acastañada, a superior máis escura, ás veces case castaña. As partes superiores das ás e a cola, que mide entre 16 e 20 cm de longo, son azuladas. A cola aclárase na punta, que ás veces é mesmo branca. A coloración branca da gorxa prolóngase nunha banda lateral estreita ata á caluga. A parte superior da cabeza é negra brillante. O azul das ás, que en condicións de boa iluminación ten aspecto azul ceo brillante, destaca menos en días de mal tempo.

Distribución xeográfica editar

A distribución xeográfica da especie, repartida en dúas zonas moi distantes, é un fenómeno que deu lugar a moitas interpretacións. Os dous grupos de poboación están repartidos, por un lado en España e Portugal e por outro na China, o Corea, Xapón e Mongolia.

Segundo unha teoría, esta curiosa distribución sería a consecuencia da desaparición das poboacións intermedias que terían existido na conca mediterránea e o leste de Asia, a consecuencia das glaciacións. Existía outra teoría que supuña que as poboacións europeas non eran autóctonas, e foran introducidas por mariñeiros portugueses contra o século XVI. Contra esta teoría falaría a presenza na Península Ibérica dunha variedade específica, C. C. cooki , descrita xa en 1830, xa que é improbable que nun período tan curto coma 200 anos se produza unha separación tan clara co resto da especie e o descubrimento de ósos de pega azul en Xibraltar dunha antigüidade de 44.100 anos[2][3].

Estudos xenéticos recentes amosarían que as formas europeas constitúen unha especie separada, Cyanopica cooki, aínda que esta situación non foi aínda oficialmente recoñecida.[4]

Hábitat editar

Na Península Ibérica son aves de espazos arborados abertos, e están presentes a miúdo nos bosques de sobreiras e outras especies do xénero Quercus, coma Quercus rotundifolia ou Q. pyrenaica, e en bosques ou soutos pouco mestos de coníferas ou mixtos. que prefiren ás zonas de cultivos arbóreos máis intensivos. As taxas máis altas de poboamento danse como consecuencia en Estremadura, oeste de Andalucía e sur de Portugal. Nas zonas fronteirizas da súa distribución ibérica son menos esixentes e viven tamén en cultivos de améndoas e oliveiras. A súa área de cría vese limitada pola falta de biótopos axeitados, pero tamén pola competencia das pegas comúns, coas que practicamente nunca comparten os territorios.

As poboacións asiáticas crían tamén en parque e xardíns.

De acordo co censo do European Bird Census Council [5] a súa poboación en Europa é de entre 250.000 e 360.000 parellas reprodutoras e mantense estable.

Costumes e alimentación editar

Son aves sociais que crían en colonias, en xeral pequenas, formadas por entre dúas e oito parellas. Os niños están habitualmente situados en árbores separadas, e están feitos de cotelos e pauciños suxeitos con lama, e cunha molida interna de musgo. Non están fechados por riba coma os niños de pega común. Poñen entre 6 e 8 ovos castaños amarelados con pencas que chocan uns 15 días. A procura de alimento fana tamén en pequenos bandos de ata 30 individuos. O seu alimento básico son landras e sementes de pinos, dieta que complementan con insectos grandes e outros invertebrados, froita e calaza.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "Cyanopica cyanus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Cooper, J.H. e Voous, K.H (1999) Birds bones and biogeography: Iberian azure-winged magpies come in from the cold Brittish Birds, 12:659-665
  3. Cooper, J. H. (2000). First fossil record of Azure-winged Magpie Cyanopica cyanus in Europe. Ibis, 142(1): 150-151.
  4. Koon Wah Fok, Christopher M Wade e David T Parkin Inferring the phylogeny of disjunct populations of the azure-winged magpie Cyanopica cyanus from mitochondrial control region sequences. Proceedings of the Royal Society Biological Sciences Series B, 2002, 269 (1501): 1671-1679.
  5. "European Bird Census Council" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de setembro de 2007. Consultado o 22 de novembro de 2007. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar