O panettone (en milanés panetùn ou panetton), tamén chamado panetón ou pan doce, é un bolo feito cunha masa do tipo brioche, pasas e froitas confeitadas ou cristalizadas. Ten forma de cúpula (coma unha madalena xigante) e a masa elabórase con fariña, lévedo, ovos, manteiga e azucre. É unha sobremesa tradicional de Nadal en Milán (Italia).

Panettone.

Dada a súa popularidade internacional, véñense realizando esforzos para obter unha Indicación Xeográfica e unha Denominación de Orixe Controlada para este produto. Estas iniciativas cobraron maior importancia nos últimos anos dada a crecente competencia en diversas partes do mundo, onde o panettone está moi presente nas festas de Nadal e de Aninovo.

Características editar

Coa súa típica forma de cúpula e unha altura duns 12 a 15 cm, sérvese en rebandas verticais e pode ser acompañado de chocolate quente ou de viños doces coma o asti spumante ou o viño moscatel, e incluso con viños con máis corpo.

O panettone consómese de diferentes xeitos, xa sexan rebandas finas ou grosas, polo almorzo ou de sobremesa dos xantares. Nalgúns países sérvese torrado, e úntase con mollos e marmeladas ou, recóbrese ou énchese con cremas.

Historia editar

Os antigos romanos foron os primeiros a adozar un pan con lévedo con mel. Testemúñase a súa presenza nunha pintura do século XVI de Brueghel o Vello e nun libro de receitas de Bartolomeo Scappi, cociñeiro persoal de papas e emperadores nos tempos de Carlos V.

Hai moitas lendas sobre a orixe do panettone. Segundo a primeira destas, a historia desta sobremesa naceu hai máis de cinco séculos, arredor de 1490, cando un mozo aristócrata, Ughetto Atellani de Futi, namorouse da filla dun pasteleiro de Milán. Para lle demostrar o seu amor fíxose pasar por aprendiz de pasteleiro e inventou un pan azucrado con forma de cúpula a base de froitas confeitadas e aroma de limón e laranxa. Os milaneses comezaron a acudir en masa á pastelaría a pedir o «pan de Toni», pois así se chamaba o axudante, e de aí vén o nome de panettone.

Segundo outra lenda, probabelmente máis coñecida, o panettone naceu na corte de Ludovico O Mouro, señor de Milán dende 1494 a 1500, na Noiteboa. Disque o Duque celebrou o Nadal cunha gran cea, chea de deliciosos pratos dignos da riqueza da corte milanesa. A sobremesa ía ser a natural conclusión de tan luxoso banquete, no entanto, no intre de tiralo do forno, o cociñeiro decatouse de que se queimara. Houbo un momento de terror na cociña de Ludovico, mais afortunadamente un fregador, chamado Toni, pensara utilizar o reboutallo dos ingredientes para amasar un pan doce e levalo á súa casa. Dada a situación, o mozo Antonio propuxo ao cociñeiro servir o seu pan como sobremesa. Era un pan doce moi ben subido, cheo de froita confeitada e manteiga que foi levado inmediatamente ao Duque. A infrecuente sobremesa tivo un enorme éxito e Ludovico preguntou ao cociñeiro quen o preparara e cal era o seu nome. O cociñeiro presentoulle ao Duque o mozo Antonio, quen confesou que a sobremesa aínda non tiña nome. O señor decidiu logo chamalo «Pane di Toni», que cos séculos se convertería en panettone.[1]

O primeiro rexistro do panettone como doce de Nadal tradicional milanés é un artigo do escritor iluminista Pietro Verri no século XVIII, que o chama pane di tono (‘pan grande’).

A súa industrialización fixo que o seu consumo se fixera tradicional en Italia, e despois a nivel mundial, durante o Nadal. No ano 1919 i empresario milanés Angelo Motta e despois en 1933 Gino Alemagna, lanzaron en toda Italia e o mundo o panettone, doce típico do Nadal.

Daquel primeiro pan derivaron numerosas variacións e pódese atopar con uvas, pasas, piñóns, améndoas, chocolate e froitas confeitadas. En Milán terminou por se converter nunha sobremesa tradicional de Nadal, especialmente desde que os empresarios empezaron a agasallalo aos seus clientes coma presente.

Notas editar

  1. "Historia del Panettone: cómo nació el Panetón, el más célebre postre navideño." Arquivado 20 de decembro de 2013 en Wayback Machine.. QuieroItalia.com. Recuperado o 20 de decembro de 2013.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

Receita de panettone (en castelán) Receita de panettone (en castelán)