Nova Atlántida

libro de Francis Bacon
(Redirección desde «Nova Atlantis»)

Nova Atlántida[1] (Nova Atlantis no orixinal en latín e The New Atlantis na tradución do propio Bacon ao inglés) é unha utopía renacentista de Francis Bacon, publicada en latín en 1624 e en inglés en 1627. Nesta obra inacabada relátase unha viaxe imaxinaria[2] que ten valor de metáfora, conduce ao descubrimento dunha illa do océano Pacífico, chamada Bensalem, na que un colexio se consagra á investigación do coñecemento e das súas aplicacións, é dicir, no que se instaura, con todo o respecto que lle é debido, un Instituto das Ciencias e das Técnicas. Nesta illa o coñecemento é considerado como o ben máis prezado. É por iso que na pasaxe máis coñecida da obra é na que se refiren aos investigadores coas palabras: "Estas son, fillo meu, as riquezas da Casa de Salomón". En Bensalem, o matrimonio e a familia son a base da sociedade. Para Bacon a filosofía teórica soamente ten interese se vai acompañada dunha filosofía práctica; polo que unha reforma do entendemento para el implica unha reforma da sociedade.

Nova Atlántida
Segunda edición de New Atlantis de 1628.
Título orixinalNova Atlantis
Autor/aFrancis Bacon
OrixeReino Unido
LinguaLatín
Xénero(s)Novela
EditorialInglaterra Nuova Antologia
Galicia Editorial Hugin e Munin
Data de pub.Inglaterra 1624/1626
Galicia 2016
FormatoTapas duras e brandas
Páxinas76
ISBNISBN 978-84-944422-7-8
TraduciónAlfonso Blanco Quintela
editar datos en Wikidata ]

Foi traducido ó galego por Alfonso Blanco Quintela[3] e foi publicado pola Editorial Hugin e Munin no ano 2016.[1]

Historia editar

O texto puido ser redactado en 1621, despois abandonado e retomando de novo en 1623. Dende 1620, Bacon viña deseñando un Modelo de historia natural e a publicación da Nova Atlántida foi unha explicación da obra teórica. En 1906 elaborou ademais unha teoría do mito na que confería ao imaxinario un carácter histórico e un valor igualmente filosófico dende o punto de vista dos sentidos. Como nas mitoloxías que Platón inventa para impoñer o logos, o mito de Bacon ten un sentido que xustifica o recurso á ficción para facer valer a verdade ante os doutos e os reis. O obxecto desta utopía é múltiple: é ética xa que mostra a estética e a socioloxía dun proxecto de reforma das ciencias.

Dende o estrito punto de vista da investigación científica, Bacon suxire parte dos elementos non racionais que interveñen no traballo racional do investigador. Esta suxestión será acantoada co desenvolvemento da ciencia moderna, pero reaparecerá nos nosos días como digna de ser tomada en consideración.

A nota de Rawley, o editor póstumo desta obra, advirte sobre a intención do autor dicindo que a fábula foi concibida para presentar un modelo ou unha descrición dunha institución fundada coa fin de interpretar a natureza e de producir grandes e marabillosas obras para o ben de todo o xénero humano: prolongar a vida, minorar a dor etc.

Tema editar

Descrición dunha illa, Bensalem, rexida por unha sociedade filosófica académica: a Casa de Salomón.

Análise da obra editar

Sería difícil, no aspecto conceptual, colocar a Nova Atlántida baixo o nome de utopía, aínda que facendo un alarde, poderiamos atopar na República un antecedente: no libro sétimo, ao discutir a preparación científica dos gardiáns, laméntase Platón da prostrada situación na que se atopan os estudos estereométricos e espera que os estados se aventuren a protexelos. Pero sempre foi considerada unha das utopías do Renacemento. Non é nela onde a comunidade está en xogo, pois na Nova Atlántida o que está en xogo son as esperanzas extraordinarias que ao home lle desperta o dominio da natureza e que Bacon, que asume para si mesmo o título de Alexandre O Grande do Novo Imperio, soña como nun conto de fadas.

Por unha parte, esta obra segue a liña das utopías clásicas: a ficción dun Estado ideal no cal os cidadáns son felices grazas a unha perfecta organización social, ou polo menos grazas a que se reduciron os males socias ao mínimo. O título remite a Platón, que foi creador doutra utopía e que nunha das súas obras fala dun continente que está no fondo do océano.

Pero, por outra parte, esta utopía é diferente das outras. Non se ocupa principalmente da organización da economía e da sociedade, isto é secundario e resulta máis ben como consecuencia da dirección exercida por unha institución minoritaria e selecta. Bacon, preocupado co provir da ciencia e das súas posibilidades futuras, orienta o seu interese cara a conquista da natureza polo home. Na obra aparecen inventos que tardaron moito anos en aparecer, pero que porén nesa sociedade xa existían: o submarino, o avión etc. Sen dicilo claramente, o filósofo suxire unha idea interesante: que a harmonía entre os homes pode alcanzarse mediante un control da natureza que lles facilite os medios precisos para a súa vida. Isto que parece moi sinxelo, xamais foi logrado, aínda que si que se conseguiu un pequeno dominio sobre a natureza. A aparición destes inventos demostra que Bacon era un home máis preocupado pola resolución de problemas técnicos e científicos que sociais. Algunhas das súas propostas foron moi boas xa que a casa de Salomón, sociedade que figura no libro moi diferente a que había na época, e cuxa misión é dirixir a vida do país, serviu de modelo para crear a Royal Society inglesa que tan alto papel desempeñou en Gran Bretaña.

Título editar

O título de Nova Atlántida é moi ilustrativo. Temos, a réplica á versión de Timeo, réplica americana á versión europea. A Atlántida perdeuse por inundación dos seus grandes ríos e non, como di Platón, por unha conflagración xeolóxica. E o pobo que avanzou ata o Mediterráneo e, segundo a versión platónica, foi vencido polos atenienses, era o pobo mexicano. Pero de todas formas, a versión é a costa dos atlánticos, pois os atenienses reveláronse como o pobo máis grande da terra ao acabar con aquela perigosa invasión e, segundo Bacon, as inundacións acabaron coa cultura americana e non quedaron máis que uns pouco indios de onde máis tarde descenderon os pobos de América. Por iso o seu soño, deliberadamente, escápase de América[4] e busca a Nova Atlántida, xa que a nova redescuberta non lle satisfai, máis alá dos límites americanos, nunha illa do Pacífico. Esta interpretación asegúrase na obra Novum Organum, onde Bacon recorda os recoñecementos divinos que se lle adoitan dedicar aos inventores mentres que aos fundadores de cidades só a honra de heroe e onde tamén, aludindo a América e aos seus habitantes, recorda a sentenza de que "o home é un Deus para o home".

Influencias editar

Esta novela puido ser a visión de Bacon para un mundo utópico novo en América do Norte. Nela, representou unha terra onde existe a liberdade de relixión, algo así como que un xudeu tivese un trato xusto nunha illa de cristiáns. Tamén se pensa que falaba doutras reformas como maiores dereitos para as mulleres, a abolición da escravitude, a separación da igrexa e o Estado, a liberdade de expresión pero na obra non se fai referencia clara a elas. As propostas de reforma legal, porén, considérase que foron unha das influencias para o código napoleónico.

Francis Bacon desempeñou un papel destacado nas colonias británicas, especialmente en Virxinia, as Carolinas e Terra Nova no noroeste do Canadá. Crese que Bacon estivo inspirado para a súa obra nunha colonia de Rosicrucian (rosacruces) dirixidos por Johannes Kelpius, para viaxar a través do océano Atlántico. Esta colonia fixo contribucións valiosas á cultura emerxente estadounidense nos campos da impresión, filosofía, ciencias e artes, por iso se pensa que o autor se inspirou neles.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Nova Atlántida. Traducido por Alfonso Blanco Quintela (1ª ed.). Santiago de Compostela: Editorial Hugin e Munin. 2016. ISBN 978-84-944422-7-8 – vía Biblioteca da Tradución Galega. 
  2. Trátase dunha viaxe imaxinaria, pero non de carácter fantástico.
  3. Editorial Hugin e Munin (ed.). "Catálogo da Editorial Hugin e Munin (actualizado o 1 de xaneiro de 2019)" (PDF). p. 74. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de abril de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019. 
  4. Os americanos eran os máis novos do planeta e tamén os menos enxeñosos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Ímaz, Eugenio (2001). Campanella, Tommaso, ed. Utopías del Renacimiento (en castelán). Fondo de Cultura Económica. pp. 28–35, 235–273. ISBN 9789681605360. 
  • Huisman, Denis (2002). Diccionario de las mil obras del pensamiento. pp. 450–451. ISBN 84-309-2978-9. 

Ligazóns externas editar