O almorzo sobre a herba

pintura de Édouard Manet

Le Déjeuner sur l´herbe (en galego, O almorzo sobre a herba ou O xantar campestre, literalmente O xantar sobre a herba) é un cadro realizado polo pintor francés Édouard Manet en 1863. Mide 208 cm de altura e 264,5 de longo. O cadro está pintado ao óleo e se atopa no Museo de Orsay de París, Francia. Ao principio o cadro foi chamado Le Bain, e logo La Partie carrée.

Le Déjeuner sur l'herbe
ArtistaÉdouard Manet
Data1863
Técnicaóleo sobre lenzo
Dimensións208 cm × 264,5 cm
LocalizaciónMuseo de Orsay

A xustaposición dun espido feminino con cabaleiros completamente vestidos suscitaron controversia cando a obra se amosou por vez primeira no Salon des Refusés en 1863, logo de ser rexeitado polo Salón oficial. Foi o lenzo «máis irritante e controvertido» desa exposición de obras rexeitadas. Á parte de considerar vulgar o que unha muller estivese espida xunto a xoves vestidos, numerosos críticos rexeitaron a modernidade do estilo, dende o punto de vista cromático e compositivo.

Os pintores, e especialmente Édouard Manet, que é un pintor analítico, non comparten a obsesión das masas polo tema: para eles, o tema é só un pretexto pra pintar, mentres que pra as masas só existe o tema.

Descrición editar

En 1863, Manet sorprendeu ao público francés ao expor o seu Déjeuner sur l'Herbe («O almorzo sobre a herba»). A idea do cadro ocorréuselle durante unha excursión a Argenteuil, nas beiras do río Sena[1]. Non é unha pintura realista no sentido político ou social do termo dun Daumier, senón que é unha afirmación a favor da liberdade individual do artista. O escándalo que causaba unha muller espida almorzando despreocupadamente con dous homes completamente vestidos, o que ofendía á moralidade da época, acentuábase polo feito de que as figuras eran recoñecibles.

O cadro representa un almorzo ou xantar nunha fraga, preto de Argenteuil, onde discorre o Sena. A muller espida, a modelo de Manet chamada Victorine Meurend, cuxo corpo está cruamente iluminado, mira directamente ao espectador. Está sentada sobre unha tea azul, probablemente unha parte das roupas que quitou. Os dous homes son o irmán de Manet, Gustave e o seu futuro cuñado, o escultor holandés Ferdinand Leenhoff. Están vestidos como dandis. Os homes semellan estar ocupados conversando, ignorando á muller. En fronte deles móstranse as roupas da muller, un cesto de froitas, e un pan redondo, como nun bodegón. No fondo, unha muller lixeiramente vestida vadea unha corrente. Demasiado grande en comparación coas figuras do primeiro plano, ela parece flotar. A desproporción entre a muller do fondo e a barca á dereita considerábase unha impericia de parte do pintor: en realidade, os mórbidos contrastes cromáticos e a utilización da perspectiva aérea en clave moderna inscriben esta obra entre as obras mestras do século XIX.

O fondo pintado toscamente carece de profundidade, dando ao espectador a impresión de que a escena non ten lugar no exterior, senón nun estudo. Esta impresión refórzase polo emprego dunha intensa luz «fotográfica», que case non deixa sombras: de feito, a iluminación da escena é inconsistente e nada natural. O home á dereita loce un chapeu chan cunha borla, da clase que normalmente se usa nos interiores.

A esposa de Manet, Suzanne Leenhoff, e a súa modelo favorita, Victorine Meurent, pousaron para a muller espida, que leva a cara de Meurent pero o corpo de Leenhoff, máis gordiño. O home á esquerda é probablemente o cuñado de Manet, Rodolphe Leenhoff.

O estilo da pintura rompe coas tradicións académicas da época. Manet usou unha luz crúa, «fotográfica» que elimina os tons medios. Considérase un cadro «preimpresionista» por usar un motivo da contorna inmediata do artista[1]. A feitura é conscientemente clásica[1]. Con todo, non intentou ocultar as pinceladas: de feito, a pintura semella inacabada nalgunhas partes da escena. O espido está moi lonxe das figuras suaves e impecables de Cabanel ou Ingres.

Malia ser un tema mundano, Manet deliberadamente elixiu un formato de lenzo grande, normalmente reservado para os grandes temas.

Influencias editar

Esta pintura pode interpretarse como unha versión moderna do Concerto campestre (1508-1509) do pintor renacentista Tiziano (aínda que a obra fose atribuída anteriormente a Giorgione).[1]

Nesta alegoría da Poesía, vese a dúas mulleres espidas (Calíope e Polimnia, Musas da poesía épica e lírica) en compaña de dous novos homes ben vestidos, un deles tocando o laúde. A escena sitúase nunha paisaxe arcádica. Manet retomou o tema con personaxes modernos, presentando a escena como un «pícnic nun bosque». O Almorzo é en realidade un manifesto dun novo xeito de pintar e, en efecto, dunha nova concepción da arte e a relación entre a arte e o seu público.

A composición de Manet revela o seu estudo dos antigos mestres, pois a disposición das figuras principais derivan dunha escena cos deuses fluviais dun gravado (1514-1518) de Marcantonio Raimondi titulado Urteil des Paris (h. 1515) segundo a súa copia dun debuxo de Rafael, o Xuízo de Paris.[2]

Algúns eruditos citan tamén A tempestade, unha famosa pintura renacentista que tamén representa a un home totalmente vestido cunha muller espida nun ambiente rural, como un importante precedente da pintura de Manet Le déjeuner sur l'herbe.[3]

A representación de dúas parellas que se relaxan nun parque ou nun decorado semellante era un tema clásico na pintura galante, como está ilustrado en La Partie carrée (1713) de Antoine Watteau. James Tissot, contemporáneo e amigo de Manet, pintou a súa propia versión do tema en 1870.

Réplicas editar

 
Déjeuner sur l'herbe, de Claude Monet, 1865-1866, 418 x 150 cm, óleo sobre lenzo, Museo de Orsay

En 1865, Claude Monet comezou a pintar o seu propio Déjeuner sur l'herbe en resposta ao de Manet. Porén, este inmenso cadro (4,6 por máis 6 m) quedou incompleto. Representa unha escena máis socialmente aceptable de lecer burgués, pero posto que se trata dunha demostración do novo estilo impresionista, ponse máis o acento nos efectos de luz que no tema como tal. O xogo sutil de sombra e luz demostra as vantaxes da pintura pleinairiste e contraste coa pouco natural luz de taller de Manet. Despois de que esta pintura monumental resultase danada pola humidade, Monet recortouna en tres. As seccións de esquerda e o centro están agora no museo de Orsay, pero se perdeu a terceira. Un estudo para o cadro está ao museo Pushkin.

En 1961, preto dun século despois do Déjeuner de Manet, un Pablo Picasso que envellece elixe atacar este gran monumento da arte moderna. En menos de dous anos, fixo máis de 27 pinturas, 6 gravados sobre linóleo e 140 debuxos segundo o cadro de Manet.

O artista de pop art francés Alain Jacquet fixo unha parodia do Déjeuner sur l'herbe [4] en serigrafía en 1964.

En 1994, o escultor estadounidense J. Seward Johnson, Jr. reconstruíu a pintura en tres dimensións, Déjeuner déjà vu.

Por último, no ano 2002, os pintores rusos Dubosarsky e Vinogradov pintaron un Déjeuner sur l'herbe en homeaxe aos pintores impresionistas.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Christa von Lengerke, «Del Impresionismo al Art Nouveau» en Los maestros de la pintura occidental, Taschen, 2005, pág. 491, ISBN 3-8228-4744-5
  2. Ross King. The Judgment of Paris: The Revolutionary Decade that Gave the World Impressionism. Nueva York: Waller & Company, 2006 ISBN 0-8027-1466-8.
  3. John Rewald,The History of Impressionism, Museo de Arte Moderna de Nova York, 4.ª edición revisada 1973, (1.ª 1946, 2.ª 1955, 3.ª 1961), p.85. ISBN 0-87070-369-2.
  4. Déjeuner sur l'herbe

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Ross King. The Judgment of Paris: The Revolutionary Decade that Gave the World Impressionism. Nova York: Waller & Company, 2006 ISBN 0-8027-1466-8. Págs. 49-51, 86-89.

Ligazóns externas editar