Olympia (Manet)

pintura de Édouard Manet

Olympia é un cadro realizado polo famoso pintor francés Édouard Manet en 1863. Mide 130,5 cm de altura e 190 de longo. Esta famosa obra foi realizada por Manet para presentala no Salon des Refusés (Salón dos Rexeitados) no citado ano de 1863. Con todo, non se expuxo até 1865, no Salón de París, onde causou un grande escándalo, xa que aínda que o público e a crítica aceptaban os espidos en obras mitolóxicas, non era así cando se trataba dun espido realista.

Olympia
ArtistaÉdouard Manet
Data1863
Técnicaóleo sobre lenzo
Dimensións130.5 cm × 190 cm
LocalizaciónMuseo de Orsay

Características editar

Explicitamente inspirada nas Venus de Urbino de Tiziano, con todo o personaxe central resulta ser evidentemente unha prostituta parisiense. En lugar das doncelas que acompañaban aos espidos do Cinquecento, entra en escena levando un ramo de flores unha muller negra, cuxo rostro, case imperceptible sobre o fondo escuro, contrasta cos tons claros da súa vestimenta oriental. Por outra banda as carnaduras da muller espida que mira directa e provocadoramente aos espectadores son contrastadas xunto ás sabas e as almofadas polo fondo escuro, resaltando a atmosfera de íntima sensualidade. En lugar do cándido cachorro arroiado que se atopa na Venus de Urbino, aos pés de Olympia atopamos un esperto gato negro que simboliza a miúdo a ambigüidade e a inquietude, estando implicado en relacións ou situacións promiscuas ou veladamente eróticas. Este felino negro impresionou tanto ao público que durante anos Manet sería lembrado aínda como «O pintor dos gatos».

Outros elementos simbólicos notorios son: o brazalete que leva a muller espida pertencía á nai de Manet, o ramo de flores era un típico agasallo que os clientes ofrecían ás meretrices de clase alta. A orquídea entre os cabelos é tamén unha referencia ao sexo xa que se cría que tal flor posuía poderes afrodisíacos (de feito o nome da orquídea ten etimoloxía sexual). Por outra banda Olympia calza unha soa pantufla, isto nas pinturas alegóricas foi usado como símbolo da inocencia perdida, ademais cabe notar que a orquídea, o brazalete e a pantufla con taco (polo cal parece case unha zoca) cumpren a función sexual de fetiche.

A pesar da audacia conceptual deste cadro, a súa temática inscríbese nunha longa tradición da pintura académica, un exemplo da odalisca e a escrava, tal como se observa nas Odaliscas de Ingres e mesmo na Odalisca de Bénouille e a de Jalabert, realizadas na década de 1840. Aínda que Manet soubo quitar o subterfuxio para representar á muller espida. É deste xeito que se atopa unha sorte de directa filiación co seu precedente: La maja desnuda retratada por Goya.
En cuanto a este cadro de Manet, outro dos motivos para o escándalo foi que a muller pintada era bastante coñecida en París: a modelo e tamén pintora Victorine Meurent.

Cabe sinalar que o nome do cadro non lle foi dado polo pintor, senón por Charles Baudelaire.

Prodúcese un notable contraste entre a figura da modelo, e a roupa, tanto da cama como coa criada negra, e co fondo escuro do resto do cadro. Neste predominio do negro e o branco, as únicas manchas de cor son, por unha banda, os bordados florais tipo oriental dunha tea de seda, especie de mantón con flocos, que hai sobre a cama e do ramo de flores que lle trae a serventa, que en certo xeito repite as cores das flores bordadas.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • L. Cirlot (dir.), Museo d’Orsay, Col. «Museos del Mundo», Tomo 8, Espasa, 2007. ISBN 978-84-674-3811-6, páxs. 98-99