A oxiuríase ou enterobíase é unha parasitose intestinal producida por un verme nematodo, Enterobius vermicularis, da orde Rhabditida. É unha enfermidade practicamente universal que afecta exclusivamente ó home, de tódolos grupos socioeconómicos, aínda que resulta moito máis frecuente en zonas de clima temperado e de condicións hixiénicas deficientes. Afecta principalmente meniños e rapaces.

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Ciclo biolóxico do Enterobius.

En Europa, África e Asia existe outra especie, E. gregorii, cuxa morfoloxía, ciclo e clínica son idénticos ós da especie tipo.

Etioloxía editar

O parasito causante da enfermidade é o Enterobius vermicularis (antes, Oxyuris vermicularis), un verme redondo, filiforme e de pequeno tamaño: 2–5 mm os machos e 8–13 mm as femias, que se localiza no intestino groso, aínda que por veces pode ascender ó intestino delgado.

Ciclo biolóxico editar

A femia desprázase á rexión anal para deposita-los seus ovos nos pregos anais, momento no que o enfermo sente un intenso proído. Ó rañarse pode reter ovos na pel da man e baixo as uñas e posibilitar así unha autoinfestación ó levarse as mans á boca ou tocar alimentos. Tamén é posible o contaxio a outras persoas ó manipular roupa interior ou a roupa de cama contaminadas, e mesmo unha infestación ambiental xa que os ovos poden contaminar outras superficies (cortinas, alfombras) e, ocasionalmente, quedar en suspensión no aire e seren inhalados. Os ovos son infecciosos ó cabo dunhas 4-6 horas en condicións óptimas.

Trala inxestión, os ovos eclosionan no intestino e as larvas mudan ó estado adulto, para fixarse no colon, onde se reproducen. O período de tempo necesario para pecha-lo ciclo (desde a inxestión dos ovos ata que a femia adulta comeza a poñer ovos) é de ó redor dun mes, e a vida dos adultos é duns dous meses.

É posible a migración de larvas desde o ano cara ao recto, pero descoñécese a importancia desta forma de retroinfestación.

Cadro clínico editar

Trátase dunha enfermidade leve caracterizada polo intenso proído na rexión anal ou perineal, xeralmente nocturno. Adoita acompañarse de sono intranquilo que pode complicarse con pesadelos e somnambulismo; tamén pode aparecer insomnio. Segundo a intensidade do rañado poden provocarse erosións superficiais con infeccións bacterianas secundarias.

Nas meniñas é posible que as larvas penetren na vaxina ou na uretra, provocando irritación e proído vaxinal, fluxos ou dor ó ouriñar.

Tratamento e prevención editar

Os tratamentos antiparasitarios habituais son eficaces pero, como só matan os vermes, non os ovos, cómpre un segundo tratamento ó cabo de dúas semanas. É necesario completalos coa adopción de medidas hixiénicas que corten a posible reinfestación: lavado coidadoso da zona anal e perineo nada máis despertarse, lavado con auga moi quente da roupa interior e da roupa de cama, lavado das mans despois de manexar roupa posiblemente contaminada e mante-las uñas curtas e limpas.

Os tratamentos populares utilizados contra esta parasitose son os mesmos cós que se usan para outras lombrigas.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar