Os pés do hórreo son un dos elementos sustentadores máis comúns deste tipo de celeiro, que erguen a cámara do chan para a illar da humidade e da bicharía e roedores. Son compoñentes construtivos que transmiten as cargas verticais ao chan. Cada pé está formado xeralmente por dous elementos: o esteo (un pequeno piar) e o tornarratos. Este último (tamén coñecido como capa, capela, rateira, rateiro, tolda, posta, moa ou mó[1]) é unha pedra grande e plana, de formas diversas, que se coloca sobre o esteo para evitar que os ratos e outros animais poidan entrar nel[2]. En asturiano e castelán o tornarratos recibe o nome de muela e o esteo recibe o nome de pegollo. En inglés staddle stone é o conxunto das dúas pezas.

Tornarratos nun hórreo galego.

As construcións ergueitas sobre pés aparecen arredor do mundo: celeiros, palleiros, incluso en vivendas (palafitos). En Galiza, aínda que existen outras construcións elevadas do chan, como os palleiros, o que se coñece como pés (con esteos e tornarratos) só se usa como sustentación dos hórreos, para soerguelos do chan e protexer da humidade o gran almacenado neles. Estes mesmos pés aparecen nos outros hórreos ibéricos e nos celeiros ingleses. O termo inglés staddle ou stadle vén do inglés antigo stathel, stathol, que podería estar relacionado co galego esteo ("alicerce, soporte, tranco dunha árbore").

Orixes editar

 
Un celeiro inglés sobre pés no museo da vida rural de Somerset (Somerset Rural Life Museum).

O mesmo nome de esteo e a evidencia da sobrevivencia de edificios vernáculos con pés de madeira suxestionan que os primeiros esteos e tornarratos estaban feitos de madeira, como segue a ocorre cos cabazos galegos primitivos, con algúns hórreos de tipo asturiano atopados na provincia de Lugo (e en Asturias) ou nalgúns hórreos ingleses como o de Surrey.[3] Os esteos son medios duradeiros e fiábeis para soportar estruturas, ás veces cun peso considerábel. Adoitan soster celeiros, palleiros e máis raramente vivendas. Noutras zonas de Europa existen celeiros aéreos sobre pés que son morfoloxicamente afíns ao hórreo, en todo ou en parte, tales como o stabur noruegués, o hebre sueco, o sol'ek polaco, o kukuruzniak serbio, por mencionar só algúns dos que se dan en Europa.[4] Noutras zonas do globo existen incluso edificios elevados (África, Sueste Asiático,...); porén non atopamos pés de pedra, nin os elementos que nós coñecemos coma tornarratos, coa excepción das Illas Británicas onde os hórreos son moi semellantes, especialmente nas zonas do sur de Inglaterra (The Cotswolds, The West Country, Illa de Wight). En Escocia (no Museum of Scottish Country Life en Wester Kittochside preto de East Kilbride) atopamos dúas estruturas ( 'Stathels') feitas en ferro co mesmo propósito de elevar construción e apartalas da humidade do chan.

Deseño editar

Os pés dos hórreos teñen a miúdo dúas partes: o esteo e o tornarratos, que xuntos dan a aparencia de cogomelo, por isto os ingleses chámanlle tamén mushroom stones (pedras fungo). As diferentes zonas de espallamento do hórreo e dos celeiros elevados (Galiza, Norte de Portugal, Asturias, León, Inglaterra etc) fan que existan diferentes deseños, que van dos máis primitivos aos máis formais. O esteo varía dende formas cilíndricas, rectangulares (os máis formais), a case triangulares (moitos en Inglaterra ou os de madeira do tipo asturiano). O máis común é o uso do granito, mais tamén atopamos pés feitos en cachotaría de xisto. Mentres o esteo pode ser de madeira, o tornarratos é sempre de pedra (xisto, lousa ou granito) e tamén pode consistir nunha simple laxe horizontal, até artísticos traballos de cantaría nos hórreo máis evoluídos, semellantes as moas do muíño (de aí o nome de moa ou ). A parte superior do tornarratos acostuma ser plana porque nela apoian as trabes.

Estas estruturas seguen a ser moi comúns en Galiza e Asturias, porén case desapareceron en zonas coma o País Vasco ou Inglaterra. No sur de Inglaterra foron estruturas moi comúns no século XVIII; os materiais usados dependían da dispoñibilidade local, coma ocorre nos hórreos galegos. Algúns destes celeiros ingleses tiñan moitos esteos, como é o caso do celeiro de Reigate, á beira dun muíño.[5]

Función editar

 
Hórreo tipo asturiano (horro) en Piornedo (Cervantes - Lugo - Galiza), sostido por esteos con tornarratos.

Os esteos rematan nos tornarratos, que son xeralmente arredondados, polo que fai case imposíbel aos roedores rubir polos pés do celeiro e acadar o feo ou o gran almacenado na cámara superior. O ar pode libremente circular a través dos costais da cámara (especialmente no canastro galego que funciona coma un verdadeiro secadoiro) facendo que o gran fique seco.[6] Sobre os tornarratos apoia a ‘’lastra’’, un forxado formado normalmente por trabes de madeira. Nos hórreos ibéricos os esteos adoitan ir só nos extremos do edificio (sexa este de planta rectangular ou cadrada); porén os ingleses poden incluír esteos no medio, a xeito de ringleiras, chagando a atopar edificios con máis de dezaseis pés. A caixa dos hórreos, celeiros ou as medas de palla (palleiros), erguíanse sobre este forxado. Ademais dos celeiros nalgúns lugares de Inglaterra erguíanse alvarizas onde se colocaban as colmeas. A caixa ou cámara dos hórreos ingleses fabricábanse de madeira, pero tamén atopamos exemplos de armazóns de madeira con cerramentos de ladrillo. En Galiza a cámara é de madeira, pedra, ambos materiais combinados, e incluso de vimbios nos máis primitivos. As cubertas poden ser de lousa (lousados), tella (tellados) ou colmo (colmados). Para acceder á cámara, se hai algunha escaleira fixa ou pasarela que conduce á cámara, detense a unha distancia suficiente para garantir o seu illamento dos animais. Normalmente o acceso resólvese simplemente cun elemento móbil, sexa escada de man de poucos chanzos ou tallo de madeira, colocada sobre o patamal de desembarco para salvar a altura entre este e a cámara (tanto nos hórreos ibéricos, coma nos británicos). Nalgúns hórreos ingleses atopamos gateiras e canceiras[7]

Moitos hórreos almacenaban até tres tipos de cultivos, acadando grandes pesos, polo que requirían de máis pés. O hórreo galego típico (se ten pés) acostuma ter 6 esteos, mais hórreos máis grandes coma o hórreo de Carnota, en Carnota, supera os 40 pés. O hórreo de Upper Hexford en Oxfordshire ten trinta e seis pés.[3]

Os cortizos ou colmeas podían colocarse sobre forxados de madeira apoiados en esteos e tornarratos, Formando alvarizas, abellarizas ou apiarios elevados, e así protexerse da humidade e dos depredadores. As referencias deste tipo de uso son inglesas, xa que as alvarizas galegas adoitaban protexerse da bicharada co uso de muros.[8].

Pés dos celeiros galegos editar

 
Pés de hórreo en Noia (A Coruña)

En xeral existen tres tipos básicos de soportes no hórreo galego: os esteos ou columnas, as cepas ou muros transversais, o celeiro ou base pechada, e a cepa maciza. É común atopar solucións que combinen todas ou varias das solucións tipo. En todos eles interpóñense entre os soportes e a cámara os tornarratos[9] Cando un tornarratos cobre á vez unha parella de esteos, solución abundante en Ourense e Portugal, chámase mesa. Os esteos son empregados nas zonas nas que o granito é compacto e resistente, e que corresponde con case toda a provincia de Pontevedra, a parte inmediata da de Ourense e o occidente da da Coruña. Os esteos son monolíticos e teñen formas variábeis tendentes sempre á simplicidade xeométrica. O uso de esteos impón unha solución construtiva arquitrabada na que escasea o uso da cachotería na cámara como aparello de peche. E corrente que os esteos teñan un ensanchamento no extremo inferior que lle dá unha forma de bota, e que procura aumentar a superficie de apoio contra o chan. En ocasións os esteos descansan nunha base pétrea, a soleira, que fai as veces de alicerce; nestes casos é corrente o uso de pequenas canles rodeando a base do esteo, chamadas tornaformigas, que ao se encher de auga coa chuvia impiden o paso de insectos. O número de esteos varía coa lonxitude do hórreo, sempre en número par. Se este está dividido en tramos, a cada un correspóndelle unha parella de esteos; a distancia entre eles vén dada pola lonxitude das padieiras lonxitudinais.[10]

Os pés dos hórreos ergueitos en terreo comunal teñen o valor legal de seren considerados como sinal de propiedade do anaco de terreo no que este se ergue, até o punto de que, aínda que desapareza o hórreo, o propietario mantén os seus dereitos sobre o soar mentres os pés sigan nel e se o hórreo é desfeito pérdeos ao levar de aló os pés, aínda que os restantes materiais fiquen no sitio.[11]

Paisaxismo e xardinaxe editar

 
Esteo illado nun xardín en Inglaterra

O paso de ser o hórreo un equipamento indispensábel en toda casa labrega a caer no desuso, fixo que moitos destes celeiros desaparecesen tanto en Galiza, coma en Asturias ou Inglaterra. Coa súa desaparición, especialmente aqueles que tiñan as caixas de madeira, quedan soamente os pés, normalmente feitos en granito e moi duradeiros. Estes esteos e tornarratos son aproveitados como estruturas atractivas en xardíns, coma pequenas mesas, poios ou elementos decorativos, onde ás veces se apoian testos, plantas ou figuras. En Inglaterra pódense mercar por cantidades que chegan aos 600 €. Valórase que sexan realmente vellos e estean cubertos por liques e musgos. Ás veces atopamos esteos ou tornarratos aproveitados coma cachotes noutras estruturas, especialmente muros.

Conservación editar

No caso de Galiza, en 1973 apróbase o Decreto 449/1973, de 22 de febreiro, que colocaba baixo a protección estatal todos os hórreos e cabazos antigos existentes. Esta breve norma, de tan só cinco artigos, intentaba atallar as consecuencias do abandono do modo de vida rural e a perda de uso dos hórreos encomendando á administración local o seu inventario e coidado e impedindo o seu desmonte e traslado.[12]

En 1985 a Lei 13/85, de 25 de xullo, do Patrimonio Histórico, completa a lexislación[13]. Agárdase que cun futuro novo Estatuto de Autonomía se consiga unha catalogación e protección total de todos estes celeiros. No caso de esteos e tornarratos, como xa dixemos, ao estar feitos en pedra (normalmente granito), fai que perduren durante séculos tan só cubertos cunha patina de liques e musgos, o que fai que aumenten o seu valor estético e ecolóxico na xardinaxe desenvolvida.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Sinónimos dados pola RAG e noutras fontes en Dicionario de dicionarios- http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=m%F3&tipo_busca=lema
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tornarratos. Aparecen tamén algúns dos sinónimos.
  3. 3,0 3,1 Quiney, Anthony. (1995). The Traditional Buildings of England. Thames & Hudson. ISBN 0-500-27661-7 p.174.
  4. Frankowski, Eugeniusz (1918). Hórreos y palafitos de la Península Ibérica (en castelán). Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas. p. 154. 
  5. Bryan, Anthony (2006). Francis Frith's Windmills & Watermills. Pub. Frith Collection. ISBN 0-7537-1404-3. p. 91.
  6. Book of the British Countryside. Pub. London : Drive Publications, (1973). p. 213.
  7. Peters, J.E.C. (2003). Discovering Traditional Farm Buildings. Shire Publications. ISBN 0-85263-556-7.
  8. Foster, A.M. (1988). Bee Boles and Bee Houses. Shire Publications. ISBN 0-85263-903-1. p.9.
  9. https://horreosdegalicia.com/
  10. Martínez Rodríguez, Ignacio (1975). El hórreo gallego (en castelán). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-85728-00-9. 
  11. Ruiz de la Riva, E. (1991). Casa y aldea en Cantabria: un estudio sobre la arquitectura del territorio en los Valles del Saja-Nansa (en castelán). Universidad de Cantabria. ISBN 8485429990. 
  12. Decreto 449/1973, do 22 de febreiro, polo que se colocan baixo a protección do Estado os hórreos e cabazos antigos existentes en Asturias e Galicia.
  13. Lei 13/85 Arquivado 11 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar