Peaxe

pagamento para circular por un camiño

A peaxe ou portaxe é o pagamento que se efectúa como dereito para poder circular por un camiño. Na antigüidade, a suma que debía pagarse para cruzar certo límite (porta) entre dúas zonas territoriais chamábase portádego.

Autoestrada AP-9 cara a Vigo.
Sinal de Peaxe.
Sinal de Peaxe.
Peaxe na autoestrada AP-7 situado ás aforas de Barcelona, España.
Caseta de cobro San Marcos, na autoestrada México-Puebla.
Portal cos sensores de telepeaxe e cámaras de vídeo para rexistralos infractores na autoestrada "Costanera Norte", Santiago de Chile.
Caseta de cobro Chalco, na autoestrada México-Chalco.
Portaxe en Hong Kong

En termos máis xerais asóciase o concepto de peaxe á taxa ou tarifa que se cobra a un medio de transporte terrestre, fluvial ou marítimo como dereito de tránsito para utiliza-la infraestrutura da respectiva vía de comunicación; por exemplo ós automóbiles para poder circular por unha autoestrada, ou ós barcos para poder atravesar por unha canle de navegación ou unha hidrovía. Na maioría dos casos a vía ou ruta marítima suxeita a peaxe permite ós usuarios aforrar tempo de viaxe e reduci-los seus custos de operación, con respecto ó tránsito por vías ou rutas alternas libres de peaxe.

Descrición de peaxes viais editar

Os diñeiros recadados a través dunha peaxe usualmente se destinan para financia-la construción, operación e mantemento de infraestrutura vial (estradas, túneles ou pontes). Polos seus altos custos de investimento, o usual é que a peaxe cobrada non pague os custos totais de construción, e cando se administra directamente polo Estado, en xeral, os fondos recadados utilízanse principalmente para operación e mantemento da infraestrutura suxeita a peaxe. No caso de estradas suxeitas a concesión ou tercerizadas, a peaxe permite ó operador privado recupera-los investimentos realizados e os custos futuros de administración, operación e mantemento.

Os esquemas de cobro de peaxes permiten ó Estado, sexa directamente ou a través dun concesionario, realizar un cobro directo ós usuarios que utilizan a estrada, ponte ou túnel, evitando así que os demais contribuíntes subsidien dita infraestrutura viaria ós usuarios. Por outra banda, e por mor dos problemas crónicos de conxestión viaria que se viñeron presentando nos grandes centros urbanos, dende 1975 en Singapur, e con maior intensidade a partir do ano 2003, introducíronse as peaxes urbanas baixo o concepto económico de tarifas de conxestión, co propósito de diminuí-lo número entrante de vehículos nas áreas urbanas centrais. Nestes casos, a peaxe cobrada cobre os custos de operación do sistema de control, e os recursos restantes destínanse ó transporte público ou para financiar infraestruturas viarias urbanas.

Normalmente as tarifas de peaxe páganse en estacións de peaxe emprazadas na vía, ponte ou túnel pola que se está a viaxar, xa sexa sobre a vía principal ou as vía laterais (ó saír da autoestrada). O principal problema directo asociado co cobro de peaxes é a conxestión que se produce nas estacións de peaxe durante as horas de maior afluencia ou durante a ida e regreso dos viaxeiros durante as fins de semana e festivos. Cando os volumes de tránsito son moi altos, as colas poden acadar quilómetros e a producirse enormes demoras.

Tipos de peaxe viaria editar

Hai varios tipos de peaxe:

  • Peaxe aberta: Cada certa distancia hai unha caseta de peaxe, onde se aboa unha cantidade.
  • Peaxe pechada: Ó entrar na estrada de peaxe, rexístrase a entrada e abóase á saída, segundo a lonxitude percorrida, sen máis paradas intermedias (con peaxe manual recóllese unha tarxeta á entrada e cando se usa a telepeaxe non se recolle tarxeta, pois o aparato encárgase de rexistra-la entrada).
  • Peaxe anual: Nalgúns países, como en Suíza, os usuarios pagan anualmente unha cantidade, que se acredita mediante un adhesivo no parabrisas, que lles permite circular por tódalas autoestradas libremente. Aqueles que soamente a utilizan ocasionalmente (turistas), teñen que paga-la mesma cantidade.
  • Peaxe urbana de conxestión: Taxa, cargo ou imposto que se cobra nalgunhas cidades baixo a política de tarifas de conxestión, como os implantados en Singapur, Londres, Estocolmo e Milán, co propósito de diminuí-la cantidade de vehículos que acceden a unha determinada zona do centro para reduci-la conxestión de tránsito, e os programa máis recentes, tamén teñen o obxectivo de diminuí-las emisións de gases de efecto invernadoiro. Aínda que non se trata dunha peaxe no sentido tradicional, os medios de comunicación con frecuencia chámana "Peaxe urbana".

Ademais hai outro medio curioso de financia-las estradas:

  • Peaxe sombra: Constrúe e financia a autoestrada unha empresa comercial e a Administración paga a peaxe dos vehículos que circulan por ela, de modo que se financia cos impostos, pero evítase o endebedamento da administración a curto prazo, aínda que a experiencia indica que a longo prazo pode supor un creba económica[1].

Cobro electrónico de peaxes editar

Artigo principal: Cobro electrónico de peaxes.

Co propósito de diminuí-lo conxestionamento provocado polo cobro manual das peaxes, nos anos oitenta desenvolveuse tecnoloxía para realiza-lo cobro de forma automática, sistema chamado telepeaxe ou cobro electrónico de peaxes (ETC pola súa siglas en inglés). Esta tecnoloxía permite ós usuarios pasar polas estacións sen parar ou reducindo un pouco a velocidade. Tamén existe a tecnoloxía que permite eliminar totalmente as estacións, permitindo ós usuarios transitar pagando unha tarifa por quilómetro, mediante un sistema de pórticos e dispositivos instalados nos vehículos, o que obriga a que todo vehículo que queira circular pola autoestrada dispoña de aparato denominado "transponder" (abreviatura do inglés "Transmitter/Responder").

Noruega foi o pioneiro a nivel mundial no uso xeneralizado da telepeaxe. O primeiro uso con éxito foi na cidade de Bergen, en 1986, cando entrou en funcionamento como complemento ó cobro tradicional con casetas de cobro de peaxe. Os EUA é outro país que conta cun uso amplo de telepeaxes, pero só como complemento ó cobro manual en casetas de peaxe. Este mesmo sistema segue a AP-9 galega.

Os sistemas 100 % electrónicos, sen estacións de peaxe, usáronse unicamente en Toronto, Canadá dende 1997,[2] en varias estradas en Noruega,[3] en Melbourne, Australia dende 2000,[4] en Tel Aviv, Israel tamén en 2000, e en Santiago de Chile dende 2004 e 2005. Destaca o feito de que o sistema chileno é o primeiro no mundo que percorre o centro comercial da cidade, nun tramo dunha autoestrada urbana concesionada e opera cos vehículos transitando a velocidade normal, (Autoestrada Central e a Autoestrada Costanera Norte en Santiago de Chile).[5]

Este aplicación tecnolóxica permitiu a introdución de políticas para regular a conxestión baseadas no cobro de peaxes urbanas. A aplicación de tarifas de conxestión, xa foi empregada con éxito en Singapur en 1998, como melloramento do sistema manual implantado en 1975; Londres, a partir de 2003, e ampliado en 2007; e Estocolmo, en 2006 como proba, e a partir de 2007 de forma permanente.

Nas autoestradas de peaxe de Europa existen distintos sistemas de telepeaxe, segundo os distintos países, aínda que a Comisión Europea está tentando unifica-las técnicas para conseguir que cun só sistema se poidan percorrer tódalas autoestradas da Comunidade.

Iberoamérica editar

Na Arxentina, as peaxes fixéronse comúns na década do 90, dentro do programa de privatización de empresas públicas, concesións e reforma do Estado que levou a cabo o goberno do presidente Carlos Menem. De maneira similar, no resto de América Latina implantáronse programas de concesións, sendo os máis amplos en Chile, Brasil (principalmente o Estado de São Paulo) e México. Nestes catro países o uso de cobro electrónico de peaxes por parte dos concesionarios foi amplo e tivo grande éxito.

Galería de imaxes editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar