O fillo

obra de teatro de Ricardo Carballo Calero

O fillo. Acción dramática en dous actos, o segundo dividido en dous cadros (1935) é unha peza teatral de Ricardo Carballo Calero publicada en Ediciós do Castro en 1982[1].

O fillo
Autor/aRicardo Carballo Calero
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Teatro
EditorialEdiciós do Castro
Data de pub.1982
editar datos en Wikidata ]

Personaxes editar

  • Xoana
  • Estrela
  • Xenerosa
  • O Crego
  • Mari-Pepa
  • A Descoñecida
  • Florentina
  • Rosalía
  • Faustina
  • Pilariña
  • Pedriño
  • Manueliño
  • Froilanciño
  • Pepiño
  • O Galán
  • A Virxe María
  • O Anxo
  • Coro de Nenos
  • Coro de Anxos

Desenvolvemento editar

A acción desenvólvese nun lugar do interior de Galicia, na época actual e en tempo de inverno.

Acto I.

Sala dunha casa fidalga aldeá. Os personaxes ollan para un nacemento de Nadal.

A señorita da Casa, Xoana, parola co crego e outras mulleres e meniños. Animan a Pilariña para que cante unha panxoliña:

Cara a Belén, noite fría,
camiñando van os Reis.
Levan-lle dons ao Meniño
para lle quentar os pes.
Levan mirra, incenso e ouro. Alma, levan-lle tamén
a mirra das tuas bágoas,
o incenso da tua prez,
o ouro do teu corazón;
que son os dons que máis quer[2]

.

As mulleres e o crego tentan convencer a fidalga que debía casar e ter un home que a amparase, que debía ter fillos que a agarimasen; ademais non lle faltaron pretendentes ricos. Van marchando e escóitase un coro de nenos, despois un coro de anxos. Xoana cre ver a Virxe e un anxo cando escoita un choro de meniño na xanela, colle o rapaciño.

Acto II

  • Cadro I. O mesmo escenario do 1º acto pero sen o nacemento.

Xoana cántalle ao meniño:

Dorme, meniño, no teu berce;
dorme, que os montes están cheos de neve.
Dorme, meniño, no teu barrelo;
dorme , que os montes están cheos de medo.
Dorme, meu neno. Dorme, que cando seja primavera,
ti choutarás polas floridas veigas.
Dorme, que cando seja o tempo florido,
ti choutarás polos verdes camiños.
Dorme, meniño[3]

.

As criadas Xenerosa e Estrela falan do moito que Xoana quere o neno, do ben que o coida e se desvive polo seu fillo aínda que dubidan de que fose un milagre, máis ben sería froito dos amores dalgunha rapaza que o deixou na fiestra.

Entra Florentina co recado de que Mari-Pepa do Xestal está a morrer e quere ver o meniño. Lévanllo.

O Galán cántalle de amores a Estrela

Galán.-Moza que estás na janela,
cara de cerdeira en flor:
hei-che mercar uns brinquiños
se queres ser meu amor. Estrela.-Pra se eu o teu amor,
terias-me de traguer
unha ialma a suspirar
e un corazón a tremer[4]

.

  • Cadro II. A mesma decoración.

Xenerosa aclara que Mari-Pepa quería ver o meniño porque era a súa nai. Resulta que coma tantas veces unha moza foi servir, perdeuna un xurafás, tivo o meniño nun alpendre e deixouno na xanela da fidalga ao ver luz.

Agora Xoana xa non recoñece o meniño como fillo, non quere saber del nin coidalo coma antes, perdeuno; que se encargue Estrela dos seus coidados. Xenerosa tenta convencela de que o queira igual. O mesmo fai o crego pero Xoana ata dubida de Deus.

Entra “A Descoñecida” e dialoga con Xoana, a Descoñecida é un desdobramento dela mesma de cando era moza. Nese diálogo vaise resolver o problema do meniño.

Remata a obra entrando Estrela para atender o rapaz.

Características editar

Este drama de mulleres que aborda o tema da maternidade virxinal[5] foi galardoado en 1947 co Premio de teatro Castelao en Buenos Aires e nel hai referencias mítico-simbólicas e xogo de contrarios, características da obra de Carballo Calero[6].

O propio autor deixou a súa opinión:

É unha obra que nen desde o punto de vista da escenografía nen desde o punto de vista da conduta das personaxes rexistra rasgos simbólicos nen expresionistas. Un certo simbolismo hai, se cadra, pero desenvólvese dentro dunha realización realista e neste sentido creio que dependo da técnica realista que naquela época reinaba no teatro español... En realidade é o tema da virxen mai, da maternidade virxinal o que trababa en "O fillo". Hoxe esa obra non me satisfai, porque a personaxe de Xoana, que me atraíu nun determinado momento, hoxe me parece monstruosa; de maneira que hoxe non tería feito esa obra[7].

E engade:

A obra presenta-nos un movimento cénico, por exemplo, ao final dun cadro, en que unha moza atende a un neno que está no berce, e ao mesmo tempo ou alternativamente realiza un parrafeo cun mozo que desde fóra da casa a galanteia; ese movimento é claramente un médio de expresón que devemos ver, tipicamente cénico, tipicamente teatral. E por outra banda, nesa mesma peza, se dá un desdobramento dunha personaxe: hai unha figura feminina -a principal da peza-, Xoana, que dialoga consigo mesma cara o final da obra. A mesma cena final, en que hai un berce cun neno e duas mulleres, unha a cada lado, está concebida plasticamente[8].

Para Henrique Rabuñal:[9]

É un drama de mulleres con unidade de lugar... que aborda o tema da maternidade virxinal... Xa nesta obra fican anotados algúns dos elementos do teatro caleriano: coidada estrutura, lingua modélica, abundancia de personaxes e conflitos femininos, incorporación de partes líricas, parellas de personaxes, tensión entre a realidade e a ilusión, suspensión das estratexias realistas e aquí un final feliz


Notas editar

  1. Carballo Calero, Ricardo (1982). Teatro completo. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-116-3. 
  2. Carballo Calero 1982, p. 14.
  3. Carballo Calero 1982, p. 24.
  4. Carballo Calero 1982, p. 28-29.
  5. Rabuñal, Henrique. "Carvalho Calero na historia do noso teatro". adiante.gal. Consultado o 17/10/2018. 
  6. Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). Ed. A Nosa Terra. p. 1037. ISBN 84-89679-05-3. 
  7. Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 258-261. ISBN 84-7154-654-X. 
  8. Fernán-Vello, M.A.; Pillado Mayor, F. (1986). Conversas en Compostela con Carballo Calero. Sotelo Blanco. p. 112. ISBN 84-86021-32-4. 
  9. Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 146. ISBN 978-84-9151-436-7.