Pazo de Fontán

construción civil en Mañufe (Gondomar)

O Pazo e Pousa de Fontán é unha casa señorial (hoxe en ruínas) situada no lugar e camiño do mesmo nome, na parroquia de Mañufe, no concello de Gondomar. Levantada entre os séculos XV ou XVI, as súas terras eran confinantes ao sur co río Miñor e atravesadas de leste a oeste pola Levada do Bravo[1]. A casa de dúas plantas, está en estado ruinoso e moi alterada polas sucesivas modificacións xa que foi habitada até finais da década de 1960. Tiña capela baixo advocación de Santa Bárbara[2], tamén en ruínas.

Pazo de Fontán
ConcelloGondomar
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°06′48″N 8°46′10″O / 42.113388888889, -8.7694166666667Coordenadas: 42°06′48″N 8°46′10″O / 42.113388888889, -8.7694166666667
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

Arquitectura editar

 
Ruínas dos muros de contención e postes das antigas viñas da Pousa de Fontán.
 
O antigo Camiño da Nosa Señora do Norte pasaba polo portalón do Pazo de Fontán. Neste tramo, a histórica calzada tomou o nome do lugar, Camiño de Fontán.

O arquitecto e investigador local Antonio Soliño Troncoso fai a seguinte descrición da casa: “Ten planta en forma de L con acceso ao primeiro andar a través de escaleiras pétreas situadas no ángulo interior e mediante un patín-corredor emprazado na fachada nacente. Tamén mantén en pé, se ben a duras penas, os muros da antiga capela á que se accedía directamente dende o interior do predio e, pola porta principal, dende o camiño de orixe medieval á que dá fronte”[1] .

Contaba cunha explotación de viñas da que inda poden verse socalcos, postes e muros de contención nos terreos da antiga pousa.

Capela de Santa Bárbara. editar

O pazo contaba cunha capela baixo advocación de Santa Bárbara para os oficios relixiosos dos propietarios da casa, aos que tamén concorrían os veciños de Fontán[3]. Na primeira metade do século XX, cando foi visitada polo investigador, José Espinoza Rodríguez, xa estaba convertida nun almacén de apeiros de labranza, pero conservaba un altar cun retablo en forma de tríptico coas imaxes de san Xosé, a virxe María e mais san Xoán Evanxelista.[3]

Na actualidade o pequeno templo está en ruínas inda que o seu microtopónimo foi rescatado e xeolocalizado polo historiador Anxo Rodríguez Lemos durante a recollida de nomes de lugares realizada na parroquia de Mañufe polo Instituto de Estudos Miñoranos e o Concello de Gondomar.[2]

Brasóns editar

No portalón e na porta de entrada á casa tivo escudo de armas partido dos liñaxes Castro e Acuña, actualmente recolocado noutra vivenda da vila de Gondomar. Distintos autores falan doutro brasón con helmo e cuarteis na fronte da casa. Segundo Espinosa Rodríguez, constituído cos escudos de armas dos Mariño, Airines e Sotomayor[3]. Un traballo máis recente, sinala que ademais destas familias, no devandito escudo estaban tamén presentes as liñaxes dos Miño, Padrón e Barbeito[4].

Propietarios e liñaxes editar

Morgado editar

Os primeiros datos documentais do pazo provén dunha escritura onde se funda morgado, con cabeza nesta casa de Fontán. O escrito con data 8 de decembro de 1571, está asinado polo matrimonio constituído polo entón escribán de Baiona, Gregorio Calzado e a súa dona Inés Fernández de Castro.[4][1] [3] O morgado abrangue outras propiedades no lugar da Baixa Redonda, Outeiro da Raposa, Forca do Lobo e outras propiedades herdadas por Inés Fernández de Castro do seu avó materno, Álvaro García. Este último foi meiriño do Val Miñor e exerceu a profesión de escribán en Baiona até os primeiros anos do século XVI.[4][3][1]

Unha particularidade deste morgado foi o establecemento dunha condición onde se deu prioridade ás mulleres sobre os homes á hora de herdar a liña ou vínculo sucesorio.[4][3][1]

Século XVI editar

O pazo é propiedade do matrimonio formado por Gregorio Calzado e a súa muller Inés Fernández de Castro ao momento de fundar morgado, primeiro documento histórico da casa atopado até o momento.

1578 - Fúndase o morgado con cabeza no Pazo de Fontán.

Século XVII editar

1603 - María Alonso de Castro, sobriña de Inés, herda o morgado (o matrimonio de Gregorio e Inés non tivo fillos). Ao momento de herdar, María Alonso xa estaba casada (1582) con San Juan Airines Troncoso, fillo de Pedro Airines Troncoso e a súa muller Mayor Fernández de Acuña, señores de Torres Brancas de Camos..[4][3][1]

1641 - María de Castro e Acuña, filla máis vella de María e San Juan, herda o morgado. Nesas datas estaba casada con Esteban de Barbeito e Padrón, da casa de Soutoxuste (Redondela). O matrimonio non terá descendencia feminina, polo que o morgado pasará ao primoxénito.[4][3]

1650 - Juan de Barbeito e Padrón herda o morgado e casa con María de Velasco e Sotomayor.[3]

1674 - Anta Tomasa de Acuña, filla de Juan e María herda o morgado. Contrae matrimonio con Baltasar de Araujo e Sotomayor, Señor da vila de Parderrubias.[3]

Século XVIII editar

1728 - María Antonia de Castro e Acuña, filla de Tomasa e Juan herda o morgado. Casou con Juan Florencio Romay con quen non tivo descendencia.[3]

1773- María Teresa de Araujo e Mariño de Lobera, sobriña de Tomasa herda o morgado. A nova propietaria casará con José Mariano Gayoso Veloso, da casa de Aldao.[3]

Século XIX editar

- María Joaquina Gayoso Araujo e Mariño de Lobera, primoxénita do matrimonio de María Teresa e José, herda o morgado. Casou co coronel de milicias Pedro Manuel Miranda e Trelles, marqués de Santa María del Villar e conde de San Román.[4][3][1]

- María Gertrudis, filla de María Joaquina e Pedro Manuel herda o morgado. Casou co marqués de Santa Cruz de Marcenado. María Gertrudis morre sen descendencia.[3]

1840 - María Joaquina Miranda, sobriña de María Gerturidis herda o morgado. É filla do irmán de María Gertrudis, Joaquín quen ostenta os títulos de marqués de Santa María del Villar e conde de San Román. María Joaquina Miranda herdará os títulos de condesa de San Román e marquesa da Atalaia de Tui. Da súa presenza no pazo quedou o microtopónimo O Lugar da Marquesa, na fronte norte da casa[2]. Casou con Francisco Xavier Losada Pardo e Figueroa, conde de Maceda. Deste matrimonio naceu Francisca Xaviera Losada e Miranda, marquesa da Atalaia de Tui que finou solteira.[4][3][1]

-Joaquina Losada y Torres, sobriña de María Joaquina herda a propiedade do Pazo de Fontán, e o título de marquesa da Atalaia de Tui. Joaquina é filla do novo conde de Maceira, Baltasar Losada e Miranda. A nova herdeira casou con José Quiroga e Losada, fillo de María Losada Miranda, marquesa de Santa María del Villar. Joaquina será a derradeira propietaria por liña familiar do Pazo de Fontán[3]

Século XX editar

Nas primeiras décadas do século XX o pazo será vendido polos últimos herdeiros, ao médico radicado na Texosa, Andrés Gestal.[4][3][1]  O médico será propietario do pazo até o seu asasinato o día 3 de setembro de 1927[5]. Dende esa data mantense entre os seus herdeiros.

Século XXI editar

A principios do s.XXI, as terras do Pazo de Fontán, coñecidas como a Pousa de Fontán foron obxecto dun proxecto de construción de 66 chalés. A derrogación do Plan Xeral de Ordenación Territorial de Gondomar e unha demanda por prevaricación ás autoridades municipais de entón deixou de momento paralizada a obra.[6]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Varios autores (2011). Gondomar. Guía comercial e Turística. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Toponimia de Mañufe". Concello de Gondomar. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 Espinosa Rodríguez, José. (1951). Casas y cosas del Valle Miñor. [s.n.] OCLC 432013119. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Pérez Pérez, Carmen (2012). Un percorrido pola historia do Val Miñor. Deputación de Pontevedra. p. 43. ISBN 978-84-8457-383-8. 
  5. "El espantoso crimen de Mañufe". Hemeroteca Dixital BNE. Consultado o 06/06/2020. 
  6. "Los dos ex ediles de Gondomar acusados de cohecho se enfrentan a 4 millones de multa". Faro de Vigo. 23 de outubro de 2007. Consultado o 06-05-2020. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar