O panga (Pangasianodon (Pangasius) hypophthalmus (Sauvage, 1878) [1]) é un peixe de auga doce, pertencente á orde dos Siluriformes e familia dos Pangásidos (Pangasiidae, Bleeker 1858).

Panga

Trátase dunha especie de grande interese comercial desde que, a partir dos primeiros anos do século XXI, se converteu nun peixe de cultivo intensivo que se exporta desde Vietnam, principalmente, a numerosos países do mundo, onde se vende en filetes, conxelado ou desconxelado a prezos moi baratos, comparativamente cos doutros peixes.

Denominación editar

A falta de denominación común en galego (ou en calquera outra lingua da Unión Europea), o peixe designouse co nome de panga, a partir do seu nome científico [2]. Outras denominacións comerciais noutros países son as peixe gato, en Portugal [3], swai (do seu nome en tailandés), peixe gato sutchi ou peixe gato raiado. En América Latina coñécese comercialmente como Basa ou Baza, mesmo como basa superior, para diferencialo da basa común (Pangasius bocourti), de carne de calidade inferior que se presenta en filetes máis delgados.

Descrición editar

Alcanza en liberdade tamaños de 1 metro de lonxitude, con máximos descritos de 130 cm e pesos de 44 kg. A forma da aleta dorsal e a gran boca ovalada horizontal lembran á dun tiburón, aínda que non ten ningunha relación cos seláceos [4]. O corpo é alargado, deprimido lateralmente. A cabeza é ancha e a boca frontal, con dous pares de barbas (un par no labio inferior e outro par nos laterais da boca)

A cor é gris ou gris azulento máis ou menos escuro nos adultos, co lombo e cabeza máis escuros có resto. Presentan unha franxa escura na aleta anal e en cada lobo da caudal; os exemplares xuvenís presentan unha liña negra ó longo da liña lateral e outra paralela por baixo desta. A rexión ventral é abrancazada. Existen exemplares albinos e semialbinos.

As aletas son de cor gris escuro ou negro, sempre máis escuras có corpo. A aleta dorsal presenta 2 radios duros e 6-7 radios brandos ramificados. A aleta anal carece de radios duros e ten 29-32 radios brandos.

No se aprecian diferenzas morfolóxicas aparentes entre machos e femias, se ben os machos adoitan ser dunha cor máis escura cá da femia.

Hábitat editar

É de costumes omnívoras, predando crustáceos, peixes pequenos e restos vexetais.

O panga reprodúcese no curso alto dos ríos pero mediante a subministración de hormonas conseguiuse a reprodución nas piscifactorías situadas no curso baixo. Non se reproduce en catividade.

Distribución editar

 
Mapa dos movementos migratorios do panga: en laranxa, marzo-maio; en verde, maio-setembro; en vermello, outubro-febreiro.

Orixinalmente era unha especie propia dos grandes ríos de Indonesia, aínda que foi introducida noutros ríos da área para acuicultura. É unha especie migratoria, que ascende para desovar polo río Mekong desde áreas de cría hoxe descoñecidas, en maio-xullo, e buscan logo áreas de cría en setembro-decembro.

A totalidade do panga que chega ós mercados internacionais procede da acuicultura, amplamente desenvolvidas no curso baixo do Mekong. A produción era tan só de 22.000 toneladas en 1997 pero ascendía a 376.000 toneladas en 2007. O principal produtor mundial é Vietnam e outros países onde se cría son Tailandia, Camboxa, Laos, Myanmar, Bangladesh e a China.

A cría faise en balsas a alta densidade, practicamente apilados uns sobre outros, e alimentados a base de fariña de peixe e outros ingredientes. Estas condicións de cría, así como a contaminación ambiental de orixe industrial do río Mekong, son a razón das críticas que se fan contra o panga na Unión Europea. O Mekong está incluído entre os dez ríos máis contaminados do mundo, co Danubio, o Río de La Plata, o Río Grande ou o Nilo. A OMS considera que a concentración de arsénico supera os límites admisibles [1][Ligazón morta].

A cría intensiva, unida á adición ós pensos de altas doses hormonas e antibióticos, ten como consecuencia graves repercusións medioambientais. Indirectamente, a necesidade de materia prima para elaborar os pensos provoca a sobreexplotación doutras especies de peixes.

Consumo e polémica editar

En 2008, España importaba 46.236 toneladas (36.133 en 2007), que se incrementaron a 52.984 toneladas en 2010 [5], o que colocou o panga no terceiro lugar das importacións de peixe conxelado [6]. No conxunto da Unión Europea o incremento era similar, do 60% anual entre 2004 e 2007. Naquel mesmo ano de 2008, Alemaña importaba 41.959 toneladas, Polonia 37.055, Holanda 33.278, o Reino Unido 5.959 e Francia 4.806 toneladas [7].

 
Prato elaborado a base de panga.

O panga é un peixe de auga doce, considerado como peixe branco polo seu baixo contido en graxa. A carne é de cor branca e semella á do linguado, se ben máis consistente. Preséntase á venda fileteado, sen pel e sen espiña, o que facilita a preparación culinaria, en estado conxelado ou desconxelado. A forma de presentación, limpa de pel e espiñas, reduce a cero os desperdicios. Estas características, e sobre todo o baixo prezo, converteu o panga nun substitutivo barato doutras especies de peixe e explica a masiva presenza que tivo nos menús escolares -obrigados a incluír unha ración de peixe- e hospitalarios.

En contraposición, o seu valor nutritivo é escaso: achega poucas calorías (58 kcal/100 g), pouco omega 3 (76 mg/100g, fronte ós 2.282 do salmón de acuicultura, os 1.259 da robaliza de acuicultura ou os 190 da pescada) e poucas proteínas (9,9 mg/100 g, fronte ós 21,4 g da robaliza, 20 g do salmón ou os 18,7 da pescada).

Pero a verdadeira razón das críticas á importación do panga baseábase na posible presenza de contaminantes microbiolóxicos e farmacolóxicos, derivada das condicións de cría e manipulación. En 2008, o laboratorio vigués de Anfaco detectou a presenza de contaminación microbiolóxica nalgunhas mostras de panga no mercado [8], indicativa dunha manipulación pouco hixiénica nos establecementos de orixe. A Dirección Xeral de Saúde Pública realizou un estudo máis amplo, sobre tódalas marcas que comercializaban esta especie en Galicia, sen poder confirmar estes datos. En calquera caso, estas sospeitas sobre as condicións de produción e manipulación do panga en Vietnam chegaron á Comisión Europea, ante a que o eurodeputado galego Daniel Varela presentou en 2008 distintas iniciativas esixindo maior control sobre estas importacións. Nesas datas, o Sistema de Alerta Rápida [9] detectara a presenza de antibióticos en panga procedente de Vietnam en sete ocasións [10]. Xa en setembro de 2007, nos Estados Unidos prohibiuse a importación de panga desde a China -así como doutras especies procedentes de acuicultura- pola presenza de antibióticos. Prohibicións simlares foron establecidas por Rusia e Exipto,[11] así como o Xapón.[12] A China é o principal país produtor de especies de acuicultura, cun volume de 32.135 toneladas en 2006, sendo o segundo India, con só 2.837 toneladas [13].

 
Filete de pangásido.

A consecuencia destes achados, a Unión Europea incrementou os controis sobre o peixe de acuicultura procedente de Indonesia e sobre as propias instalacións de cría e fixo público que a inspección realizada en Indonesia puxo de manifesto deficiencias no sistema de control de residuos medicamentosos presentes en animais de acuicultura e produtos de piscifactoría, así como a falta de capacidade dos laboratorios de Vietnam para detectar residuos de antibióticos, polo que estableceu en abril de 2010 a obriga dos Estados Membros de realizar controis sobre tódolos produtos de piscifactoría procedentes de Indonesia e destinados ó consumo humano, mediante plans de mostraxe nos Puntos de Inspección Fronteiriza que abarcasen como mínimo o 20% das importacións, investigando a presenza de substancias farmacoloxicamente activas e, en especial, de cloranfenicol, metabolitos de nitrofuranos e tetraciclinas (canto menos, tetraciclina, oxitetraciclina e clorotetraciclina).

En 2010, a OCU realizou un estudo sobre os posibles contaminantes presentes no panga comercializado nos distintos supermercados españois, encontrando mercurio -sempre por debaixo dos límites legais- e praguicidas (trifluralina) en varias mostras, polo que conclúe aconsellando reducir o consumo a unha vez por semana nos adultos e unha vez cada dúas semanas nos cativos; non se detectou a presenza de antibióticos.

Outra crítica que se fixo á comercialización do panga foi a posible confusión ó consumidor, ó presentalo como linguado, co que realmente se asemella. Este fraude comparábase coa comercialización da perca do Nilo, outra especie de piscifactoría, como se fose cherna.

En 2012, a Axencia Española de Seguridade Alimentaria (AESAN) publicou que non se poden identificar problemas de seguridade alimentaria para os consumidores de panga -nin de perca-, incluídos os grupos vulnerables da poboación, como serían os meniños [14], xa que as cifras de mercurio detectadas nos estudos realizados non superaron en ningún caso o límite legal e que, tendo en conta a composición da dieta habitual, os niveis de trifluralina máis altos atopados nas analíticas do peixe non representarían nin o 1% da inxesta diaria admisible para esta substancia.

Acuarioloxía editar

O panga tamén se utiliza como especie de acuario, aínda que esixe vasos de 150–200 cm como mínimo e 2.000 litros de capacidade. Esixe temperaturas de 25-30 °C e un pH entre 6,5 e 7,5.

Notas editar

  1. Sinonimia: Pangasius sutchi Fowler 1937; Helicophagus hypophthalmus (nome co que foi descrito en 1878). Non se debe confundir co Pangasius pangasius ou Pangasius pleurotaenia, nomes válidos para outras especies distintas.
  2. A Resolución de 6 de abril de 2011, da Secretaría Xeral do Mar, pola que se establece e se publica a listaxe de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España (BOE nº 82, de 6.04.2011), establece para Galicia a denominación "peixe gato tailandés".
  3. O nome de peixe gato é común para os siluriformes polos tentáculos ou barbas que presentan a cada lado da mandíbula superior e, nalgunhas especies, tamén da mandíbula inferior, que semellan os bigotes dun gato. En Portugal recibiu o nome de peixe gato porque o de panga se viña aplicando a outra especie: Pterogymnus laniarius, especie propia do oceano Atlántico e do suroeste do Índico.
  4. Así, na literatura inglesa pode atoparse a denominación iridescent shark (tiburón iridescente).
  5. La Voz de Galicia 4.08.2009 e 2.04.2011.
  6. Os distintos tipos de pescada conxelada sumaban 223.240 kg, e os distintos tipos de lura conxelada, cerca de 57.000.
  7. La Voz de Galicia, 4.08.2009.
  8. Listeria en 6 das 8 mostras e Vibrio nunha mostra. En 2010, José Manuel Balseiro, do PP declaraba que "A nuestro mercado llegaron lotes de pez panga con listeria, salmonela, cólera" (El País, 6.02.2010).
  9. Mecanismo de control da Unión Europea que supervisa a sablubridade dos alimentos fabricados tanto na Unión Europea como nos importados de terceiros países. No ano 2006, segundo o informe anual RASFF correspondente a ese ano, o 45% das alertas debeuse a perigos detectados en produtos procedentes de países terceiros.
  10. La Voz de Galicia, 30.09.2008.
  11. La Voz de Galicia, 16.09.2009.
  12. El País, 6.02.2010.
  13. La Voz de Galicia, 3.10.2007 [datos tirados do Informe Anual de Pesca 2006, da FAO]).
  14. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de maio de 2012. Consultado o 17 de maio de 2012. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • OCU: "Filetes de panga y perca", en OCU-Compra Maestra 347, abril 2010 [2].
  • La Voz de Galicia, varias datas.
  • Decisión da Comisión 2010/220/UE, de 16 de abril de 2010, relativa ás medidas de urxencia aplicables a partidas de produtos de piscifactoría importados de Indonesia e destinados ó consumo humano (DOUE nº 97, de 17.04.2010) [3].

Ligazóns externas editar