Os xefes

obra de teatro de Ricardo Carballo Calero

Os xefes. Drama en tres actos é unha pequena peza teatral de Ricardo Carballo Calero escrita en 1980 e publicada en Ediciós do Castro en 1982[1].

Os xefes
Autor/aRicardo Carballo Calero
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Teatro
EditorialEdiciós do Castro
Data de pub.1982
editar datos en Wikidata ]

Personaxes editar

Personaxes do Acto I

  • Xeneral Caión
  • Xeneral Brandariz
  • Capitán Souto
  • Xeneral Braña
  • Xeneral Soandres
  • Tenente Axudante do Xeneral Brandariz
  • Secretario do Ministro de Información
  • Ministro de Información
  • Albertina Ferreira
  • Lucía Reali
  • Jonh Smith
  • Alfred Schmith
  • Pierre Dupont
  • Unha voz ao dictáfono
  • Un soldado
  • Cinco Xenerais de Estado Maior

Personaxes do Acto II

  • Xeneral 1º
  • Xeneral 2º
  • Xeneral 3º
  • Xeneral 4º
  • Xeneral 5º
  • Xeneral Bravo
  • Un Capitán
  • Luía Reali
  • Ministra de Propaganda
  • Secretaria da Ministra de Propaganda
  • Secretario da Ministra de Propaganda
  • Xeneral Dragón

Personaxes do Acto III

  • Un Diplomático
  • Unha Secretaria
  • Un Criado
  • Xeneral Dragón
  • Xeneral Braña
  • Embaixador de Dilandia

Desenvolvemento editar

A acción desenvólvese nun lugar do interior de Galicia, na época actual e en tempo de inverno.

Acto I

Despacho do Xeneral Brandariz no cuartel xeral das forzas que sitian Gaibor.

Conversan o Xeneral Caión e o Xeneral Brandariz sobre a situación da guerra. O tema é a estratexia do inimigo comandado polo Xeneral Dragón que foi abandonando parte do territorio para facerse forte na capital.

O xeneral Brandariz e o Xeneral Caión falan de como levaren adiante a campaña e venceren o inimigo.

O xeneral Brandariz e o Ministro de Información conceden unha rolda de prensa a varios xornalistas estranxeiros respondendo a preguntas sobre a situación da guerra e da política no seu bando.

Acto II

Agora é o cuartel xeral do xeneral Dragón na cidade sitiada de Gaibor.

Os xenerais analizan a situación da guerra e a decisión tomada de repregar todas as forzas armadas á capital.

O xeneral Bravo e a Ministra de Propaganda concédenlle unha entrevista a Lucía Reali, unha das xornalistas que xa estivera nas preguntas co outro bando. Analizan a situación política e da guerra.

Acto III

Despacho da Embaixada de Dilandia en Gaibor.

Prepárase unha entrevista entre os xenerais dos dous bandos, o xeneral Braña e o xeneral Dragón, para ver a posibilidade de rematar a guerra ou continuar unha tregua.

Os dous eran amigos ata hai tres anos, coñecíanse as familias. Agora están atrapados en lados diferentes, un pola extrema dereita e outro pola extrema esquerda. Falan e vense incapaces de acabar a guerra porque os políticos dos dous bandos non llelo van permitir.

Mais chegan a un acordo que, no fondo, lles vai permitir saír gañando aínda que non o pareza.

Características editar

Carballo Calero dixo sobre a obra:

"Os xefes" é completamente realista en aparencia, mais logo eu busquei expresar a ambigüidade da política mediante dous actos simétricos: o que se desenrola no cuartel xeral dos sitiadores e o que se desenrola no cuartel xeral dos sitiados; e despois, unha síntese, representada no acto terceiro; e a escena final cuxo protagonista é o reloxio... Ten unha estrutura interna inteiramente realista, pero, sen embargo, efectivamente, é expresión dun pensamento e, claro, nese sentido pódese considerar como unha parábola... O que utilicei da guerra civil foron certos coñecementos da vida militar. Por exemplo as personaxes que falan de estratexia e de táctica cunha certa soltura que dificilmente podería eu supoñer nos seus labios se non tivera vivido dalgún modo a guerra mesma e aproveitei frases que se pronunciaron durante a guerra civil: "Imporei a miña vontade coa vitoria"; isto dixérao Franco. "Non pasarán" tamén está... A ministra de propaganda do bando sitiado... Da Pasionaria, si. O pulo, a enerxía con que actúa, a completa seguridade con que fala son proprios dela... A esencia do pensamento da obra consiste en expresar a certeza dos xefes de que están eventualmente en situación de adversarios, pero que en realidade pretenden o mesmo... A ambigüidade da política, a ambigüidade da vida pública, é, se cadra, a idea que subxace á obra... É un drama inteiramente político, aínda que non é un drama partidista en nengún sentido[2].

E tamén:

Por outra banda, quixen tamén subliñar nesta peza como os xefes están tiranizados por aquelas masas que eles governan, sen que isto impida concluir no conxunto de dados da realidade que estes xefes sexan tamén tiranos desas masas [3]

Para Henrique Rabuñal:

Os xefes é un drama político no cal Carvalho pretendeu desenvolver o pensamento “das ambigüidades das posicións políticas, e, como harmónico deste motivo, o da inanidade das loitas civis, o da identidade íntima dos ideários políticos opostos, o da escravitude dos xefes con relación ás masas e o da manipulación das masas polos xefes”. Resulta fácil establecer paralelismos coa guerra civil e o asedio de Madrid[4].

E engade o mesmo autor: Resulta fácil establecer paralelismos entre o conflito teatral cos acontecementos da Guerra Civil española e co asedio de Madrid que Carvalho vive como miliciano do exército republicano.[5]

Notas editar

  1. Carballo Calero, Ricardo (1982). Teatro completo. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-116-3. 
  2. Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 260-269. ISBN 84-7154-654-X. 
  3. Fernán-Vello, M.A.; Pillado Mayor, F. (1986). Conversas en Compostela con Carballo Calero. Sotelo Blanco. p. 111. ISBN 84-86021-32-4. 
  4. Rabuñal, Henrique. "Carvalho Calero na historia do noso teatro". adiante.gal. Consultado o 17/10/2018. 
  5. Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 153. ISBN 978-84-9151-436-7.