O péptido YY ou PYY é unha pequena proteína de 36 aminoácidos con función hormonal liberada polas células do íleo e colon en resposta á alimentación. Nos humanos a forma YY3-36 parece reducir o apetito.

Péptido YY (imaxe de PDB 1qbf).

Outros nomes cos que se coñece o péptido YY son: péptido tirosina tirosina, ou péptido pancreático YY3-36.[1]

Estrutura editar

O péptido YY está relacionado coa familia de péptidos pancreáticos por ter 18 dos seus 36 aminoácidos situados na mesma posición ca nos péptidos pancreáticos.[2] Existen dúas formas principais do péptido YY: PYY1-36 e PYY3-36 que teñen un pregamento estrutural PP. Porén, a forma máis común de inmunorreactividade de PYY circulante é o PYY3-36, que se une ao receptor Y2 (Y2R) da familia de receptores Y.[3] O péptido YY3-36 (PYY) é un polipéptido liñal que consta de 36 aminoácidos cunha homoloxía estrutural co neuropéptido Y e co polipéptido pancreático.

Liberación editar

O PYY encóntrase nas células L da mucosa do tracto dixestivo, especialmente no íleo e colon. Tamén se encontra unha pequena cantidade de PYY, arredor de 1-10%, no esófago, estómago, duodeno e xexuno.[4] As concentracións de PYY en circulación aumentan no período posprandial (despois de comer) e diminúen co xaxún.[3] Ademais, o PYY prodúceno tamén unha pequena poboación de neuronas no tronco encefálico, especificamente situadas no núcleo xigantocelular reticular do bulbo raquídeo.[5] C. R. Gustavsen et al. encontraron células produtoras de PYY nos illotes de Langerhans en ratas.[6]

Funcións editar

O PYY exerce a súa función a través do receptor do neuropéptido Y, inhibe a motilidade gástrica e incrementa a absorción de auga e electrólitos no colon.[7] O PYY tamén podería suprimir a secreción pancreática. É secretado polas células neuroendócrinas no íleo e colon en resposta a unha comida, e reduce o apetito. O PYY traballa freando o baleiramento gástrico, e incrementa a eficiencia da dixestión e a absorción de nutrientes despois dunha comida. Algunhas investigacións sinalaron que o PYY podería ser útil na eliminación do aluminio acumulado no cerebro.

Estudos en animais editar

Varios estudos mostraron que a administración periférica aguda de PYY3-36 inhibe a alimentación de roedores e primates. Fixéronse estudos con ratos knockout-Y2R, e os resultados indicaron que non hai efectos anorexíxenos (redutores do apetito) en ratos knockout-Y2R. Estes descubrimentos indican que o PYY3-36 ten efectos anorexíxenos, mediados polo Y2R. Realizáronse algúns estudos para investigar o efecto do PYY en ratos. Ratos knockout-PYY femias incrementaron o seu peso corporal e masa graxa. Os ratos knockout-PYY, son resistentes á obesidade pero teñen maior masa graxa e unha menor tolerancia á glicosa cando son alimentados con dietas altas en graxa, comparado cos ratos de control. Polo tanto, o PYY tamén xoga un papel moi importante na homeostase da enerxía ao equilibrar a inxestión de comida.[3]

Relación coa obesidade editar

A leptina é outra hormona que tamén reduce o apetito en resposta á alimentación, pero as persoas obesas desenvolven unha resistencia á leptina. Tamén se sabe que as persoas obesas secretan menos PYY cós non obesos.[8] Intentouse usar o PYY directamente como medicamento para a perda de peso e tivo certo éxito. Os investigadores notaron que a inxesta calórica durante unha comida tomada dúas horas despois da infusión de PYY viuse reducida nun 30% en suxeitos obesos (P<0,001) e nun 31% en suxeitos delgados (P<0,001).[9]

Mentres que algúns estudos mostran que a xente obesa ten menores niveis de PYY circulante despois das comidas, outros estudos informaron que os individuos obesos teñen unha sensibilidade normal aos efectos redutores do apetito do PYY3-36. Ademais, entre a xente obesa e non obesa non hai diferenzas nas concentracións de PYY. Xa que logo, a redución na secreción de PYY non podería ser unha das causas da obesidade. Aínda así, os efectos anorexíxenos do PYY poderían ser parte dun tratamento farmacolóxico contra a obesidade no futuro.[3]

Unha investigación feita en 2006 mostrou que o consumo de proteínas incrementa os niveis de PYY, e observou algúns beneficios na redución do apetito e perda de peso nos suxeitos experimentais.[10] Isto podería explicar a perda de peso experimentada nas dietas altas en proteínas.

Parece ser que o estradiol podería interaccionar co PYY. As isoflavonas de soia teñen semellanzas estruturais e funcionais co estradiol. Os datos dispoñibles indican que o estradiol e os compoñentes parecidos ao estradiol poderían interactuar coas "hormonas da saciedade" do intestino tales como o péptido YY (PYY) e a ghrelina, e así influír no peso corporal.[11]

Notas editar

  1. "Entrez Gene: PYY peptide YY". 
  2. DeGroot, Leslie Jacob (1989). J. E. McGuigan, ed. Endocrinology. Philadelphia: Saunders. p. 2754. ISBN 0-7216-2888-5. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Murphy, Kevin G. & Bloom, Stephen R. (decembro de 2006). "Gut hormones and the regulation of energy homeostasis". Nature (en inglés) 444 (7121): 854–859. ISSN 0028-0836. doi:10.1038/nature05484. 
  4. Taylor IL (marzo de 1985). "Distribution and release of peptide YY in dog measured by specific radioimmunoassay". Gastroenterology 88 (3): 731–7. PMID 3838162. 
  5. Glavas MM, Grayson BE, Allen SE, Copp DR, Smith MS, Cowley MA, Grove KL (2008). "Characterization of brainstem peptide YY (PYY) neurons.". J Comp Neurol 506 (2): 194–210. PMID 18022952. doi:10.1002/cne.21543. 
  6. Gustavsen, Carsten R.; Pillay, Neville; Heller, R. Scott (2008-07). "An immunohistochemical study of the endocrine pancreas of the African ice rat, Otomys sloggetti robertsi". Acta Histochemica (en inglés) 110 (4): 294–301. doi:10.1016/j.acthis.2007.11.003. 
  7. Liu C, Aloia T, Adrian T, Newton T, Bilchik A, Zinner M, Ashley S, McFadden D (1996). "Peptide YY: a potential proabsorptive hormone for the treatment of malabsorptive disorders.". Am Surg 62 (3): 232–6. PMID 8607584. 
  8. "Peptide YY Secretion in Morbidly Obese Patients Before and After Vertical Banded Gastroplasty". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 06 de maio de 2012. 
  9. Batterham RL, Cohen MA, Ellis SM, Le Roux CW, Withers DJ, Frost GS, Ghatei MA, Bloom SR (2003). "Inhibition of food intake in obese subjects by peptide YY3-36". The New England journal of medicine 349 (10): 941–8. PMID 12954742. doi:10.1056/NEJMoa030204. 
  10. Batterham RL, Heffron H, Kapoor S, Chivers J, Chandarana K, Herzog H, Le Roux CW, Thomas EL, Bell JD, Withers DJ (2006). "Critical role for peptide YY in protein-mediated satiation and body-weight regulation.". Cell Metabolism 4 (3): 223–233. PMID 16950139. doi:10.1016/j.cmet.2006.08.001. 
  11. Weickert MO, Reimann M, Otto B, Hall WL, Vafeiadou K, Hallund J, Ferrari M, Talbot D, Branca F, Bügel S, Williams CM, Zunft HJ, Koebnick C (2006). "Soy isoflavones increase preprandial peptide YY (PYY), but have no effect on ghrelin and body weight in healthy postmenopausal women". J Negat Results Biomed 5: 11. PMC 1562443. PMID 16907966. doi:10.1186/1477-5751-5-11. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar