Paradoxo de Jevons

O paradoxo de Jevons, denominado así polo seu descubridor, William Stanley Jevons, afirma que á medida que o perfeccionamento tecnolóxico aumenta a eficiencia coa que se usa un recurso, o máis probábel é que aumente o consumo dese recurso, no canto de diminuír. Concretamente, o paradoxo de Jevons implica que a introdución de tecnoloxías con maior eficiencia enerxética poden, finalmente, aumentar o consumo total de enerxía.

Factorías funcionando con carbón no Mánchester do século XIX, Inglaterra. As melloras tecnolóxicas permitiron ó carbón avivar a Revolución Industrial, aumentando enormemente o seu consumo.

Na súa obra de 1865 titulada The Coal Question (a cuestión do carbón) Jevons observou que o consumo do carbón subiu en Inglaterra despois de que James Watt introducise a máquina de vapor alimentada con carbón, que melloraba en gran maneira a eficiencia do primeiro deseño de Thomas Newcomen. As innovacións de Watt converteron o carbón nun recurso con maior eficiencia en relación co custo, facendo que se incrementase o uso da súa máquina de vapor nunha ampla gama de industrias. Iso, á súa vez, fixo que aumentase o consumo total de carbón, aínda que a cantidade de carbón necesaria para cada aplicación concreta caese.

A observación de Jevons non é un paradoxo lóxico, mais segue a considerarse como un paradoxo pois oponse á intuición común de que a mellora da eficiencia implica unha redución no consumo dun recurso.