Patoloxía

estudo das enfermidades e dos trastornos que orixinan

A patoloxía, do grego, πάθος, pathos, dano ou sufrimento; e λογία, loxía, estudo, é a parte da medicina que se ocupa do estudo das enfermidades no seu máis amplo sentido, é dicir, como procesos ou estados anormais do corpo ou do seu funcionamento, por causas coñecidas ou descoñecidas.

Pústula maligna ou nacida

Características editar

As enfermidades, entendidas como proceso patolóxico, poden manifestar signos ou síntomas apreciables directamente ou por medio de diversas técnicas diagnósticas. Confírmase a súa existencia mediante o exame das lesións ou por evidencia da causa (etioloxía), sexa un microorganismo, virus ou parasito, no caso das enfermidades infecciosas, ou a alteración dalgún dos compoñentes do organismo (como tal, a glicosa na diabetes, ou a hemoglobina na anemia).

Non debe confundirse coa nosoloxía, que é a descrición e sistematización das diferentes enfermidades.

Na antigüidade, polo descoñecemento da existencia dos microorganismos e dos fenómenos metabólicos como causa das enfermidades, estas atribuíanse a unha alteración do equilibrio entre os catro humores (patoloxía humoral).

Por extensión, o termo patoloxía utilízase tamén como sinónimo da propia enfermidade (O tabaco está na orixe de numerosas patoloxías).

Especialidades editar

Segundo o ámbito de estudo podemos falar de:

  • Patoloxía celular: a que estuda as alteracións dos elementos celulares para explicar os trastornos patolóxicos e, secundariamente, o seu tratamento.
  • Patoloxía clínica: a aplicada especialmente á busca de solucións dos problemas clínicos.
  • Patoloxía comparada: a que realiza un estudo comparativo das enfermidades nas diferentes especies, especialmente as zoonóticas (que se transmiten dos animais ó home).
  • Patoloxía experimental: a que estuda os cadros clínicos provocados intencionadamente, coa finalidade de coñecer as características das lesións, sintomatoloxía, evolución e tratamento.
  • Patoloxía xeográfica: estuda a relación do clima, orografía e outras condicións xeográficas coas distintas enfermidades.
 
Intervención cirúrxica nun fresco de Pompei

Co desenvolvemento da ciencia médica e dos modernos métodos diagnósticos fíxose necesario que os médicos se especializasen en áreas cada vez máis concretas. Esta división fíxose atendendo a criterios diferentes, como son as causas das enfermidades (infecciosas, parasitarias, metabólicas)ou os métodos terapéuticos (cirúrxicas):

Pero actualmente, resulta máis habitual unha clasificación das especialidades médicas agrupando as enfermidades segundo o sistema ou órgano afectado (patoloxía cardiovascular, dixestiva, da reprodución), que á súa vez poden subdividirse en áreas máis concretas (por exemplo, odontoloxía, hematoloxía). Outras especialidades baséanse na idade dos enfermos (patoloxía neonatal, xeriátrica).

Por outra banda, e aplicada ás enfermidade das plantas ou animais, estaría a patoloxía vexetal e a patoloxía animal, respectivamente.

Os patólogos apóianse en numerosas ciencias médicas para o coñecemento das enfermidades, o seu diagnóstico e o seu tratamento: microbioloxía, bioquímica, xenética, inmunoloxía ou, a anatomía patolóxica. Esta última busca establecer o diagnóstico da enfermidade mediante a observación das lesións histolóxicas, moitas veces patognomónicas, e os mecanismos básicos da enfermidade (patoxenia).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar