Patricio Montojo y Pasarón, nado en Ferrol o 7 de setembro de 1839 e finado en Madrid o 30 de setembro de 1917, foi un almirante da Mariña española célebre pola súa participación na batalla de Cavite en 1898, decisiva na guerra hispano-estadounidense. Era fillo do astrónomo, matemático e mariño militar Saturnino Montojo.

Patricio Montojo y Pasarón
Patricio Montojo y Pasarón
Nome completoPatricio Montojo y Pasarón
Nacemento7 de setembro de 1839
Ferrol
Defunción30 de setembro de 1917
Madrid
RangoAlmirante
UnidadeFrota do Apostadeiro de Filipinas
Mandos43
Batallas/GuerrasBatalla de Cavite

Traxectoria editar

Montojo estudou na Escola Naval de Cádiz, na que obtivo o título de Gardamarina en 1855. Cara 1860 chegou a ser subtenente e loitou contra os Moros de Mindanao en Filipinas antes de regresar a España en 1864. Montojo combateu no combate de Abtao e na batalla de El Callao baixo as ordes do Almirante Casto Méndez Núñez contra o Perú. Foi ascendido ao rango de capitán de navío en 1873. Os seus novos deberes incluíron o comandar varios navíos de guerra na Estación naval da Habana, así como os do Río de la Plata.

Montojo regresou ás Filipinas de novo como Contraalmirante, servindo como Comandante Xeneral de tódalas estacións navais de Filipinas. Ao estalar a guerra hispano-estadounidense, Montojo estivo ao mando da escuadra española que foi destruída polo Escuadrón asiático dos Estados Unidos na batalla de Cavite, o 1 de maio de 1898. Montojo resultou ferido nesta batalla, na que un dos seus fillos tamén participou.

As forzas navais estadounidenses, baixo as ordes do comodoro George Dewey, venceron a Frota Española do Pacífico na baía de Manila, como xa anticipara Montojo que ocorrería, onde a maioría das naves españolas foron afundidas ou obrigadas a renderse. Montojo, para contrarrestar o pouco alcance dos canóns dos buques españois, ordenou sacar da auga algunhas naves e encher os seus canóns de metralla pesada para conseguir así multiplicar o efecto dos disparos. Contan as crónicas da época que ao ver Montojo a inminencia do fracaso na batalla, mandou queimar e afundir o resto das naves que aínda se encontraban a flote para impedir que fosen tomadas polos americanos.

En setembro de 1898, Montojo foi relevado dos seus deberes e ordenóuselle comparecer ante o Tribunal Militar supremo en Madrid o 1 de novembro de 1898. En marzo de 1899 foi xulgado e encarcerado, aínda que máis tarde, absolto. Entre os seus moitos defensores no consello de guerra encontrábase o que fora o seu inimigo, o almirante George Dewey. Non obstante, e a pesar da súa absolución, Montojo foi dado de baixa da Forza Naval Española inxustamente, xa que a perda da colonia de Filipinas era inminente polo estado obsoleto das naves españolas. Montojo fixo saber ao Goberno en varias ocasións o precario estado da súa frota, sen recibir resposta en ningunha das ocasións.

O Comandante americano George Dewey chegou a recoñecer a Montojo que, a pesar da antigüidade dos barcos españois, sabía defenderse moi ben cos poucos medios dos que dispoñía.

Gran parte da súa descendencia, en calquera das súas ramas, seguira a tradición familiar, chegando a haber entre ela grandes mariños e oficiais de terra relevantes en distintas épocas da historia de España. Na actualidade os descendentes do almirante George Dewey e os do almirante Montojo que seguen coa tradición militar das súas familias seguen mantendo o trato amigábel que estableceran os seus antepasados.

Marquesados editar

Á familia Montojo correspóndenlle na actualidade diferentes títulos nobiliarios entre os que se encontran os Marquesados da Ensenada, de Almenara, de Casa Montalvo e outros títulos como o condado de Areny ou a baronía de Claret.

Telegrama do Almirante Montojo editar

Texto do comunicado telegráfico que o almirante Montojo enviou ao ministro de Mariña, Bermejo, no que da conta da derrota naval de Filipinas:

Teño o sentimento de poñer no coñecemento de V. E. que a Escuadra de Filipinas foi destruída pola americana. A media noite do día de onte, conseguiu forzar o porto sostendo fogo coas baterías de entrada. Antes do amencer presentouse en liña a escuadra inimiga composta de oito buques. Ás sete e media incendiou proa «Reina Cristina», pouco despois a popa e roto o servomotor, transbordei con meu Estado Maior ao «Cuba». Ás oito, incendiado completamente «Cristina», igualmente «Castilla»; demais buques avariados, refuxiados enseada Bacoor, foi preciso ir botándoos a pique para evitar caeran en poder inimigo. A este pediulle comandante xeneral do Arsenal cesara bombardeo; puxo condición queimar os buques; consultoume e aceptei para evitar máis perdas de vidas e edificios. Calculase que as perdas ascenderán a unhas 400 baixas; mortos Capitán de Navío Cadarso, capelán Novo e outros. Foi un desastre que lamento profundamente. O presentía e anunciei sempre pola falta absoluta de forzas e recursos.
Manila, a primeiro de maio de 1898. Patricio Montojo y Pasarón

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar