Ollodourado de touca

O ollodourado de touca[2] ou parrulo albeola[3] (Bucephala albeola) é un pequeno pato mariño do xénero Bucephala. A especie foi primeiramente descrita por Linné no seu Systema naturae en 1758 co nome Anas albeola.[4]

Ollodourado de touca

Macho

Femia
Femia

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animal
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Xénero: Bucephala
Especie: Bucephala albeola
(Linnaeus, 1758)

Sinonimia
  • Anas albeola Linnaeus, 1758
  • Charitonetta albeola (Linnaeus, 1758)

O nome do xénero significa 'cabeza de touro' (do grego bous e kephale), facendo referencia á súa cabeza bulbosa e porque a cabeza parece meirande cando o macho incha as plumas da cabeza. O nome específico albeola vén do latín albus, 'branco'.[5][6]

Descrición editar

Esta especie mide entre 32 e 40 cm de longo e pesa de 270 a 550 g, e os machos son meirandes que as femias. Como media mide 35,5 cm e pesa 370 g, polo que rivaliza en pequeno tamaño co Anas carolinensis para ser o menor pato de América.

Os machos adultos son de corpos negros e brancos, con cabezas verdes iridiscentes e púrpuras e unha gran mancha branca detrás do ollo que cobre media cabeza. As femias son de tons grises cunha mancha branca máis pequena detrás do ollo e máis claras na parte ventral.[7]

Distribución e hábitat editar

Son aves migratorias e a maioría delas invernan en áreas costeiras protexidas ou en augas abertas do interior continental, nas costas do leste e oeste de América do Norte e do sur dos Estados Unidos. É unha ave que chega como ave errante o oeste de Europa e en Galicia foi rexistrada como ave accidental moi rara. O seu hábitat reprodutor son lagos e lagoas boscosas de Alasca e o Canadá, case enteiramente incluídas dentro da zona de bosque boreal e taiga.

Comportamento editar

 
Macho voando en California
 
Bucephala albeola - Museo de Historia Natural de Tolosa

Pénsase que o pequeno tamaño do ollodourado de touca evolucionou para axustarse ás cavidades de nidificación que utiliza escavadas nas árbores polo seu hóspede "metabiótico", o peto Colaptes auratus.[8] Debido ao seu pequeno tamaño, son moi activos, realizando mergullos case continuamente e mantense grazas ao seu elevado metabolismo. Non adoitan xuntarse formando grandes bandadas; os grupos son normalmente pouco numerosos. Un dos patos no grupo serve como sentinela, vixiando se hai predadores, mentres que os outros membros do grupo mergúllanse na procura de comida.[7] Están entre as especies de zonas húmidas que máis tarde abandonan os seus terreos de reprodución e son un dos migradores máis puntuais do mundo, xa que chegan aos terreos de inverno nun estreito período de tempo todos os anos.[9]

Reprodución editar

Son aves monógamas e as femias regresan aos mesmos sitios de reprodución ano tras ano. Nidifican en cavidades nas árbores, principalmente chopos ou álamos, utilizando principalmente vellos niños abandonados escavados polo peto Colaptes auratus, situados preto da auga (xeralmente < 25 m). Os seus competidores na nidación son o paxaro túrdido Sialia currucoides, o hirundínido Tachycineta bicolor e o estúrnido Sturnus vulgaris. Rexistrouse un caso no que unha femia de ollodourado islandés matou unha femia adulta de ollodourado de touca e as súas crías disputando un niño. As cavidades pequenas son as preferidas porque así teñen menos competencia con outros ollodourados meirandes. As femias poden ser matadas no niño por mamíferos, como denosiñas (Mustela spp.) ou visóns (Mustela vison), e por outros oodourados que compiten polo niño.

O tamaño de posta media é de nove ovos (poden ser de seis a 11), que miden 50,5 × 36,3 mm.[8] A incubación dura uns 30 días, e o éxito reprodutivo no niño é alto (79% nun estudo) comparado co de especies que nidifican no chan, como o Anas crecca. Un día despois de que eclosione o último parruliño, todas as crías saltan desde a cavidade do niño. Aos 50–55 días empluman.[10] Entre os predadores dos adultos están o falcón Falco peregrinus, o bufo Bubo scandiacus, o pigargo Haliaeetus leucocephalus, a aguia Aquila chrysaetos, o miñato Buteo jamaicensis, os bufos Bubo virginianus e Bubo bubo e o gabián Accipiter cooperii.

Dieta editar

Estas aves mergulladoras aliméntanse baixo a auga. Prefiren augas con profundidades entre 1,2 e 4,5 m.[7] En hábitats de auga doce comen principalmente insectos e en augas salgadas aliméntanse predominantemente de crustáceos e moluscos. As plantas acuáticas e os ovos de peixes poden ser alimentos importantes localmente tamén.

Relacións cos humanos editar

Debido a que teñen unha fermosa plumaxe, son moi activos na natureza e viven próximos aos humanos nos predios próximos ás ribeiras, o ollodourado de touca é unha ave moi popular entre os observadores de aves.[10] Esta especie foi incluída no escudo da cidade de Sidney, Columbia Británica, en 1995.[11] Son cazados e considerados unha ave de caza. A diferenza de moitos outros patos mariños cuxas poboacións declinaron nos últimos tempos, as poboacións de ollodourado de touca permanecen relativamente estables.[8] A degradación do hábitat é a principal ameaza para estas aves, xa que dependen de hábitats costeiros moi limitados como terreos de invernada e de hábitats moi específicos nos seus terreos reprodutores boreais. Aínda que a especie pode utilizar para a nidificación caixas de nidación fabricadas polos seres humanos, tamén necesitan o hábitat forestal para prosperar.

Notas editar

  1. "Bucephala albeola". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Linnaeus, C (1758). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I (en Latin). Holmiae. (Laurentii Salvii). p. 124. A. alba, dorso remigibusque nigris, capite caerulescente, occipite albo. 
  5. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 38, 79. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. Fergus, Charles (2004). Wildlife of Virginia and Maryland and Washington DC. Stackpole Books. p. 166. ISBN 0-8117-2821-8. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Lippson, Alice Jane; Lippson, Robert L. (1997). Life in the Chesapeake Bay. JHU Press. p. 253. ISBN 0-8018-5475-X. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Gauthier, G. 1993. Bufflehead, Bucephala albeola. The Birds of North America. (67), 24 pages. Edited by A. Poole and F. Gill, The Academy of Natural Sciences of Philadelphia.
  9. Finley, J.K. 2007. The punctual Bufflehead, Bucephala albeola: autumn arrivals in Shoal Harbour Sanctuary, Vancouver Island, in relation to freeze-up. Canadian Field-Naturalist 121:370-374.
  10. 10,0 10,1 Erskine, A. J. 1972. Buffleheads. Canadian Wildlife Service Monograph Series #4. Information Canada, Ottawa. 240 pages
  11. "Town Crest & Flag". Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2013. Consultado o 2013-10-19. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar