Nova Constellatio
As moedas da serie coñecida como Nova Constellatio son a primeira proposta para a dotación dun sistema monetario baixo a autoridade dos Estados Unidos, no inicio do ano 1783. A serie abrangue tres valores faciais en prata (1.000 unidades, 500 unidades e 100 unidades) e un único valor en cobre (5 unidades).
A característica que lles dá o nome é que todas elas locen a lenda NOVA CONSTELLATIO nos seus reversos, coa excepción dun exemplar coñecido de 500 unidades, que carece dela, aínda que responde á mesma tipoloxía.
Historia editar
A serie de probas monetarias Nova Constellatio foi o resultado de dous anos de traballos de Robert Morris,[2] o Pai Fundador a quen se lle atribúe o financiamento da Guerra de Independencia.[3] Morris foi elixido por unanimidade primeiro Superintendente de Finanzas dos Estados Unidos en 1781,[4] e o 21 de febreiro do ano seguinte o Congreso adoptou a seguinte resolución:[5]
“ | O Congreso aproba a creación dunha nova Casa da Moeda, e encárgaselle ao Superintendente de Finanzas que prepare e presente ao Congreso un plan para o establecemento e a condución desa casa. | ” |
O plan do financeiro, elaborado xunto co seu asistente, Gouverneur Morris,[6] era ambicioso: tratábase de unir a nova nación arredor dunha unidade monetaria que permitise unha doada conversión das moedas británicas, españolas, portuguesas e asiáticas que circulaban por aquel territorio.[7] Esta idea supuña unha gran novidade, xa que a proposta de Morris suporía o primeiro sistema monetario en Europa Occidental e América baseado no sistema decimal.[8]
Por mor da precaria situación financeira do novo Goberno, o Congreso non aplicou plan deseñado por Morris. No entanto, a innovación da decimalización non pasou desapercibida para dous dos Pais Fundadores, que examinaron os modelos das moedas propostas por Morris; estes eran Alexander Hamilton e Thomas Jefferson, os principais impulsores do dólar estadounidense, que se converteron en defensores do sistema decimal logo da análise das propostas de Morris.[9][10]
Durante o tempo en que Thomas Jefferson manexou estes ensaios monetarios da serie Nova Constellatio para o seu estudo, redactou un informe titulado "Notas sobre o establecemento dunha unidade monetaria e dun sistema de cuñaxe de moedas para os Estados Unidos", no que concluíu:[11]
“ | O financeiro, no seu informe, propón, xa que logo, que as nosas moedas sexan en proporcións decimais unhas en relación coas outras. Se adoptamos o dólar como unidade, deberiamos cuñar catro moedas, unha de ouro, dúas de prata e unha de cobre, a saber: unha moeda de ouro, co valor de dez dólares; a unidade ou o dólar propiamente dito, en prata; o décimo de dólar, en prata tamén; e o céntimo de dólar, en cobre. | ” |
Esta é a primeira descrición escrita do sistema monetario que finalmente se adoptou nos Estados Unidos, o que ilustra claramente a importancia histórica dos modelos propostos por Morris.[8]
Deseños editar
Esta serie de ensaios monetarios ten un anverso común caracterizado por unha coroa vexetal que rodea as inciacis do país (US) e a abreviatura do valor facial. Rodeando esta coroa polo seu exterior está a lenda LIBERTAS JUSTICIA ("Liberdade Xustiza") e no exergo a data 1783.[15]
Pola súa banda, os reversos destas moedas presentan uns raios que emanan do Ollo da Providencia e nos seus finais unha constelación de trece estrelas, tal e como ocorría nos billetes "continentais" de 40 dólares na emisión do 11 de abril de 1778, todo isto rodeado pola lenda en latín NOVA CONSTELLATIO.[15]
Estes motivos serviron tamén para algunhas emisións privadas de moeda (tokens) de cobre datadas en 1783, en 1785 e, moi escasamente, en 1786.[16][17]
Consérvase moi pouca documentación acerca destes cobres privados baseados no modelo de Morris, e as escasas referencias da época amosan discordancias entre elas, que afectan mesmo á orde das palabras na inscrición do reverso: NOVA CONSTELLATIO ou CONSTELLATIO NOVA. A este respecto, en 1974, Walter Breen suxeriu como orde correcta para esta lenda CONSTELLATIO NOVA.[18]
Valores faciais da serie editar
Existen rexistros de sete moedas correspondentes aos modelos de Morris:
- Unha única peza en prata de valor facial non determinado entregada a Morris o 2 de abril de 1783. Ao recibila, Morris escribiu no seu diario: "Enviei a buscar ao señor Dudley, quen me entregou unha peza de prata que é a primeira que se cuñou como moeda americana".[2] En 2017, David McCarthy descubriu que se trata dunha peza de 500 unidades sen inscrición no reverso.[19]
- Un grupo de moedas de prata que abrangue a de 1.000 unidades, a de 500 unidades e tres variantes da de 100 unidades. Estas pezas foron cuñadas despois da visita de Alexander Hamilton ao Tesouro que deu lugar a unha correspondencia entre Morris e Hamilton na que figura como asunto On the Subject of the Coin ("Sobre o tema da moeda"), a partir da cal se tomou a decisión de cuñar un grupo de pezas para presentar no congreso.[2] Estes exemplares enviáronselle de camiño a Thomas Jefferson, que redactou as súas "Notas sobre o establecemento dunha unidade monetaria e sun sistema de cuñaxe para os Estados Unidos" a partir do exame do xogo. Jefferson rexistrou o valor facial deste conxunto como 1,8 dólares ou, o que é o mesmo, 1.800 unidades,[11] do que se desprende que a súa composición era a seguinte: unha peza de 1.000 unidades, outra de 500 unidades e tres de 100 unidades. Esta distribución correspóndese exactamente cos exemplares de prata coñecidos que levan a lenda NOVA CONSTELLATIO.[10]
- Unha peza de cinco unidades coa lenda NOVA CONSTELLATIO, que foi enviada a Londres antes de que Jefferson recibise o conxunto.[2]
Rastrexabilidade dos exemplares editar
Logo de seren devoltas ao Congreso, as moedas acabaron dispersadas. A mediados da década de 1840, unha peza de 1.000 unidades e a de 500 unidades do conxunto que portaba a lenda NOVA CONSTELLATIO foron descubertas por un descendente do antigo secretario do Congreso Charles Charles Thomson.[20]
Pasaron outros vinte e cinco anos antes de que aparecese outra das moedas de Morris. Tratábase dun segundo exemplar de 500 unidades en prata, descuberto en 1870, mais este espécime non levaba a lenda NOVA CONSTELLATIO. Os coleccionistas deron en chamar este modelo como "tipo 2", xa que o seu deseño difería do da moeda de 500 unidades do Congreso.[8][22] En 2017 chegouse á demostración pericial de que este exemplar fora cuñado antes do conxunto que foi enviado ao Congreso.[23]
En 1900 acháronse dous tipos de moedas de 100 unidades, ambos coa inscrición NOVA CONSTELLATIO, mais un deles co canto liso e outro con follas de oliveira gravadas. En 1979 apareceu en Europa a moeda de 5 unidades, que tamén presenta a lenda.[8] A última peza que saíu á luz, un terceiro exemplar de 100 unidades, foi nunha poxa pública da casa Stack's en 1991; coñécese pouco sobre a súa proveniencia, e é a única peza que non está certificada por un servizo de certificación.[24][25]
Notas editar
- ↑ "5 Units "Nova Constellatio"". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Ferguson, J. et al. (1973-1999). The Papers of Robert Morris. Vol. 7. University of Pittsburgh Press. Páxinas 740-743.
- ↑ Cowen, D. J. (2006). Financial founding fathers: the men who made America rich. University of Chicago Press. Páxinas 193-194. ISBN 0-226-91068-7
- ↑ Thomas, G. E. (2010). The Philadelphia Stock Exchange and the city it made. University of Pennsylvania Press. Páxina 19. ISBN 978-0-8122-4224-9
- ↑ Journals of the Continental Congress. Volume 22. Páxinas 86-87.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 49.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxinas 46-49.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 McCarthy, D. "Nova Constellatio patterns among earliest U.S. coins". En Coin World. 4 de xullo de 2015.
- ↑ "Nova Constellatio: The First American Coin". American Numismatic Association.
- ↑ 10,0 10,1 McCarthy, D. (2017). "Nova Constellatio: Identifying the First US Coin". En The Numismatist. Agosto.
- ↑ 11,0 11,1 Jefferson, T. (1784). Notes on the establisment [sic] of a money unit and of a coinage for the United States. Verlag nicht ermittelbar.
- ↑ "100 Units "Nova Constellatio"". Numista.com
- ↑ "500 Units "Nova Constellatio"". Numista.com
- ↑ "Nova Constellatio Pattern "Silver Mark 1000"". Numista.com
- ↑ 15,0 15,1 "Nova Constellatio". Numista.com
- ↑ Newman, E. P. (1995). "New Thoughts on the Nova Constellatio Private Copper Coinage". En Mossman, P. (1995). Coinage of the American Confederation Period. American Numismatic Society. ISBN 978-0897222631
- ↑ Algúns exemplos: token de 1783, token de 1785. Numista.com
- ↑ Hodder, M. J. (1994). "More on Benjamin Dudley, Public Copper, Constellatio Nova's and Fugio Cents". En The Colonial Newsletter. Xuño. Páxinas 193-196.
- ↑ Gilkes, P. (2017). "Researcher concludes 1783 Plain Obverse quint is first U.S. coin". En Coin World. 28 de xullo.
- ↑ Crosby, S. (1875). The Early Coins of America; and the Laws Governing Their Issue. Páxina 311.
- ↑ "First U.S. coin identified by McCarthy". En Numismatic News. 4 de agosto de 2017.
- ↑ 22,0 22,1 "Quint - Nova Constellatio Pattern; Type II". Numista.com
- ↑ "First U.S. coin identified by McCarthy". En Numismatic News. 4 de agosto de 2017.
- ↑ "United States and Foreign Gold, Silver and Copper Coins: Featuring the Richard Picker, Eugene B. Benedict and Rising Collections". Stack's. Maio de 1991.
- ↑ Spurrier, L. "Lost & Found: The Nova Constellatio Set".
Véxase tamén editar
Bibliografía editar
- Carothers, N. (1930). Fractional Money, A History of the Small Coins and Fractional Paper Currency of The United States. John Wiley & Sons.
Ligazóns externas editar
- "The Nova Constellatio Patterns of 1783". University of Notre Dame, Indiana.